Xosé Manuel Cabada Vázquez e Rosalía de Castro. Un encontro poético
Manuel Cabada Castro
E, ollando aínda moito máis cara atrás, cando el, vítima dunha inoportuna e rápida enfermidade, morría con só 34 anos en Linares (Xaén) naquel 2 de abril do fatídico ano 1936, lonxe desta súa terra natal de Codeseda (máis concretamente do lugar de Barro, ben próximo a onde nós estamos aquí agora, á beira da súa tumba), só tiña eu un par de meses de vida. De modo que non me era posíbel gardar lembranza persoal algunha del, aínda que posibelmente me vería el ou bicaría nalgún momento neste breve e común tempo de mutua simultaneidade temporal.
Respecto da súa obra literaria, nin entendía daquela eu ben o galego literario e culto da súa obra, poética sobre todo, fundamentalmente o do seu libro Vagalumes, publicado só cinco anos antes do seu pasamento, nin tampouco tiña eu claves suficientes para xulgar o seu persoal empeño literario. Da súa actividade política galeguista non sabía eu tampouco nada. Seu irmán, e pai meu, só me dicía que estivera metido en política. Eran tempos de silencios compartidos con aparente normalidade.
En canto ó talante do seu modo de facer poesía, só quero aludir a un par de ideas, que non deixan de ser en calquera caso simples opinións miñas, pois non son eu ningún especialista en temáticas literarias. Unha vez dito isto, ocórreseme comentar o seguinte.
Desde diversas partes se relacionou a súa poesía coa de Pondal, Lamas Carvajal ou Curros e tamén coa poesía de escritores do país veciño, como a de Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes. Outros autores decatáronse da súa afinidade con Rosalía ou Cabanillas. Así Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas, etc. loaron no seu tempo a poesía de Cabada Vázquez, poñendo de relevo a súa capacidade para expresar e afondar poeticamente na intimidade persoal, á maneira de Rosalía, e para evocar ó tempo a realidade exterior, ó xeito de Cabanillas. Realidade ou natureza e espírito ou subxectividade formarían así unha unidade na súa expresión poética, que está lonxe de toda artificialidade extemporánea.
Por esta razón o poeta desta terra estradense non rexeita nin se arreda na súa poesía da vida real e ordinaria. E xustamente porque el expresa e canta na súa poesía a vida e esta é, na súa complexidade, variada, afectada unhas veces pola ledicia e outras pola traxedia ou polo inesperado, pódese dicir que a súa poesía é un verdadeiro repertorio da variedade das experiencias vitais que afectaron a Cabada Vázquez e con el a un determinado modo de ser, o rural galego: vida e morte, tristura e ledicia, traballo e festa, amor e relixiosidade, etc.
Coido porén que, máis alá de todo isto, a súa poesía, como quizais toda poesía auténtica, é expresión dunha experiencia humana que se podería denominar transcendental, e neste senso posiblemente universal: a experiencia humana do tempo, do tempo que foi (pero que segue presente no espírito), do tempo que é, e do tempo que será (que pode ser ou que debería ser).
Á vivencia do tempo pasado (en forma de lembranza apaixonada da terra ou do amor distantes, da infancia pasada, da morte dos máis queridos, etc.) pertence unha boa parte dos seus poemas. É neste contexto onde a "Dor" se constitúe na orixe mesma —segundo el mesmo se expresa no poema Na gaiola do meu peito— da súa inspiración poética:
Na gaiola do meu peito
ten seu niño un reiseñor,
que, a sofrir penas afeito,
canta as feridas da Dor.
Foi alegre en tempos idos,
mais nunca soupo cantar
hastra que os dores buídos
o chegaron a magoar.
O reiseñor é meu estro,
na cencia da Dor maestro,
que meus versos inspirou;
que a doce malenconía,
desque fuxeu a alegría,
no meu peitiño aniñou.
Poemas que expresan esta vivencia do tempo pasado ou da dor serían: Ofrenda de amor, Meu dor, O espello, Sospiros de emigrado, As miñas canas, Bágoas, Nai, ¡¡Irmanciña!!, Morriña, Mágoas, ¿Non te lembras?, Soños, Brétema, Lembranza lírica, Miña lúa aluarada, A un mal, outro pior, A fonte das meigas, Sobre a fenestra, etc.
