Calros Solla
Así a todo, convén salientar que o vieiro ancestral que comunica a encrucillada de Santo Antonio coa praza da igrexa e cemiterio de Cerdedo é escenario da procesión fantasmal da Santa Compaña, que en Cerdedo tamén se denomina Pantalla. Pola banda dos vivos, é consuetudinario procesionar tras dos santos (santo Antonio, o padroeiro san Xoán e a Virxe do Carme) o 13 de xuño dende a igrexa parroquial até Santo Antonio e retorno.
Xacando (Faro de Vigo, 3-3-2013), expliquei que en 1745, segundo as anotacións do padre Sarmiento, a ermida de Santo Antonio se situaba uns 400 m río abaixo da súa localización actual (nunha varcia estreita de 25/40 m de largo que se estende entre o trazado da Verea Vella e o curso fluvial), sendo trasladada no século XIX por mor dos estragos que no templo causaban as enchentes. As operacións de traslado puideron afectar a capela e o seu presumíbel cruceiro, dispóndoos no seu emprazamento actual, no lugar onde a Verea Vella galla cara ao lugar de Cerdedo (atravesando o río pola ponte de Cerdedo), cara ao lugar de Lourido (pola costa do Salgueiral) e mais cara aos lugares da Revolta, Cavenca, Meilide... O padre Sarmiento, prolixo en detallar os seus itinerarios, amenta a capela e a ponte, mais non repara nun cruceiro illado, xa porque talvez o considerou un todo a canda a capela, xa porque aínda non existía.
De o cruceiro campar naquela intersección de camiños antes do traslado da capela (séc. XIX), as esmolas depositadas no seu peto avogarían polas ánimas (encrucillada), polos viaxeiros (cristianización do culto aborixe aos numes dos camiños) ou mesmo polos oferentes que tomaban parte no bautismo prenatal (enxembramento) ou na esconxura do mal do aire, rituais que tiñan a ponte por escenario. Cando aquel espazo sagrado quedou baixo a advocación do santo Antonio, ben seguro se fixo desaparecer o esmoleiro do cruceiro, habilitándose outro na portada da capela, á dereita da porta, estimulando daquela a intercesión do santo casamenteiro e das causas e cousas perdidas. Alzada nunha peaña, unha pequena imaxe en pedra do santo presidía a fachada da ermida, até que se determinou empoleirala na fachada sur da reitoral, precavendo o ladroízo. O lugar pasou a denominarse Santo Antonio (óese San Antonio) e a ponte, nomeada de Cerdedo en tempos de Sarmiento, pasou a chamarse ponte de Santo Antonio (óese de San Antonio). Con certeza, a figura do Crucificado tiña ao seus pés a face encaveirada do capitel (a morte vencida pola resurrección; a redención do pecado orixinal), e ambas as dúas recibían o viaxeiro que se dirixía a Cerdedo.
As fotografías que da escultura orixinal fixo o compañeiro Carballo tamén permiten advertir a policromía do capitel e da cruz, obra do pintor Gómez das Fragas, onde a cor vermella é resiliente. A imaxe do Cristo abraia polo seu conturbador realismo: guedellas primorosamente peiteadas, cinguidas por un cadrelo pétreo de metálicas espiñas. A cabeza abaixada do home agonizante inclínase cara ao ombreiro dereito, onde pousa a longa cabeleira. Bigote e barba crespos e ben perfilados. Minucioso estudo anatómico no que chaman a atención as costelas, o ventre inchado e a trama de veas e tendóns nuns brazos aínda en tensión. En ambas as dúas mans, os dedos maimiño e anular pechan sobre o cravo, agás o mostreiro e o maior que permanecen estricados representando a beizón. Os paus da cruz son cilíndricos. Na parte superior do lonxitudinal desenrodélase o rótulo do inri e no trasverso son visíbeis os cotóns do madeiro, conferíndolle verismo.
O actual cruceiro de Santo Antonio de Cerdedo (coordenadas.- X: 549.819; Y: 4.708.795), alzado encol dunha plataforma de dous chanzos, pedestal e varal cilíndrico liso, posúe unha altura de 5’35 metros.
Remato formulando unha hipótese. Se cotexamos as fotografías da desaparecida cruz do cruceiro do Pego (parroquia de Parada) publicadas por M. Reimóndez Portela (Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra, 1985) coas fotografías achegadas por Xosé Carballo da antiga cruz do cruceiro de Santo Antonio (Cerdedo), podemos defender doadamente que ambas as dúas pezas son obra do mesmo escultor. Obsérvense as similitudes tanto no modelo da cruz: paus redondos e acotoados, rótulo desenrolado; coma no modelo da imaxe: coroa de espiñas, guechos longais, barba crespa e perfilada, pano de pureza anoado á dereita, abdome encovado, delgadez extrema... Sabendo por documentos que, cando menos, a cruz do cruceiro do Pego (1859) é da autoría de Ignacio Cerviño, postulamos que o célebre autor do cruceiro do Hío tamén labrou, cando menos, a cruz do cruceiro de Santo Antonio. É oportuno lembrar que no ano 1859 Ignacio Cerviño residía en Cerdedo e que en agosto dese mesmo ano casou coa cerdedesa Ramona Beiro. En novembro do ano seguinte, o matrimonio bautizaba na parroquial de Cerdedo a súa primeira filla Vicenta Cerviño Beiro. Engado a maiores que a imaxe repoluda do Santo Antonio que ocupaba a peaña da capela, trasladada a posteriori a unha peaña da reitoral, é de feitura semellante á outra imaxe do santo existente nunha casa de Parada, parroquia á que Cerviño se vinculou laboralmente. Xa que logo (as datas cadran), o escultor Ignacio Cerviño puido ser o autor do cruceiro de Santo Antonio, permitindo datar a súa feitura a mediados do século XIX (arredor do ano 1859). Nese tempo tamén se puido trasladar a capela río arriba, labores nos que Ignacio Cerviño (ou Antonio, o seu pai) puideron tomar parte