O colectivo Capitán Gosende reclama a restauración do conxunto etnográfico da ponte e muíño de Bugarín
Calros Solla
A chaira de aluvión que, no pasar dos ciclos xeolóxicos, compuxo o cachazudo río de Quireza na meirande parte do seu curso, propiciou, até hai unhas décadas, feraces terras de cultivo (agras dos Castros, Fondós e Vilarchán (Quireza), Bugarín (Castro) e O Serrapio (Pedre)), transformadas na actualidade en pasteiros discontinuos e avesedos forestais máis ou menos densos dos que se benefician algunhas reses vacúas, ovinas, cabrúas e cabalares.
Hai uns días, principiabamos a nosa angueira exploratoria do río de Quireza baixo o arco da ponte do Terraplén (acceso ao Serrapio pola PO-230), construído a uns 200 m da embocadura do Quireza no Lérez. Río arriba, a uns 600 m do noso punto de partida, demos co fermoso conxunto etnográfico da ponte e muíño da Serra, cuxo estado de conservación é lamentoso (Faro de Vigo, 19-6-2022). Proseguindo a marcha, a uns 300 m do muíño da Serra, atopamos a súa presa (encalco), a boca da levada e a pedra que regulaba o caudal destinado á corta e mais á moenda (ben seguro, por esixencias da antiga hidroeléctrica de Dorna). A traxectoria da levada aínda é visíbel na fotografía do “Voo Americano” (1956-7). Neste banzo, o río acelera o pulso e abandona o seu mutismo pousón. A uns 900 m da ponte e muíño da Serra, atopamos outro conxunto etnográfico non menos belido: a ponte e muíño de Bugarín. Por desgraza, estoutra mostra da nosa arquitectura popular tampouco vive a súa mellor época. Todos estes bens localízanse na parroquia cerdedesa de Castro.
No fondal da aldea de Bugarín, á beira do camiño de cara ao río, celebramos os labores de restauración que un particular está levando a cabo na casa das Laxas, edificación de bo perpiaño, dotada dunha maxestosa solaina. A ponte de Bugarín comunica o poboado que lle dá nome co de Castro do Cabo, antigo camiño dos defuntos.
A ponte de Bugarín (coordenadas.- X: 546.055; Y: 4.710.820) é unha construción en pedra, de taboleiro recto, carecente de peitorís. Cinco ollos barutan a corrente. Érguese sobre catro grosos piares que se arrepoñen ás enchentes brandindo agudos tallamares. A peza superior dun dos tallamares agarda no leito do río pola súa recolocación. A ponte de Bugarín posúe 18 m de longo, 2’50 m de largo (3’90 m até o bico dos tallamares) e 1’90 m de alto. Ende mal, acada os 2 m de alto, xa que, hai anos, por outorgarlle consistencia a estrutura, as trabes do taboleiro foron cubertas cunha capa de 10 cm de formigón. Coidamos indispensábel que a cobertura de formigón sexa convenientemente retirada, para que a ponte volva lucir como orixinalmente.
A uns 50 m da ponte, cara ao norte, un chisco afastado da madre do río e na súa marxe esquerda, localízase o muíño.
O muíño da Ponte, muíño de herdeiros, é unha construción en avanzado e evocativo estado de ruína. Presenta paredes de cachotaría e tellado a dúas augas (tella país). É un muíño de calexa cuberta. A auga da canle accionaba un rodicio (de ferro) e, por tanto, unha moa. Eis as dimensións exteriores do inmóbel: 6’25 m de longo x 3’90 cm de largo (uns 24’4 m2 de superficie). A altura máxima interior acada os 2’50 m. A parede leste do muíño abre dous vans: o da porta (143 x 100 cm) e mais un bufardexo. Outro bufardo na parede sur. Un pé gastado embutiuse na cachotaría interior da parede leste. A parte inferior e interior da parede norte compúxose cunha fileira curva de bos cachotes, pechando a sección do tremiñado destinado a conter a fariña.
En 1977, o fotógrafo pontevedrés Carlos Osorio (1950-2002) visitou Cerdedo e escolleu as ribeiras dos ríos Lérez e Quireza como albos do seu dispositivo (léase: “Unha viaxe ao Cerdedo dos setenta”, Faro de Vigo, 13-8-2014). Afortunados somos ao contar con este valiosísimo legado. Amais das fotos obtidas polo noso colectivo, Faro de Vigo publica hoxe dúas imaxes capturadas por Osorio a finais dos anos setenta neste beatífico relanzo fluvial. O que hogano é arqueolóxica saudade, antano aínda era vivaz etnografía.