Calros Solla
O cruceiro de ánimas de Santo Antonio
O conxunto histórico de Santo Antonio localízase na parroquia de Cerdedo, a pouca distancia do núcleo urbano da capital (a uns escasos 400 m ao sur da igrexa parroquial). Esta constituído por un ramal da ancestral Verea Vella, unha ponte de orixe medieval sobre o río do Castro (reconstruída no século XVII), unha capela datada no século XVIII e un cruceiro que, como explicaremos, podería remontarse a mediados do século XIX ou ao XVIII (contemporáneo á capela). Como xa aclaramos no seu día, o reclamo de “conxunto romano” foi unha argallada de panocos que aínda persiste na sinalización.
No cruceiro de Santo Antonio, o alxibe das esmolas, entallado na parte superior e saínte do dado ou pedestal, pechábase cunha tampa de ferro con rañura e cadeado. Na actualidade, só se aprecian os rebaixes na pedra (dimensións do oco da tampa: 23x17 cm; do receptáculo: 15x10x10 cm de fondo), descoñecendo a data na que desapareceron as pezas de metal. E. Fernández de la Cigoña cataloga o cruceiro de Santo Antonio como “cruceiro de ánimas”. De la Cigoña visitou o lugar en 1996 e, naquela altura, creu ler no frontal do peto a seguinte inscrición gravada na pedra: “Como me bes te berás”. Así o consignou no seu libro Cruces e cruceiros de ánimas de Galicia (1997). Porén, un ano despois, no seu outro libro Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra (1998) anota que non foi quen de descifrar a inscrición do peto, mais si parte da que se tallara na face oposta do pedestal: “Lo mandó azer por devoción Antonia Velo y su esposo...”.
Cómpre salientar que o cruceiro que describen tanto De la Cigoña (1996), coma Laredo Verdejo (1992) ou mesmo Reimóndez Portela (1985) non é o orixinal, xa que en 1972, as vibracións provocadas pola detonación de barrenos nas obras de ampliación do vial que comunica Cerdedo con Limeres, derrubaron o capitel e a cruz primixenios, na que só se representaba a imaxe de Cristo crucificado, e cuxos fragmentos se conservan na casa reitoral. No tocante ás inscricións, Reimóndez Portela leu no pedestal: “...ofrecieron esta”. Réimondez Portela, Laredo Verdejo e De la Cigoña cualifican o peto do cruceiro como “de ánimas”.
Desbotouse nos anos setenta a posibilidade de restaurar a cruz orixinal, encargándolle a feitura dunha nova ao escultor Eladio Martínez, con obradoiro en Bértola (Vilaboa), que tamén esculpiu un novo capitel. Sen pretender pór en dúbida a valía profesional do Mudo (que é indiscutíbel), no caso do cruceiro de Santo Antonio de Cerdedo, a calidade dos elementos substituíntes dista moito da dos elementos substituídos. En 2013, na parroquia pontevedresa de Tomeza, fincouse un cruceiro da autoría do propio Eladio Martínez, cuxa imaxinaría é idéntica á que hoxe loce o cruceiro de Cerdedo: o Crucificado (anverso) e a alóctona Virxe Peregrina (reverso). Por estas razóns, aconsellamos que se recompoñan axeitadamente os orixinalísimos elementos estragados en 1972, para que volvan coroar o varal do cruceiro de Santo Antonio. Se o chamado Museo da Pedra de Cerdedo –que naceu morto– for unha institución solvente e non unha trangallada, a cruz e o capitel arrequecerían xaora a súa paupérrima colección.
Nas fotografías que o investigador Xosé Carballo fixo en 2012 das pezas da cruz orixinal, arrombadas na reitoral, observamos que no tambor do capitel os elementos decorativos son vexetais (acantos), xeométricos (volutas) e figurativos (antropomorfos). No tocante aos figurativos, rexistramos tres cabezas anxelicais e unha caveira sobre dúas tibias cruzadas. A presenza da simboloxía mortuoria neste capitel é coherente coa lectura que De la Cigoña fixo en 1996 da suposta inscrición gravada no peto do cruceiro: “Como me bes te berás” (tópico do Memento mori). Se tomamos en consideración a segunda das lecturas de De la Cigoña (“Lo mandó azer por devoción Antonia Velo y su esposo...”), poderiamos afirmar que os promotores da obra actuaron por piedade ao santo Antonio de Padua, habilitando pois un esmoleiro. Agora ben, segundo as nosas apreciacións, no pedestal do cruceiro (60x60x56 cm) mal lense tres inscricións. Na face sur (cuarta liña de 4) fomos quen de descifrar: “...ofrecieron...”. Na face norte, no saínte do peto (segunda liña de 4): “...reze...”. Na face norte, por debaixo do saínte do peto (en dúas liñas): “pintó este ... Gómez das Fragas ...”. O cruceiro de Santo Antonio é sen dúbida un cruceiro de ánimas, porén as esmolas sufragadoras de misas e as oracións rezadas ao seu pé foron destinadas á salvación da alma de quen custeou a construción: Cando realmente o cruceiro se espalla por toda Galicia é nos séculos XVII e XVIII, pois a Igrexa concede indulxencias a quen constrúa un cruceiro, e as oracións dos fieles ante a cruz aplicaranse en sufraxio da alma de quen o mandou construír (en Pico Graña, R.: Cultura e tradicións de Galicia, nº 2, 2007). Éche ben curioso que no cruceiro de Santo Antonio non se discirna a sinatura de quen o esculpiu e si unha inscrición co nome de quen o pintou.
Continuará...