Outros poemas semellan estar máis na liña da vivencia do tempo presente, porque se nos anteriores sobresaían a saudade ou a dor espiritual, nestes outros faise dono do poeta a ledicia, a fermosura do vivir e do amor, a bela paisaxe, a festa, etc. Así ocorre en Festa en San-Iago, Na fala meiga, A Galicia, O merlo, Acoarela, Maruxa, Tríptico, Lírica, Paisaxe do lusco e fusco, Ruada, ¡Inda o diaño!, Nadal, Anceios, Era unha rosa, Nosa Señora da Grela, Eu teño un paxariño, Hoxe houbo festa no ceo, Son o mesmo, ¡Galego!, etc.
Un terceiro grupo de poemas vén ser expresión dunha vivencia dinámica do tempo futuro, na liña dunha reivindicación política e social, referida a Galicia como ámbito concreto dunha cultura específica e, no seo da mesma, a un grupo social de forte presenza no país galego, alomenos naqueles anos, os labregos. Son poemas que expresan esperanzas e esixencias dun tempo mellor, como Na fala galega, Na tumba de Murguía, A loitar, Sursum...Corda!, No Día de Galicia, Berros de loita, Primaveira, Vítimas, Alborada, etc.
Esta clasificación dos poemas non deixa, porén, de resultar de tódolos xeitos algo artificial, porque poucos deles estarían ceibes de elementos que os poden relacionar tamén cos dos outros grupos. A mestura de elementos destas tres vivencias do tempo pode percibirse especialmente nun dos poemas máis emotivos e coñecidos de Cabada Vázquez: ¡Salve, irmán piñeiro!. E poida que esa mestura das tres vivencias temporais xunto co fondo e íntimo diálogo entre o poeta, que vive no tempo (que foi, que é e que será), e o "piñeiro" (que simbolicamente está alén do tempo) sexa un dos motivos da emoción literaria que o poema fai xurdir no lector.
Polo demais, hai xeral acordo na constatación de que o noso poeta de Codeseda posúe un excelente dominio da lingua galega, tanto culta como coloquial.
Se Vagalumes (1931) foi xa unha escolma de poemas realizada polo propio autor (a meirande parte deles publicados xa con anterioridade noutros medios: xornais ou revistas por exemplo), editáronse así mesmo, en datas diversas, outras escolmas. A primeira que recolleu poemas de Vagalumes foi a Antología de poetas gallegos de Álvaro de las Casas, publicada en Bos Aires en 1939. Nela figuran só dous poemas: O merlo e A tarde vaise. Case vinte anos despois aparece o volume III da Escolma de poesía galega de Francisco Fernández del Riego, onde se recollen os poemas A tarde vaise, Acoarela, Mágoas, Soños e Eu teño un paxariño. Posteriormente, na súa Antoloxía de poesía galega recollerá o mesmo Fernández del Riego só os tres primeiros poemas anteriormente seleccionados na súa Escolma. Tal como é doado advertir, o único poema recollido nas tres escolmas é A tarde vaise.
Respecto do lugar que ocupa Cabada Vázquez nas correntes poéticas da época, só quero aludir á cuestión (ben perfilada xa e esquematicamente abordada por Alonso Montero na súa introdución á edición facsimilar de Vagalumes) da súa relación cos novos estilos poéticos da primeira parte do século XX.
Trala cualificación, a mediados do século pasado, por parte de Couceiro Freijomil da temática poética de Vagalumes como "decimonónica", practicamente o mesmo viñeron afirmar Fernández del Riego na mencionada Escolma de poesía galega ou Carballo Calero na súa voluminosa e influínte Historia de literatura galega contemporánea.
Cando se fala de poética "decimonónica", faise referencia a un tipo de poesía de talante tradicional, na liña dos grandes poetas galegos do século XIX (Rosalía, Pondal, Curros, etc.), nos que predomina un determinado tipo de realismo costumista, temática rural, etc. Fronte a ela, unha nova corrente poética, que colle forzas a comezos do século XX, aposta decididamente por unha renovación temática e formal da poesía, que se converte neste senso en vangardista, facéndose eco de correntes como o ultraísmo, o creacionismo, surrealismo, etc. A poesía ha ser agora "creadora", creando novas realidades, alén da natureza, coa liberdade da linguaxe e das imaxes.
