O colectivo Capitán Gosende protesta contra a intervención arqueolóxica desenvolvida no Outeiro Aciveiro (Lourido-Cerdedo).
Calros Solla
Honrados coa encomenda e sempre dispostos a botar unha man a quen nola solicita de bo grao e por causa loábel, principiamos a elaboración dunha sinóptica carta arqueolóxica, baseándonos na información custodiada en Patrimonio e, fundamentalmente, nos datos obtidos tras unha pescuda de anos polo territorio que xa deu lugar a tres publicacións: Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017) e O embigo do becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V (no prelo, mais desagregado oportunamente na prensa).
En resumo, a día de hoxe o tesouro arqueolóxico do lugar de Lourido componse de trece xacementos. A pesar dos nosos esforzos, só sete dos trece bens figuran rexistrados no arquivo de Patrimonio. No tocante á arte rupestre, enumeramos: petróglifo do Outeiro Aciveiro I, petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib, petróglifo do Outeiro Aciveiro II, petróglifo do Outeiro Aciveiro III, petróglifo das Brañas I (O Catadoiro), petróglifo das Brañas II (O Catadoiro), petróglifo das Abeleiras I, petróglifo das Abeleiras II e petróglifo das Abeleiras III. No tocante ao megalitismo, enumeramos: mámoa do Catadoiro I, mámoa do Catadoiro II, mámoa do Outeiro Aciveiro I e mámoa do Outeiro Aciveiro II.
A pasada fin de semana (1 e 2 de agosto), membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos até o lugar de Lourido para, sobre o terreo, facer as últimas comprobacións. Cando na tarde do día 2, ascendemos a lomba do Outeiro Aciveiro, decatámonos con sorpresa e fastío de que a zona fora obxecto dunha labra intensa coa finalidade de repoboar aqueles predios (monte baixo) con coníferas. Ao abandonar a pista forestal para acceder ao coto, puidemos observar como a meirande parte dos afloramentos graníticos testemuñaban a groseira intervención de maquinaria pesada (buldócer): roturas, desmochaduras, raiaduras, raspados, envorcados, arrastre... Os restos das bandexas plásticas das plántulas esparexíanse aquí e acolá. Cómpre salientar que as áreas de cautela dos referidos bens arqueolóxicos abranguen boa parte da zona afectada polo dito plantío.
Acendéronsenos todas as alarmas, pois na cimeira do Outeiro Aciveiro os do Capitán Gosende descubriramos en 2008 e 2017 tres estacións petroglíficas que foron denominadas: petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib, do Outeiro Aciveiro II e do Outeiro Aciveiro III. Todas tres estacións petroglíficas non gozan dos beneficios da catalogación, aínda que a súa descuberta fora comunicada con tempo a Patrimonio (anos 2015 e 2017). A existencia do gravado rupestre Outeiro Aciveiro Ib ficou consignada no libro Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, Ed. Morgante, 2009, páxinas 53 e 177 (fotografía 25) e, así mesmo, n’O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, Ed. Morgante, 2017, páxinas 75-7 e 78, 80, 81 (fotografías). A existencia dos gravados rupestres Outeiro Aciveiro II e III ficou tamén consignada no libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, páxinas 75-7 e 82-3 (fotografías).
Por desgraza, cando acadamos o cume as nosas terríbeis sospeitas víronse confirmadas. A desfeita estendíase centos de metros cadrados ao noso arredor. O arado do buldócer mesmo rachara en sucos o laxedo situado a menos de 1 m de distancia da lastra que soporta o petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib. Malia investir unha hora na súa busca, non fomos quen de localizar os gravados do Outeiro Aciveiro II e III (situábanse a carón do primeiro petróglifo), polo que, con certeza, foron destruídos. Volvemos facer fincapé en que, en moitas ocasións, os motivos conservados na parte superior dos afloramentos graníticos son apenas o indicio do que se agocha baixo a vexetación ou o terreo circunstante. Traspasados pola carraxe e pola impotencia, maldicimos a sorte deste noso pobo malfadado que se haberá de conformar co recordo.
Mentres tomabamos os pertinentes apuntamentos e fotografías, puxémonos en contacto telefónico co presidente da Comunidade de Montes de Lourido quen, abraiado, puxo no noso coñecemento que o control arqueolóxico sobre os traballos de creación daquela superficie forestal fóralle contratado a unha empresa de arqueoloxía cuxo nome, por pudor, non imos revelar. Ao parecer, as tarefas de labradura e plantado leváranse a cabo nos días previos ao confinamento decretado a causa do covid-19.
