Dionisio Pereira
En primeira instancia, transcendeu a figura de tres mulleres, Ramona Gutiérrez, de Soutelo; Carmen Díaz, de Cerdedo; Paulina Bugallo, de Outeiro-Quireza. As tres, de posición económica acomodada, eran propietarias de establecementos públicos (estanco-taberna, ferraxería, taberna-tenda, respectivamente) onde podían exercer con facilidade aquel cometido; no caso de Paulina, o seu local mesmo serviu de “checa” para latrocinios, malleiras e cortes de pelo a veciñas, nos que ela mesma participaba ataviada, ás veces, coa farda masculina de falanxistaii. As dúas primeiras, mulleres de intenso activismo relixiosoiii, estaban emparentadas entre si e cos Gutiérrez e Ballesteros cerdedenses e souteláns; segundo fontes orais, exerceron supostamente tanto de delatoras como de instigadoras dos atropelos dos milicianos da FE, de xeito que a lembranza popular do seu papel perpetuouse no tempo. Así, en 1949 a Guardia Civil de Soutelo incautou aos guerrilleiros que pasaron polas armas ao falanxista José Couceiro e á súa dona, unha relación de presuntos represores locais na que figuraba Ramona co seguinte apuntamento: “hizo tanto daño con la lengua como su hijo con la pistola”. iv
Ao cabo, denunciar por calquera motivo foi propio das delatoras, que contribuíron a unha extensa socialización do castigo: así, un veciño de Figueiroa foi sinalado pola fundadora da Sección Femenina cerdedense, Carolina Bugallo, por zafar dun peditorio. Como resultado, o delegado gobernativo impúxolle unha multa de 250 pts.; para pagala, debeu vender dúas vacas. Pola súa banda, Paulina mesmo denunciou a unha veciña do Outeiro porque o seu carro a penas rozara o vehículo co que os facciosos facían as súas correrías.
Noutro ámbito, en Cerdedo houbo un feixe de cidadáns “de orden”, todos eles patriarcais cabezas de familia noutrora partidarios de RE, que exerceron como testemuñas de cargo contra veciños sometidos a Consejos de Guerra ou Expedientes de Depuración. Os nomes de Ramón Cortizo, Perfecto Sieiro, Aurelio Varela ou Gervasio Bugallo, entre outros, aparecen nos sumarios; neles, acusaron a xente coa que tiñan trato cotiá de militar nas esquerdas e participar na resistencia contra o golpe, con nefastas consecuencias para os afectados v. Porén, neste concello a pirámide delatora, cimentada nos preceptivos certificados de conduta solicitados a cregos, alcaldes e Guardia Civil, estivo representada polo párroco da vila Ventura Pérez e polo garda Maceiras, destacados pola virulencia dos seus partes que determinaron tanto as conclusións dos fiscais ou instrutores dos expedientes, como as duras resolucións aplicadasvi. En Soutelo, o activismo delator do crego Picón tamén foi notorio, pois no albor de agosto acusou a Alfredo Iglesias de masón, da clausura da igrexa de Santa Mariña de Presqueiras e de propagar o comunismo no municipio. vii
Porén, o talante acusador dalgúns cregos non se limitou á emisión de informes para os sumarios xudiciais, senón que fixeron directamente as acusacións aos delegados gobernativos: está documentada a paranoica denuncia duns 80 veciños e veciñas de Castro por parte do párroco Jesús Rodríguez Anllo que, mesmo, non tivo reparo en incluír na listaxe datada o 29/05/1938 ao cabo da Guardia Civil Avelino Sánchez e a persoeiros da dereita cerdedense, tal que o ex alcalde Caramés ou o médico Perfecto Lois.