En realidade, Cabada Vázquez recibira na Universidade Pontificia compostelá unha formación humanística e clásica demasiado fonda e ampla coma para ela ser de súpeto subordinada a determinadas correntes poéticas nas que primaba, en certo modo, sobre o contido mesmo das experiencias humanas fundamentais a liberdade e a novidade da forma poética.
Agora ben, seguramente o noso poeta, en canto experimentador e sentidor de fondo da vida humana e da realidade natural e social, considerou prioritario comunicar poeticamente de maneira inmediata e directa a experiencia, a emoción e o sentimento poéticos ca facer que o lector se entretivese, de modo puramente estético, coa forma poética. Cabada Vázquez estaba en calquera caso ben ó tanto das novas correntes literarias, tal como se pode deducir da presenza na súa biblioteca de obras e autores representativos da corrente modernista ou vangardista1. Entre os papeis da súa biblioteca atopábanse, ademais, numerosos recortes de xornais (entre 1923 e 1927) con poemas de poetas vangardistas, estritamente contemporáneos a el, como Manuel Antonio, Otero Espasandín ou Amado Carballo. O que amosa o seu interese polos novos modos de facer poesía, que deixará xa claras pegadas en determinados poemas de Vagalumes, mais que se manifestará máis plenamente en poemas posteriores á aparición desta súa escolma de versos (de comezos do ano 1931). Así, por exemplo, nos seguintes poemas (posteriores a Vagalumes): Festa en San-Iago, Pantasía nupcial, Soñei contigo, A noite era un cadaleito, Nos dondos brazos da noite, etc.2
De todo isto pode deducirse, polo tanto, que houbo unha evolución na súa poesía desde as formas máis tradicionais da meirande parte dos poemas presentes en Vagalumes ata a paulatina introdución das novas formas poéticas.
En calquera caso, e en relación xa máis directa co acto que estamos hoxe a celebrar, a meirande parte dos poemas de Cabada Vázquez fanme lembrar moito Rosalía. A Rosalía tradicionalmente admitida, a da saudade e con esta a da súa proximidade á alma das xentes galegas. Esas xentes que sofren, aman, pensan, soñan e viven nun mundo específico e propio que forma ou constitúe parte alomenos relevante do que chamamos a nosa “cultura” popular.
Cabada Vázquez está sen dúbida ben próximo a Rosalía no seu común sentimento, na súa fonda intuición dos intereses e dos soños deste pobo que formamos entre todos. Foron neste sentido diversos os lectores dos poemas de Cabada Vázquez que se decataron desta proximidade súa a Rosalía. E coido que neste contexto é moi significativo o feito de que o poema que hoxe lembramos aquí publicamente e que leva como título “No Día de Galicia” estea dirixido directamente a Rosalía e fose ademais pronunciado diante da súa estatua compostelá trala magna concentración das xentes de Santiago no primeiro “Día de Galicia” celebrado nesta terra nosa trala proclamación da República no ano 1931.
Para o noso poeta, e segundo o texto deste poema, Rosalía é a “cantora de Galicia”, mais unha cantora que precisa aínda, ela mesma, das nosas propias voces (poéticas e políticas) para deixarmos atrás pretéritos e enervantes comportamentos. Por iso lle pide el, o poeta, a ela, á poeta Rosalía, que se erga en pé e que cante pra se converter, xunto con todos nós, en inspiradora e alentadora dunha futura Galicia, libre e dona de si mesma.
Porque para Cabada Vázquez a perda ou o pasamento de Rosalía é resurrección e vida para cantos a admiran e queren. En tal sentido e en realidade, ela non se foi senón que continúa misteriosamente en todos e todas nós. Por iso Rosalía é para o noso poeta aquela forza simbólica interior que nos converte en “cabaleiros” das “liberdades sacras da Terra”, da nosa Terra.
