Día de Rosalía 2020
Maria Xesus Nogueira
Vimos hoxe visitarte para celebrar contigo un aniversario especial. Hai xusto 183 anos nacía do outro lado do val Rosalía de Castro, a autora de Cantares gallegos e Follas novas, a poeta de verso indomeable que seguimos a ler e a descubrir, xeración tras xeración.
Hai tempo que vimos celebrando, dentro e fóra das nosas fronteiras, o que se acabou chamando Día de Rosalía, e no que recordamos a escritora que inaugurou ―afirman os manuais― a literatura galega contemporánea. Hoxe, Avelina, facémolo desde preto da casa de Vilancosta e do Ulla amado, os teus espazos vitais e poéticos, para recordar tamén o papel doutras mulleres que acompañaron a Rosalía no seu labor pioneiro e que a historia da literatura deixou case sempre nas marxes dos seus tratados. Como a Rosalía que hoxe celebramos, tamén escribiches páxinas fundacionais dunha literatura que estaba a agromar “sin gramática nin regras de nigunha clas”. Fixéchelo en composicións poéticas nas que convertiches do campo que te veu nacer ―a nosa paisaxe ullá― en materia literaria. Do mesmo xeito que Rosalía, cantaches a paisaxe galega, deostada por tantas plumas ilustres, e fixeches dela un piar da nosa identidade:
Xoíña de España adorada Galicia,
verxel dos encantos dos puros amores,
esperta, que o tempo chegou da xusticia
E ás portas alleas non pidas favores.
Os teus versos, que non obviaban a reivindicación do noso país e as nosas xentes, recordaron tamén, igual que os túa irmá Rosalía, “ôs que emigran” e, do mesmo xeito que ela reparou nas mulleres que sofren o drama do éxodo, tamén lembraches “as nais coitadiñas aflixidas que quedan chorando” e os “campos e verdes soutiños” que os agardan.
Pioneira na escritura da nosa poesía moderna, querida Avelina, fundadora tamén dunha estirpe de afoutas mulleres escritoras queremos celebrar onda ti desde o val do Ulla, o Día de Rosalía.