Despois dunha malleira propinada por falanxistas na Porta do Sol da Estrada, o mestre Bernardo Mato Castro faleceu na súa casa de Godoi, Vinseiro, A Estrada o día 4 de setembro do ano 1936. Case setenta anos despois, en xullo de 2006, a nosa asociación rendéralle unha homenaxe na última escola na que exercera de mestre, en Campos, parroquia de Teo, concello do mesmo nome, en colaboración coa Asociación Sinhor Afranio da Estrada.
Entre as asistentes a ese acto de hai nove anos estaba unha bisneta de Bernardo Mato, Iria Morgade, quen despois estudou Ciencias Políticas en Madrid, e que é escritora, gañadora do premo Biblos-Pazos de Galicia no ano 2011.
Iria Morgade é tamén autora dun traballo académico, polo momento inédito, no que se achega á figura do mestre ao que lle dedicamos este acto. Estamos a falar dun mestre modélico para os seus alumnos e dun modelo de mestre para os seus colegas de profesión, segundo se apuntou na presentación do acto de homenaxe do ano 2006, dun home cun forte e militante compromiso coa República.
Iria Morgade vai compartir con nós esta súa achega á importante figura do seu bis-avó. Farao este sábado, día 27 de xuño, ás 20,30 horas, na Mediateca Municipal do Grilo de Cacheiras.