Calros Solla
A peza de meirande tamaño semella un pé de canastro ou de emparrado. Nas inmediacións non atopamos vestixio da construción ou estrutura da que puidese provir. A súa feitura lembrounos o cotaño dunha árbore tallada e desenraizada. A base, sen cicelar, mide 47x35 cm. A cana, ben traballada, coma o toro dunha árbore de porte medio (uns 20 cm de diámetro), fai que o pedestal acade os 92 cm de altura. O corte da parte superior é plano.
A pedra pequena semella un morteiro, é dicir, un recipiente de material duro que se utiliza en usos domésticos ou en laboratorios para machucar certas substancias (dic. Rag). O morteiro acada os 48 cm de alto. Máis elíptico ca cilíndrico, as súas dimensións son de 32x26 cm. Na parte superior ábrese unha concavidade cónica de 24 cm de fondo e 15 cm de boca. As paredes interiores presentan o desbastamento propio do uso. Arredor da boca, tallóuselle un adobío moldurado. A base, de corte recto, presenta no centro unha pequenísima concavidade. Non se atopou o mazo ou esmagador que, coidamos, tamén debía ser de pedra. No tocante ao peso, o morteiro pode superar os 60 quilogramos, converténdoo nun utensilio difícil de manexar.
Posto que, na morea, non atopamos outras pezas labradas, déusenos por pousar o morteiro enriba do pé. As pedras son da mesma natureza, mais a estabilidade do conxunto non resultou satisfactoria.
Feitas as preceptivas anotacións, procedemos a agochar no lugar o tesouro etnográfico, co obxecto de mantelo afastado de ollos agoadizos.
Consultados os nosos informantes comarcáns respecto ao suposto morteiro (mesmo auxiliados das fotografías), ningún deles lembrou ter visto ou empregado un útil das referidas características. De calquera xeito, facemos por divulgar o achado, convencidos de que os lectores nos axudarán a resolver o enigma.