Ben dicía nalgunha ocasión Murguía, o compañeiro de Rosalía sobre a súa dona que esta era como “lume” e “raio” que “abrasa” ou tamén que a súa dona pasara a súa vida “co pé sobre a brasa”. Quizais tamén por iso mesmo formulaba Cabada Vázquez en termos de lume e “fogo”, neste seu poema, a seguinte petición á nosa santa laica e comunal:
“Queremos, Rosalía, que hoxe acendas
no noso peito as roxas labaradas
que outrora os teus Cantares
e as túas Follas Novas inspiraran.
Nas chamas dese fogo sacrosanto
temprar vimos prá loita as nosas armas,
e a recoller alentos
e folgos pra seguir a roita sagra
que ti nos amostrache nos teus versos”.
Cómpre naturalmente ter en conta que nesta altura o poeta de Codeseda, a pesar de só ser un mozo de vinte e nove anos, era xa ademais de poeta un avezado político que neste mesmo ano, dentro só de poucos meses, estaría presente e ben activo na fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Debido a isto, non deixará de aproveitar esta magna ocasión pra xuntar os seus versos coa necesidade da acción política en clara liña de continuidade co significado histórico e simbólico de Rosalía. De aquí a súa apelación ás “notas fortes e barís” da nosa gaita, á busca da “liberdade ansiada” e, sobre todo, o berro que pecha este seu poema:
¡Galicia!... ¡Nai Galicia!... ¡Terra a nosa!...
¡Caiamos por Galicia na batalla!
Nesta súa actuación pública está, xa que logo, Rosalía no centro mesmo do pensamento de Cabada Vázquez, mais pódese dicir tamén que ela está tamén no fondo e no sosegado interior doutros poemas e escritos seus. De feito, nalgún momento puiden eu mesmo comprobar que na súa biblioteca persoal, e despois de transcorridos xa moitos anos do seu pasamento, permanecían aínda polo menos o primeiro volume (do ano 1909) das Obras Completas de Rosalía e ademais unha edición do ano 1929 das Poesías da nosa eximia poeta.
Polo demais, nos propios poemas de Cabada Vázquez aparecen tamén de cando en vez explícitas referencias a Rosalía. Por exemplo: “Falarvos hoxe quero [...] Na fala melosiña da excelsa Rosalía, / que en "Follas Novas" quixo a i-alma nos deixar” (no poema Na fala meiga do noso poeta).
Cando no ano 1926 Cabada Vázquez contaba con 24 anos, foi el presentado polo seu amigo García Barros (“Ken Keirades”) no Salón “Novedades” da Estrada pra un recital de poemas seus e tamén doutros poetas. Entre eles figuraban naturalmente poemas de Rosalía. Rosalía será aínda no ano seguinte para o noso poeta a “divina Rosalía”, tal como el se expresará nunha crónica escrita por el para o xornal “El Emigrado” co título La Fiesta Escolar de Tabeirós.
Non é neste sentido nada estraño que un tan notábel poeta como Aquilino Iglesia Alvariño, escribise no "Faro de Vigo" do 12 de marzo de 1931, pouco despois de saír á luz o libro Vagalumes, o seguinte: "Por cualquier aspecto que consideremos este libro, nos revela un gran poeta, un poeta que llega a los repliegues más escondidos del alma, como Rosalía”.
Así pois -xa pra rematar- e tal como me felicitaba a min miña nai nos meus aniversarios, quero dicirlle tamén o mesmo a Rosalía neste día no que lembramos conxuntamente a luminosa data do seu nacemento. Unha felicitación por certo que tamén Rosalía textualmente nos lembra no seu longo e popular poema de Follas novas que leva como título “A probiña, que está xorda...! Esta é, pois, a miña felicitación a Rosalía, a mesma de miña nai e mais da propia Rosalía: “De hoxe nun ano”!
* Codeseda (A Estrada), 24 de febreiro de 2020
- Pode verse a lista completa dos volumes da biblioteca do poeta estradense en M. Cabada Castro, Fondos bibliográficos da biblioteca do poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936): "A Estrada. Miscelánea histórica e cultural" (Fundación Cultural da Estrada - Museo Manuel Reimóndez Portela), 2000, nº 3, p. 237-308.
- Ver Xosé Manuel Cabada Vázquez. Obra Completa. Poemas e outros escritos. Edición, introducción e notas de Manuel Cabada Castro (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001).