Imperio da roubacha
A represión económica, pola que @s desafect@s ao novo réxime pagaban o seu desleixo co patrimonio, regulamentouse co Decreto-Ley do 10/01/37 polo que se creou a Comisión Central Administrativa de Bienes Incautados por el Estado, encargada de incoar a nivel provincial os Expedientes de Responsabilidades Civiles que, adoito, remataron en multas ou expropiacións. Antes, o que imperou foi a ladroeira pola brava: co golpe consolidado, abundaron os asaltos a domicilios e negocios que derivaron en roubos de pertenzas persoais ou ferramentas de traballo. A título de exemplo, en Figueiroa e no transcurso dos múltiples rexistros levados a cabo no inicio do verano, os falanxistas esnaquizaron na casa de Carmen Monteagudo unha insólita colección de vinilos enviados dende EEUU polo seu home, desaparecendo tamén un dos poucos gramófonos que había no concello. Así mesmo, no lugar de Fondós (Quireza) os falanxistas requisaron as mellores vacas de moitas casas, mesmo as dos pobres que estaban “de medias” e houbo que pagar aos donos…
Daquela, entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937, Tabeirós-Montes foi escenario dunha sistemática morea de asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios de antigos esquerdistas, cuxo planeamento apunta a mandos provinciais e locais da FE. Diante do silencio dunha veciñanza atemorizada e da notoria incomodidade doutros falanxistas, caso dos de Sabucedo, foi o xuíz de instrución de A Estrada Fermín Bouza Brey quen desenguedellou o novelo nun sumario aberto o 1/12/36, días despois de se producir perto de Codeseda o derradeiro asalto, desta volta na casa dun antigo apoderado das dereitas. Así, o ideario afín á "Santa Causa" da vítima deu pé a Bouza para investigar e, ao cabo, focalizar a responsabilidade das agresións en dúas persoas: o xefe provincial de FE o mestre Manuel Castro Pena e o seu enlace Ramón Bao, antes de pasar a instrución ao tribunal militar. A fin de contas, o sumario da Causa 8/37 permite albiscar tanto a ríspeta metodoloxía das represalias, como formular a pregunta de se aquela puido ser aplicada país adiante, tal e como puideran facer pensar os contactos da trama noutras zonas.
A desfeita comeza mediado agosto, coincidindo cos “paseos” de cerdedenses e souteláns, cando o estradense Castro Pena deu en convocar unha xuntanza de xefes locais da contorna co gallo de recadar 1,5 millóns de pts. para, seica, rescatar a José Antonio e devolver préstamos. Aos poucos, confórmanse as partidas encargadas dos asaltos con milicianos do Cuartel de FE da Consolación (Tabeirós) e tamén da escolta do xefe provincial. Velaí: dous matóns de moura traxectoria, Bao e José Filloy; Constantino Alonso, aspirante á xefatura dunha “non nata” FE de Quireza, para a que xa tiñan confiscado un edificio; Ricardo Menéndez "O Cubano", implicado en varios asasinatos e secuestros en Bouzas; o xefe de Milicias da Consolación, Alfonso Castro Pena; o xefe da FE de Tabeirós, Pelayo Bergueiro....
As requisas, en diñeiro ou en especie, realizadas tras ordes verbais de Castro Pena con violencia e nocturnidade, durarán máis de catro meses e terán como centros loxísticos os cuarteis falanxistas da Consolación e da Estrada, así como a mencionada “checa” do Outeiro. Nesta, moitos veciños de Quireza incluídos en listas negras elaboradas por Bao coa axuda do mestre do Serrapio (e antigo esquerdista) David Fernández, foron extorsionados con ameazas e malleiras, contando coa tépeda reticencia do crego José Rey e o concurso dos pedáneos. Ademais, as requisas se intensificaron a fins de setembro tras o enterro en Cerdedo de Luís Gutiérrez Torres, finado en combate; nelas, salientou o vingativo bulir de Alonso e Bao. Este último, encheu a súa adega de xamóns que non dubidaba en exhibir.
