Este acto terá lugar o vindeiro venres 4 de febreiro ás 20:30 h. no MOME da Estrada. Agasallarase cun exemplar aos asistentes.
Cruceiros da Estrada: #ProxectOuzamerxe
Por iso, ese labor de coñecemento e divulgación do patrimonio que Olimpio Arca retoma en pleno franquismo ten unha importancia fundamental tanto desde o punto de vista cultural como pedagóxico. Os medios con que contaba eran escasos e a receptividade do esforzo moi cativa; con todo, non desistiu en toda a súa vida de teimar en coñecer o propio e, sobre todo, de aprender a amalo.
Coa publicación deste estudo escolar, que ten rigorosidade académica, tentamos continuar e prolongar o seu proxecto, que hoxe sintetizamos baixo a denominación de #ProxectOuzamerxe, por canto a situación na que se atopa o cruceiro desta aldea é sintomático do estado do noso patrimonio en xeral. #ProxectOuzamerxe non só pretende que as institucións cumpran coa súa función de preservar e valorar a herdanza recibida, tanto material como inmaterial, senón tamén quere ser un chamamento á cidadanía en xeral para que se sensibilice e se encariñe co noso. É un xeito máis feliz de vivir por querermos o que nos é propio, por amarmos o que temos; mais tamén, desde un punto de vista máis xeneroso, por termos unha responsabilidade coas xeracións vindeiras ás que non queremos deixar un mundo máis pobre e desolado que o que recibimos.
Dentro do #ProxectOuzamerxe tentaremos recuperar, restaurar, valorar e difundir todo o noso rico patrimonio, e para iso queremos convidar a toda a veciñanza a colaborar achegándonos a súa contribución de xeito libre e aberto para poñer a disposición de todo o mundo, axudándonos como informantes, doantes ou simplemente altofalantes desta proposta. Entre todas e todos seremos quen de recuperar un futuro para o noso pasado, facendo máis valioso o noso presente.
A. C. "Vagalumes"