Calros Solla
Cuestionario para avaliar os coñecementos que todo cerdedés debera posuír para acadar de pleno dereito a carta de natureza.
Cuestionario:
1. A que árbore de froitos secos fai referencia o fitotopónimo abundancial “Cerdedo”?
2. En que ano comezou Cerdedo a funcionar como concello?
3. Cal foi o político cerdedés que, no exercicio de diversos cargos municipais, se mantivo máis tempo en activo?
4. A que ponteiro medieval se lle atribúe a construción ab fundamentis da ponte de Cerdedo, tamén chamada de Santo Antonio?
5. Como se chamaba o can de palleiro que escorrentou as tropas gavachas da aldea de Arén?
6. Que cruceiro de Parada foi esculpido polo autor do cruceiro do Hío?
7. Cales son os principais afluentes do río Lérez ao seu paso por Cerdedo?
8. Que mestre de obra da parroquia de Castro construíu a portada da igrexa mosteiral de Sobrado dos Monxes?
9. Que nome recibe a rocha que dirime preitos, localizada no monte da Cavadosa?
10. Enumere de maior a menor os tres cotos cerdedeses situados a maior altitude.
11. A quen se encomendan os veciños de Limeres cando trona ou alanca o lume?
12. Quen foi o único alcalde agrarista que rexeu Cerdedo?
13. Que escritor cerdedés é autor da novela O mestre de Quiroza?
14. Como se chama o burro falangueiro e políglota −personaxe do noso entroido− que seica celebrou misa na parroquial de Cerdedo?
15. Quen é o autor da única fotografía na que se observa o conxunto etnográfico da Pontapedre (ponte, muíño e cruceiro) antes do seu espolio?
16. En grupos de cantas unidades avanza o fenómeno meteorolóxico coñecido en Cerdedo como “os cabaleiros da chuvia”?
17. Quen ten prohibido o acceso ao interior da capela de Vilarchán?
18. En que ano a aldea do Serrapio se agregou a Cerdedo?
19. Que alcalde de Cerdedo foi mallado polos da súa corda?
20. En cantas ocasións se deu en Cerdedo que o sogro lle cedese a alcaldía ao xenro?
21. Segundo a tradición, de quen era pai o artífice da ponte de Pedre?
22. Como se chamaba a raíña moura que habitaba a fortaleza da Torre dos Mouros?
23. Que relación existe entre o cruceiro das Procesións de Quireza e os nazis?
24. Como se denomina o petróglifo que presenta as meirandes combinacións circulares da arte rupestre cerdedesa (e da comarca de Montes)?
25. Que famoso espía do MI6 se bañou na poza do Cura?
26. Que tres figuras heráldicas iguais locen no escudo familiar do Padre Sarmiento?
27. En que ano chegou a luz eléctrica a Cerdedo?
28. Que médico e xornalista cerdedés dirixiu o periódico no que se publicou o primeiro artigo en galego?
29. En que ano a parroquia de Castrelo deixou de pertencer ao concello de Cerdedo?
30. Cal foi o político cerdedés que, de forma consecutiva, se presentou á alcaldía integrando as filas de catro partidos distintos?
31. Como se chama o penedo antropomorfo que tranca o acceso ao tesouro de Castrodiz?
32. Que relación existe entre Cristovo Colón e os petróglifos alfabetiformes achados na ourela esquerda do Lérez?
33. Que enxeñeiro de minas negou a existencia dun filón de prata no monte de Folgoso?
34. Cando se fundou o Cerdedo Fútbol Club?
35. Cal é o título da primeira obra narrativa publicada por un de Cerdedo?
36. En que ermida se custodiaba unha arca ateigada de cairos de dragón?
37. Que famosa foliada estreou o coro Cantigas da Terra o 18 de maio de 1933?
38. Que cura de Pedre tiña sona de practicar o espiritismo?
39. Cal é o título do poemario inédito de Xosé Otero Espasandín?
40. Que alcalde cualificou o pazo das Raposeiras (séc. xvi), berce do Padre Sarmiento, como “pésima palleira”?
41. Quen era o abade do San Tomé de Quireza en tempos da francesada?
42. Que escritor británico se interesou pola Festa da Vincha de Cerdedo?
43. Que nome recibiu a primeira empresa de transporte de viaxeiros que facía o traxecto Cerdedo-Pontevedra (e viceversa)?
