Capitán Gosende descobre un gravado rupestre no linde interparroquial de Castro e Quireza
O día da Candelora casaron os paxariños todos. Os frutuosos esponsais envolvéronse en arautos de primavera. Tras a cachea da simbólica fascista (que nos ocupou parte do inverno), o Capitán Gosende retoma en Cerdedo o labor que tantas ledicias nos ten deparado: o estudo e visibilización do noso patrimonio material e inmaterial e, nesta xeira, a descuberta e valorización da nosa arte rupestre.
Malia estaren riscados na pedra, en Capitán Gosende estabamos xa fartos de tanto xugo e de tanta frecha, feixes secos da nosa histórica invernía, como fartos estamos da cacicaxe que insiste en perpetualos. Volva zumegar a seiva dos petróglifos e volva verdear a follaxe avesía, para que o mesto arboredo evite a contemplación deste ermo de cínica ilegalidade. En Cerdedo seguen gobernando os de sempre e os de sempre, imposición tras imposición, eríxense no nó gordiano que pexa o avance e na canga que somete toda vontade de reconciliación. Os únicos gravados rupestres que a dereita local teima en preservar son o xugo e as frechas.
O pasado domingo os exploradores de Capitán Gosende descubrimos un petróglifo no monte Porrido, sobre o linde interparroquial de Castro e Quireza e a escasos metros dunha pista forestal. A inscultura, que denominamos “petróglifo do monte Porrido”, localízase, segundo o mapa do IET, a uns 150 m, cara ao norte, da estrema co concello de Campo Lameiro (parroquia de Montes). O petróglifo do monte Porrido (coordenadas.- X: 544.627; Y: 4.709.845; alt. 481 m) componse dun agrupamento de 16 coviñas talladas na parte superior dun afloramento granítico. A superficie visíbel da laxa supera os 2 m2. A rocha intégrase nun conxunto rochoso no que proliferan pías e desaugadoiros de formación natural. Adxacente, anotamos a existencia dunha casoupa de pedra desprovista de cuberta que, en tempos, deulle abrigo ao garda forestal. A construción presenta as seguintes dimensións: 3’20 m de longo x 2’50 m de largo x 2’20 m de alto (vértice do pinche). As paredes norte e leste aproveitan a rocha para se configurar. Na parede oeste ábrese un fachinelo. Na zona, os rochedos e pedregais son abondosos, porén, a súa calidade (gran groso) é inferior á do soporte insculturado. Non se desbota, pois, o papel obliterador desenvolvido polos axentes erosivos.
Do conxunto de coviñas, a meirande acada os 10 cm e a máis pequena, os 4 cm. As concavidades de maior tamaño tamén son as máis profundas. Das 16 coviñas, 11 asócianse tanxencialmente e outras 2 adoptan a formación “peciño de neno”, acuñada para os petros do monte do Ceo (Xirarga-Beariz). O seu número, tamaño e distribución polo panel lémbrannos o conxunto de coviñas (19) do petróglifo do Outeiro da Pena IV (a 7’5 km de distancia cara ao NL), descuberto polo colectivo Capitán Gosende nos montes de Sabucedo (A Estrada) en decembro de 2014.
O número de gravados rupestres descubertos en Cerdedo polo colectivo Capitán Gosende ascende a 46. Na comarca de Montes atinximos a cifra de 77. Ladran, logo cabalgamos.
Calros Solla