Non foi a única lista operativa naquela altura, pois Aquilino Picón ideou outra de esquerdistas comprendidos entre 18 e 40 anos, para envialos á fronte. Daquela, contou cos padróns aportados polos párrocos de Castro, Tomonde e Quireza e cunha relación de veciños elaborada polos “cívicos” de Pedre; logo, se eliminaban da listaxe aqueles que efectuaran o pago de certas cantidades, que Bao cobraba.
Outro método de espolio foi o emprego abusivo da “prestación voluntaria” (obrigatoria, naquel entón) para a construción de camiños, ocupándose asemade propiedades que, no caso dos desafectos, se lles expropiaban sen indemnización. En agosto de 1936, o propio Bao non foi alleo a estas prácticas porque Manuel Castro Pena empregouno nos traballos dunha pista que transcorría entre as localidades estradenses do Arnado e Rivela (onde, casualmente, residía o xerarca falanxista), dándolle carta branca para eliminar resistencias veciñais. Daquela, na Causa 8/37, Bao declarou que Castro Pena:
“…le dijo que iba a construir una carretera en la parroquia de Parada hasta su casa en la que iban a trabajar los rojos y que, el dicente, tenía que delinearle y estar al frente del personal como capataz….Que en dichas obras trabajaron gratuitamente, por haberlo impuesto así el Jefe Provincial Castro Pena, todos los vecinos de las parroquias limítrofes, fuesen rojos o de derechas, pues el único que mandaba y les hacía trabajar a la fuerza, era dicho Jefe Provincial y que los terrenos que cogía para la carretera eran de propiedad particular, y de cuyos terrenos se apropió Castro Pena, sin autorización ni consentimiento de sus dueños, los cuales lo mismo que los que trabajaban, no protestaban porque tenían miedo de dicho individuo”.
Tras a intervención de Bouza o contubernio ficou ao descuberto e, no abrente de 1937, o Delegado Territorial de 2ª Línea de FE, Raúl Boo, iniciou unha investigación interna que provocou a expulsión de Castro Pena, Bao, Alonso e outros, así como a supresión da xefatura de Tabeirós e a cancelación do proxectado deslinde entre a FE de Cerdedo e a de Quireza. Mais a instrución da devandita Causa contra unha trintena de falanxistas da Estrada e Cerdedo, levantou unha sospeitosa vaga de complicidade co atracador Bao entre a piadosa dereita da capital cerdedense e, ao cabo, o mando militar decidiu arrombala na gabeta. Así, en abril de 1938, o sanguinario Auditor de Guerra Martín Barbadillo só enxergou exceso de celo nos dirixentes e obediencia debida nos milicianos; todos eles, saíron á rúa tras poucos meses de cadea. Do diñeiro incautado, nada se sabe; os delitos, pois, ficaron impunes.
Unha impunidade que, insistimos, perdura mercé á Lei de Amnistía de 1977.
ii Paulina contou, a maiores, cunha pequena malla de mulleres informantes en distintos lugares de Quireza.
iii Carmen Díaz fundou dúas asociacións católicas en Cerdedo: a Sociedad de San José e a Sociedad del Ecce Homo. A súa relixiosidade era ostentosa tanto na súa vestimenta, inzada de cruces e escapularios, como polo feito de ir baixo palio nas procesións do Ecce Homo durante a posguerra.
iv Causa 224/51. O fillo de Ramona Gutiérrez era Ángel Ballesteros “O Xordo”.
v Causa 1306/36 contra o mestre socialista Francisco Varela Buela e o secretario do Concello na Fronte Popular, Francisco Varela Garrido; o primeiro, foi condenado a perpetuidade; o segundo, fusilado. Tamén, Expediente de Depuración contra Varela Buela, resolto coa definitiva separación do servizo.
vi Eis, o Expediente de Depuración contra o mestre de Pedre, Claudino Vidal, suspendido de emprego e paga ate 1940.
vii Alfredo librou da morte mercé os testemuños favorables do alcalde ex republicano Mariño e, sobre todo, do párroco de Santa Mariña, Manuel Fraíz.