No libro denomínase “gran mortaldade” o que outros nomean “sangría demográfica”.
En opinión do autor, o libro pode administrarse como menciña para soportar o trauma da decadencia e desaparición de Cerdedo. Segundo Armando Requeixo, mesturando feitos e personaxes reais cunha imaxinación prodixiosa, Solla debuxa un mapa sociolóxico e identitario no que a evidencia do fracaso e a esperanza da resistencia son os ingredientes principais dun cóctel literario servido con grandes doses do máis ácido humor (Diario Cultural-Radio Galega, 26-3-2019).
A gran mortaldade integra, canda outros dezaoito volumes, a colección Cerdedo in the Voyager, un proxecto editorial de características únicas que converteu Cerdedo en selleira paisaxe literaria e nun dos territorios mellor estudados dende o punto de vista histórico e etnográfico. O libro será presentado proximamente na Estrada, Cerdedo, Pontevedra e Vigo. A súa lectura suscitounos as seguintes preguntas:
Certamente, cada xénero literario ten o seu código de expresión. Enfrontei a angueira da narración co mesmo entusiasmo co que enfronto a miña afección pola exploración e a descuberta. Non obstante, n’A gran mortaldade tamén son evidentes as concesións ás disciplinas poética e ensaística. Tiña moi claro o que quería transmitir en cada relato, mais procurei non coartar a súa canle de expresión; deixei que, capítulo a capítulo, a mensaxe hibridase ou se acomodase ao leito que, insospeitadamente, escolleu para discorrer.
O libro desprende un ton apocalíptico, cales foron as súas motivacións?
Entre os personaxes históricos e lendarios que o pobo de Cerdedo lle legou á galeguidade, a figura do Tecelán de Carballás é unha das que mais éxito colleitou. Integrado no aparato mitolóxico do monte do Seixo, o Tecelán vaticinou a fin dos tempos, a fin do mundo, e da súa atinada clarividencia valémonos para facer de fío condutor (v.g.: “Os tres misterios da Moura”). Ben interpretado o prognóstico, as “cuartetas” do vedoiro de Carballás adiantaban a desaparición dunha forma de vida, dunha maneira de estar no mundo, de interaccionar coa natureza. Por desgraza, a profecía cumpriuse. O modelo de globalización imposto polos poderes financeiros, fundamentado no consumismo sen escrúpulos, outorgoulle a bitola antisistema a toda actitude que avogue pola sustentabilidade e a convivencia harmónica co medio. En Cerdedo non se lle quixo ou non se lle soubo pór couto a esta inanición disfrazada de progreso. Afogada a inherencia agropecuaria, vivir en Cerdedo volveuse inviábel. Ao longo destas décadas de investigación e divulgación do noso pasado e da nosa tradición, procuramos tecer un Cerdedo honroso e alternativo co obxectivo de espertar conciencias, porén tampouco tivemos éxito. Mesmo así, úrxenos aprender dos erros cometidos e emprestarlles máis atención ao refraneiro, á sapiencia ancestral destilada das vellas fabulacións e menos ao discurso suíño e interesado da política convencional, instalada na autocompracencia. Máis alá das nomenclaturas, Cerdedo deixará de ser o Cerdedo que coñececemos tras a morte da derradeira vaca e o apagamento da memoria oral.
O libro está ateigado de símbolos. Como explica a figura do mecanismo da Antiguidá?
Nese relato non se eluden responsabilidades. A Cerdedo todos o matamos e el soíño acabou morrendo. O mecanismo da Antiguidá representa o noso reloxo biolóxico que interrompeu o tictac en faltando quen lle dese corda. O declive vénse como a noite no inverno. Facer revivir un territorio moribundo é un arduo labor colectivo. Para mudar este estado, para pór Cerdedo en hora, cómpre encomendármonos á ciencia e á maxia. Soa paradoxal, mais o Cerdedo 4.0 deberá esconxurar o meigallo oportunista que nos fixo desaparecer como institución. De nada vale escenificar o pranto desconsolado de portas para dentro. Para que no pobo fragüe a necesaria revolución, débese propiciar o cambio no celme de cada individuo. Para que o morto resucite, antes ten que decatarse de que está morto (“O sono eterno”, “Chamada de socorro”, “A casa que come”...). Cerdedo está enfermo de inercia: mortos sepultados, mortos esquecidos, mortos de corpo presente, mortos ausentes, mortos en vida... Xa digo, a tarefa é titánica, mais ineludíbel.
Canto hai de realidade nesta ficción?
