Calros Solla
O cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín
Cruceiro e peto están precedidos dun pequeno corredor empedrado de 2 m de longo e 1’60 m de largo, flanqueado por dous vargos de pedra (1’05 m de alto) e varandas de ferro. A nosa visita serviu para constatar que o corredor actual é apenas a metade do orixinal, pois, reutilizados nunha corte, atopamos outros dous vargos idénticos que prolongarían o corredor outros 2 metros (lonxitude total: 4 m). Probabelmente, os sucesivos ancheamentos da estrada obrigaron a acurtar o andadeiro.
O peto de ánimas cómponse de catro corpos: O inferior, de grosos cachotes, arma a cimentación e salva o desnivel do terreo (1’50 m de alto). O segundo, de perpiaño, fai de baseamento (dimensións: 1 x 1 x 0’65 m). O terceiro, tamén de perpiaño, dispón a capeliña das ánimas (dimensións: 1 x 1 x 0’65 m). O seu frontal está adobiado con acanaladuras, catro a cada lado da edícula. O cuarto corpo componse dun fastixio (lonxitude: 1’24 m; altura: 85 cm; largura: 40 cm) que se antepón ao pedestal do cruceiro, prisma trapezoidal (50 cm de alto x 70/55 cm de largo) no que se afirma o varal. No centro do tímpano encaixouse unha placa de mármore branco (semióvalo apuntado) coa seguinte inscrición: “En el año de 1905, se hizo este crucero por orden de Manuel Vecino, y Jose Sieiro; donativo de D. Domingo Sieiro.” (dimensións: 60 cm de largo x 37 cm de alto). O segundo corpo remata nun beirado (125 x 124 cm), e o terceiro, nunha cornixa (118 x 122 cm). O cruceiro (upado uns 2 m) case acada os 6 m de altura e consta de varal cilíndrico liso, capitel cuadrangular (enfeitado con querubíns, volutas e acantos) e cruz de paus octogonais, coa imaxe do Crucificado polo anverso e unha Virxe pregante polo reverso.
O van arcado da capeliña ten 54 cm de alto, 46 cm de longo e 30 cm de fondo; e pecha cunha reixa que permite introducir a man e depositar a esmola no peto, receptáculo pechado cunha tampa de ferro. Na actualidade, o peto non posúe o retablo das ánimas entre as lapas do purgatorio. Na fotografía que M. Reimóndez Portela obtivo para o seu traballo Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra (1985) advírtese un retablo con tres figuriñas. E. Fernández de la Cigoña (Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra, 1998, pax. 72), que visitou o lugar en 1995, anota: Neste intres carece de retablo. Intuímos que o retablo foi tallado en madeira e as inclemencias fixérono desaparecer. Malia carecer hoxe das ánimas arelantes, segue mantendo viva a devoción (candeas e flores murchas).
A feitura do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín atribúeselles por tradición oral a dous mestres canteiros cerdedeses: a Francisco de la Iglesia ou a Xosé Ferreiro (A conxura dos Gosende. Retrincos III, 2015, páx. 173).
A. Rodríguez Fraiz outórgalle a autoría a Francisco de la Iglesia (Santa Mariña de Tomonde, 2001, páxs. 130-1). Francisco de la Iglesia foi un habelencioso canteiro oriúndo da aldea da Vilalén (Tomonde). As tallas que enfeitan a casa familiar son mostreiro da súa arte avantaxada. De la Iglesia casou de segundas nupcias con María Sieiro, natural de Vichocuntín (Pedre), aldea onde fixaron a súa residencia: Alí fixo, fronte a súa casa, un monumental cruceiro con peto de ánimas, na veiga da súa dona María Sieiro (páx. 131). O muíño, maquieiro de catro moas, construído no Lérez á beira da ponte de Pedre, tamén foi obra súa. Por desgraza, o edificio foi vendido e trasladado a Codeseda na década dos oitenta, ameazado polo proxecto do macroencoro de Dorna. Segundo Rodríguez Fraiz, Francisco de la Iglesia morreu e foi soterrado en Pedre nos primeiros anos deste século (enténdase, do século XX).
