Fronte a decisión da Universidade de Alicante de borrar os datos dunha investigación na que se cita o nome do secretario xudicial no proceso contra o poeta Miguel Hernández
Manuel Gutiérrez Torres, falangista senlleiro de Cerdedo (Pontevedra), alcalde desta localidade entre os anos 40 e 50 do século pasado. Solicitaba que retirase dun libro da miña autoría unha frase na que constataba a súa participación (sen especificar feitos) nas represalias padecidas en Cerdedo e na súa contorna tras o golpe militar de 1936 e me retractase publicamente. Ao comezo, pedían unha cuantiosa indemnización económica; mais logo retirárono.
-A diferenza da Universidade de Alicante, vostede negouse a suprimir as referencias.
Si, e como dixo hai pouco Jordi Cuixart no Tribunal Supremo, volveríao facer as veces que fagan falta. Porque o historiador non é dono da magoada memoria dos vencidos; só eles están lexitimados para xestionala. Eu só tento transmitila e interpretala á luz das fontes documentais; nunca a amputala.
-Como foi o proceso xudicial? Até que instancia chegou, cantos anos tardou?.
Procesáronme no Xulgado de 1ª Instancia de A Estrada e, logo, na Audiencia Provincial de Pontevedra; os denunciantes decidiron non chegar ate o Constitucional, debido a que a Audiencia de Pontevedra condenounos a pagar as costas do xuízo. En total, algo máis de dous anos. Un pequeno calvario, comparado con outra xente como a documentalista de TV3 Dolors Genovés que botou 10 anos de xulgado en xulgado. O mero feito de ser xulgado, xa é unha condena da que ninguén che repara, e, eles, os denunciantes, sábeno.
-Que argumentaron os xuíces para darlle a razón a vostede?.
A Audiencia de Pontevedra considerou que prevalecía o dereito á investigación fronte o dereito á honra e subliñou que o escrito denunciado era un estudo científico, no que non existía pretensión algunha de atentar contra ninguén. Dende aquela, a sentenza ven sendo un referente na recuperación da memoria dos vencidos, no caso de presuntos delitos contra a honra.
-Que pode supor para os historiadores unha decisión como a da Universidade de Alicante?.
Tomando a cousa con sentido do humor, dáme a mín que, tal e como aconteceu co familiar dos meus denunciantes, o sr. Baena Tocón vai ter unha celebridade que, doutro xeito, non tería. Agora en serio: penso que é moi grave para a liberdade de investigar e o dereito a saber da cidadanía o feito de que unha institución académica censure un traballo científico. Tamén me preguntaría, pensando sempre nas vítimas, se alguén da Agencia de Protección de Datos e do Reitorado da Universidade de Alicante reparou nas recomendacións da ONU verbo do dereito daquelas á verdade, á xustiza e á reparación. Como dixen, a súa memoria, a das vítimas, non debe ser mutilada, e, se hai vítimas, hai tamén vitimarios.
* Con motivo da polémica pola decisión da Universidade de Alicante o xornal El País entrevistou ao historiador veciño da nosa comarca. Desde esta páxina recollemos este treito da conversa poo interesante que pode resultar para a loita polo dereito a verdade no traballo que estamos a desenvolver en Tabeirós-Terra de Montes