Día de Rosalía 2020
A AO vindeiro luns, 24 de febreiro, día de Rosalía, queremos sumar desde a Asociación Cultural “Vagalumes” unha iniciativa para conmemorar esta data cunha xornada de diálogo entre os escritores estradenses e Rosalía de Castro. A autora que inaugura o sistema literario galego contemporáneo ten unha pegada decisiva nos escritores posteriores de toda Galiza. Nós quixeramos lembrar a influencia e relación entre a súa poesía e a obra de Avelina Valladares, Manuel García Barros, Varela Buxán e Cabada Vázquez. Para iso imos achegarnos aos seus espazos vitais para amosar o noso recoñecemento aos que deron continuidade á obra rosaliana, estendéndoa aos outros xéneros literarios como o teatro (Varela Buxán) e actualizando as novas temáticas que se impuxeron co tempo, pero sempre leais á Nosa Terra e á nosa lingua.
Os actos comezarán en Berres, ás 12:00 h. da mañá, diante da tumba de Avelina Valladares, contemporánea de Rosalía. Alí darase lectura dun texto da escritora desta parroquia Chus Nogueira e de poemas de Rosalía e de Avelina.
Ás 13:00 h. da mañá, diante da tumba de Manuel García Barros en Callobre, guiados pola introdución do profesor Carlos Loureiro, o actor Gonzalo Valcárcel realizará unha breve intervención escénica e a continuación darase lectura a textos de ambos autores que poñen en evidencia a súa relación.
Ás 17:00 h, en Lamas, diante da súa igrexa, celebrarase o encontro co dramaturgo Varela Buxán, orixinario desta parroquia, coa lectura de textos que poñen luz sobre os vencellos que os unen. Intervirá a escritora do Foxo, Susana Sanches Arins.
Por último, na parroquia de Codeseda, ás 18:00 h. no seu adro, diante da tumba de Cabada Vázquez, lembraremos da man do seu sobriño e biógrafo Manuel Cabada Castro, a conexión entre ambos os poetas, coa lectura dos seus versos irmandados polo sentimento común de amor á Galiza e á súa redención.
Para rematar a xornada, darase lectura ao Manifesto de Rosalía deste ano, elaborado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. no MOME.
A Asociación Cultural Vagalumes é membro da Federación Galiza Cultura, no seo do que se suma aos actos de homenaxe a Rosalía que por todo o país organiza o asociacionismo cultural.