No libro conviven personaxes reais e imaxinarios. Tanto uns coma outros foron utilizados simbolicamente. Así mesmo, conxúganse os feitos históricos coa ficción verosímil, combinando o “pasou o que pasou” co “non pasou pero podería ter pasado”, e todas as tramas se van engrenando cun obxectivo: salientar que Cerdedo (ou Galicia) non poden aturar por máis tempo esta prostración.
Entenderase este libro fóra de Cerdedo?
Indíxenas ou foráneos, o autor encarécelles aos lectores o esforzo necesario para desentrañar os misterios da nosa triste circunstancia, en troco de aprender na cabeza doutro (na nosa). O mal non é endémico de Cerdedo; en Cerdedo, o virus mutou e fíxose resistente. É certo que A gran mortaldade permite diferentes lecturas, atendendo ao grao de vinculación co territorio e a súa problemática. Secasí, o despoboamento, a impostura política, a resignación, a ocaso das culturas minoritarias... son temas universais. Aínda que nada é o que parece, os ollos informados e perspicaces axiña darán coas claves interpretativas, recreándose no exercicio de ler entre liñas.
Que repercusión está tendo o libro?
En Cerdedo, a de sempre, a que se lles vén dispensando, dende 2002, a todos os títulos da colección Cerdedo in the Voyager. Silencio medroso ou militante. Hai dezasete anos, a autoridade decretou a inconveniencia destas lecturas. Pola súa condición de proscritas mesmo se lles negaron os andeis da biblioteca municipal. Coñecendo o talante, asumo tal decisión como a máis gloriosa das distincións. Fronte á cerrazón, a crítica literaria deste país leva tempo gabando este libérrimo proxecto editorial, facendo fincapé en que non hai concello (ou semiconcello) ao que lle teña emprestado unha atención tan esmerada. En 2014, Ramón Nicolás escribía: a todas luces supón un proxecto singular e mesmo diría que exemplarizante no que atinxe ás posibilidades divulgativas que encerra, de existiren -claro é- persoas voluntariosas como Calros Solla que levan a cabo iniciativas deste xorne en base á riqueza -só hai que saber buscala- que desde diversas perspectivas atesouran territorios ou comarcas de noso, proxectando así a inxección das necesarias doses de orgullo polo propio que estes traballos, sen dúbida, provocan (Caderno da crítica, 22-12-2014). Pola súa banda, Manuel Gago falaba do caso máis asombroso de fidelidade a un concello (Galiciaé, 14-2-2018).
No libro noméase “gran mortaldade” o que outros denominan “sangría demográfica”. En Cerdedo, na comarca de Montes, a perda de poboación non só repercute nas cifras do censo; o despoboamento das aldeas é unha grande extinción de índole identitaria e cultural. Así e todo, ao libro agárdalle unha asimilación lenta e silandeira, porque o asunto que se aborda é a inexorábel desaparición dun pobo, e a morte, no rural, volveuse un tema tabú.
Bótalle en cara algo a Cerdedo?
Non. Traendo a colación as reminiscencias bíblicas d’A gran mortaldade, o pobo é libre de adorar os ídolos da súa predilección. Á luz dos feitos e tamén das feitorías, eu tamén son libre de opinar que eses ídolos son falsos. Outros, ben seguro, deben ser os referentes nos que basear o noso rexurdimento posíbel: a luminosa erudición do Padre Sarmiento, a ardencia emancipadora do movemento agrarista, o étnico cosmopolitismo de Otero Espasandín, os ideais democráticos dos nosos mártires republicanos, a xenial retranca dos arghinas, o vitalismo de Manuela de Barro e toda a sabedoría popular escolmada nos catro Retrincos publicados (e un quinto en preparación). É gozoso salientar que, en Cerdedo, alén do inmobilismo maioritario, existen honrosísimas e anónimas individualidades cuxo irredutíbel compromiso actúa de antídoto contra a desesperanza.
Unha curiosidade, hai alieníxenas en Quireza?
(Risas). Eu non creo neles, mais habelos hainos. Entre outras leccións, do episodio dos extraterrestres asimilados aprendemos que cando unha anomalía se prolonga no tempo, o seu veriño recástase, vaise volvendo sangue do noso sangue. Chegados a este punto, para combater a iniquidade cómprenos unha transfusión vivificadora de coraxe e amor propio.
Poeta, ensaísta, narrador; para cando unha peza teatral?
Se está de saír, sairá. Polo momento só aspiro, humildemente, a seguir de xira pola comarca coa compañía teatral do Capitán Gosende e interpretar o meu pequeno papel nesta traxicomedia. O público a quen lle dedicamos o espectáculo é difícil, pero o escenario é un dos máis fermosos que coñezo.