44. Que ponte sobre o río do Castro foi roubada polo demo?
45. Que xornalista e escritor cerdedés dixo: “En Cerdedo hai máis pobres ca señoritos”?
46. Como se chamaba o futbolista cerdedés que lle meteu un gol ao Real Madrid?
47. En que aldea se custodia o obxecto considerado polo pobo como o axóuxere que abalou a meniña Rosalía de Castro?
48. Como se di en vervo xido “Hoxe comín castañas”?
49. Que político cerdedés, que chegou a ser alcalde, era coñecido co alcume d’o Raposo Pixín?
50. De que marca era o primeiro automóbil que circulou por Quireza?
51. Como se chamaba a primeira cerdedesa que foi capataza dunha cuadrilla de canteiros?
52. Que serpe monstruosa ten por hábitat a conca do Lérez?
53. Por que nome e apelido é coñecida a Moura (a Deusa Nai celta) en Cerdedo?
54. Que lúcida cerdedesa discorreu o axioma “Somos de la carretera”?
55. Que afouto labrego cerdedés lle gañou un preito a unha hidroeléctrica “sen apear dos zocos”?
56. Quen foi o primeiro alcalde de Cerdedo durante a II República?
57. Que relación existe entre a forxa de Anxelo de Carballás e o voo do “Plus Ultra”?
58. Que fermoso romance escoitou Vítor Said Armesto de boca da mendiga cerdedesa Lucía Domínguez?
59. Que vemos os cerdedeses cando miramos para a lúa chea?
60. Que frade cerdedés construíu a escalinata curvilínea da igrexa mosteiral de San Martiño Pinario?
61. Quen foi o contratista cerdedés que atopou o tesouro do pirata Benito Soto?
62. Cales son os BIC de Cerdedo que non están en Cerdedo?
63. A que mítico personaxe do noso Nadal cómpre facerlle un oco na mesa en Noiteboa?
64. En Cerdedo, onde acostumaba celebrar as súas asembleas a gavela de Pepa a Loba?
65. Cantas coplas xuntou nun libro a cantareira Manuela Cortizo Medal?
66. Que nome reciben en Tomonde as antas de cachote empregadas para mudar o tempo meteorolóxico?
67. Que amuleto recollido en Cerdedo exonera o morto de acudir ao Santo André de Teixido (se non foi de vivo)?
68. En lembranza de que dirixente veciñal asasinado se ergueu o monolito do Chan da Andoriña (A Corredoira)?
69. Cal é a necrópole megalítica máis importante de Cerdedo?
70. Que significa o refrán “Cando a Laxamoura chora, auga roga”?
71. Que avogado, conserveiro e político cerdedés chegou a ser alcalde de Vigo?
72. Que crego cerdedés foi o primeiro en empregar a lingua galega para misar (25-7-1961)?
73. Cando a sublevación fascista de xullo do 36, que fillo de cacique coordinou a resistencia republicana en Cerdedo?
74. Cal é o nome da fonte de Cerdedo cuxa propiedade pública defendeu o boticario agrarista Constantino Gamallo Soto, e por tal foi á cadea?
75. Que ponte do río do Seixo se veu abaixo por mor do terremoto de Lisboa?
76. Que presbítero foi o fundador da igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde?
77. Que santo, cuxa cabeza sempre foi un coio, se exhibe nun fornelo da aldea da Vilalén?
78. Que relación existiu entre o pan de Quireza e o magnicida Mark David Chapman?
79. Que xornalista catalán foi adaíl do movemento agrarista en Cerdedo?
80. En que lugar de Cerdedo se honra a memoria dos represaliados polo franquismo?
81. Que relación podemos establecer entre a Fábrica de Papel do Faramello (Rois) e a talla do Ecce Homo?
82. Cal foi o gaiteiro cerdedés máis famoso da comarca de Montes?
83. Que mestre canteiro dirixiu, de xeito altruísta, a construción do asilo de Cerdedo?
84. Que parroquias de Cerdedo foron antes concello?
85. Que empresa de transportes local tiña nome de peixe?
86. Que mestre de obra cerdedés construíu a torre sineira da catedral de Ourense?
87. Que muller preferiu afogar no Lérez antes de ser capturada polos franceses?
88. Que famoso capitán de milicias combateu na Coruña a armada do corsario Francis Drake?
89. Viva Barro, viva Barro, viva Barriño de Arén(e); viva Barro, viva Barro, viva...
90. A cantos homes persuadiu a cregaxe para que fosen coroados de espiñas e coa cruz ao lombo na procesión do Ecce Homo de 1747?
91. Que monumento cerdedés censura un verso de Celso Emilio Ferreiro?
92. Que outra ocupación tiña o canteiro que construíu a ponte de Arén?
93. Que equipo de fútbol sucedeu nos terreos de xogo ao F.V.?
94. Que nome recibiu a doenza asintomática que decimou Cerdedo cinco anos antes de desatarse a chamada gripe española?
95. Cal é o nome do profeta aldeán que, consonte a tradición, está soterrado na Mámoa Grande de Chan de Mamas?
96. Que alcalde cerdedés recluíu na súa casa á Dominga Recamonde Xil, a célebre xaxuadora de Millarada?
97. Que nome se lle deu ao gravado rupestre cuxa feitura lembra os moldes de facer os freixós?
98. Que cóengo de Folgoso traduciu os Evanxeos á lingua galega?
99. Que castro deslinda ao leste co noiro do regueiro da Freixeira?
100. Que crego de Tomonde foi cofundador do Museo do Pobo Galego?
* Todas as preguntas do cuestionario atopan resposta nos 18 volumes publicados da colección Cerdedo in the Voyager (Ed. Morgante) e, en concreto, na serie “Retrincos”: O código da vincha (2012), As pedras da tribo (2014), A conxura dos Gosende (2015), Ao saimento de nós (2017) e, de próxima aparición, O embigo do becho (2020).