O proxecto de intervención arqueolóxica redactado pola empresa contratada acabou chegando ás nosas mans e, no que concirne aos bens suxeitos a protección, as súas 31 páxinas, amais de reproducir os erros ou inexactitudes xa observados nas fichas de Patrimonio (toponimia, coordenadas...), adobíanse cun feixe de boas intencións. No dito documento, a empresa de arqueoloxía estimaba tres xornadas de “traballo completo de campo” para a correcta realización da supervisión da repoboación, para os que estimou oportuno o emprego do(s) buldócer(es).
No punto 6 do proxecto (“Proposta de intervención arqueolóxica”) lemos (6.1. Tipo de intervención):
−Proponse levar a cabo unha intervención arqueolóxica de control de tódolos traballos a realizar nas áreas de protección arqueolóxica, e que, principalmente, consistirán na supervisión dos traballos de aburatamento realizados con maquinaria pesada.
−Antes do inicio dos traballos, a dirección arqueolóxica deberá informar ao persoal da reforestación da localización dos bens patrimoniais da contorna...
−Deberase levar a cabo unha inspección do terreo, por se se localizara algún outro ben patrimonial no ámbito da actuación.
E no tocante aos obxectivos (apartado 6.2.):
−O obxectivo principal que se persegue coa execución da intervención é mitigar o impacto da actuación forestal sobre os xacementos arqueolóxicos afectados...
−Prestarase coidadosa atención á posible existencia de vestixios arqueolóxicos ao longo de toda a superficie de traballo e que eventualmente poidan supoñer un acrecentamento no coñecemento que actualmente se ten sobre os bens.
Para máis inri, no capítulo dedicado ao traballo de campo (apartado 6.3.), a empresa de arqueoloxía salienta:
O plan de traballo de campo queda definido polos seguintes puntos (entre outros):
−Inspección do terro previa, para a localización de eventuais novos xacementos, especialmente no caso do pequeno outeiro ao NO da Mámoa de Acibeiro 2, no que se podería agochar algunha outra manifestación de arte rupestre...
−Control visual dos movementos de terras realizados con maquinaria pesada.
−Inspección dos sucos creados a fin de localizar posibles restos arqueolóxicos.
Poden adiviñar o cruento final, o “pequeno outeiro ao NO da mámoa” é o lugar onde o colectivo Capitán Gosende descubriu en 2008 e 2017 os petróglifos do Outeiro Aciveiro Ib, II e III. Lamentamos a pouca agudeza visual dos exploradores da empresa de arqueoloxía, xa que as coviñas do gravado Outeiro Aciveiro Ib (as que, ao chou, se libraron do arado do buldócer) saltan á vista. Non obstante, cantos desgustos aforrariamos se os “titulados” baixasen do pedestal académico, consultasen a bibliografía proscrita ou se aconsellasen, de cando en cando, cos pedestres afeccionados. Agora é tarde.
Escusamos engadir máis nada. A conclusión á que doadamente chegamos é que a empresa de arqueoloxía, amais de obviar a bibliografía existente sobre os bens patrimoniais da zona, fixo, un deficiente (por non dicir inexistente) labor de inspección e supervisión. A decisión de empregar o buldócer dentro das áreas de protección dos bens patrimoniais catalogados foi completamente desatinada. O sentido común ditaba que, antes da irrupción do buldócer, a área de cautela e, en concreto, o coto do Outeiro Aciveiro, deberan ser rozados manualmente, para favorecer o posterior exame a pé do pedregal. A empresa valorou a súa intervención en 1.984’40 euros.
O mal xa está feito, porén, visto o visto, non desaproveitaremos a oportunidade de reivindicar o valiosísimo traballo, entusiasta e desinteresado, desenvolvido na Galiza por individuos e colectivos en prol da divulgación e salvagarda do noso patrimonio arqueolóxico. O país é moi grande e o desleixo institucional aínda o é máis. Non sobra ninguén e por tal, esiximos:
1º) O debido respecto aos achádegos, ás publicacións e á angueira de valorización e divulgación levadas a cabo polos afeccionados á arqueoloxía (e a calquera outra disciplina), verdadeiros valedores do noso acervo cultural.
2º) Os sitios arqueolóxicos descubertos e comunicados a Patrimonio polos afeccionados deben ser tomados en consideración, recaendo sobre eles, de xeito cautelar e inmediato, a mesma protección que rexe para os bens catalogados, facéndoos constar, por exemplo, no mapa de aproveitamentos forestais (mapas.xunta.gal). A catalogación provisional manteríase vixente até que se puidese sufragar a visita ao lugar dos arqueólogos titulados. Tras o seu visto e prace, estes xacementos asentaríanse definitivamente no catálogo oficial.
O día 3 de agosto de 2020, o colectivo Capitán Gosende entregoulles a carta arqueolóxica “oficiosa” de Lourido aos veciños que nola requiriron. O noso labor de protección da herdanza milenaria de todos foi de balde (coma sempre); desexamos que non en balde (coma case sempre).
Capitán Gosende contra o mundo.7