Por outra banda, hai quen lle outorga a autoría a Xosé Ferreiro, outro dos grandes artesáns da pedra que deu a comarca de Montes. Xosé Ferreiro Martínez naceu no Outeiro (Quireza) en 1847 e na mesma aldea morreu de desgraza o 7 de agosto de 1907, aos 60 anos de idade, cando lle caeu enriba un carballo que cortaba. Xosé Ferreiro Martínez deixou no concello de Cerdedo sobradas mostras da súa mestría: o cruceiro da igrexa de Cerdedo (1900), o cruceiro das Procesións (Quireza, 1902) e, segundo o parecer popular, o cruceiro de Carballás (Cerdedo) e tamén o cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre, 1905).
No tocante á autoría do cruceiro de Carballás, nun catálogo de cruceiros custodiado no arquivo municipal, lemos o seguinte: Es creencia que lo construyó un vecino de Quireza, quizá el mismo que construyó el de esta parroquia. É dicir, Xosé Ferreiro.
Aqueles que defenden a autoría de Xosé Ferreiro baséanse no seguinte: o capitel e a cruz do cruceiro das Procesións (Quireza, 1902) e mais o capitel e a cruz do cruceiro de Vichocuntín (1905) son idénticos. Ambos os dous capiteis órnanse con cabezas anxelicais, volutas e acantos. Os paus de ambas as dúas cruces son octogonais. En ambas as dúas cruces, as imaxes do Crucificado e da Virxe visten os mesmos panos e amosan os mesmos ademáns... Non obstante, a semellanza máis abraiante é que tanto nun cruceiro coma no outro, o capitel e mais a cruz son de CEMENTO, característica na que aínda ninguén reparara. Ao fío, J. M. Laredo visita Vichocuntín e no xornal La Voz de Galicia (17-6-1989) gaba as excelencias do peto: Llama la atención lo perfecto del trabajo escultórico de las figuras de la cruz, y capitel, muy diferentes de esas denominaciones rústicas o toscas ... Repitamos que es Terra de Montes y aquí no es de extrañar estas perfecciones en el trabajo de la piedra.
Esta descuberta lévanos a plantexar as seguintes interrogantes:
−Os cruceiros de Quireza e Vichocuntín luciron en orixe cruces e capiteis de pedra ou as de cemento son as pezas orixinais?
−Se as tallas de pedra foron substituídas, quen ordenou a troca, cando e por que? É oportuno dicir que o cruceiro de Quireza é de propiedade pública, mentres que o de Vichocuntín é propiedade particular, así e todo, érguese nos predios ribeiráns expropiados hai corenta anos por Fenosa, co adaxo da construción do macroencoro de Dorna.
−Se as tallas de pedra foron substituídas, as de cemento son copias das orixinais?
Chama a atención que estas supostas substitucións afectasen a dúas esculturas selleiras que non poucos atribúen ao cicel de Xosé Ferreiro Martínez, patrucio dunha familia que foi paradigma da resistencia antifranquista e por tal, albo da represión. Neste senso, unha descendente de Xosé Ferreiro asegurounos que a substitución do capitel do cruceiro de Quireza aconteceu despois da guerra civil.
A presunta substitución parcial obrada nos cruceiros de Quireza e Vichocuntín reafirma a tese dos que consideran estas esculturas labor do canteiro Xosé Ferreiro Martínez.
Cómpre engadir que a finais do século XIX, comezou a estenderse pola Galiza o uso do cemento portland, patentado por Joseph Apsdin en 1824. Os canteiros foron descubrindo a docilidade, durabilidade e rendibilidade deste material. Xurdía a profesión de albanel. Do libro El cemento portland. Fabricación y expedición, publicado en 2004 por Chinchón & Sanjuán, extraemos o seguinte fragmento: El primer cemento portland español se produjo en Asturias en la fábrica de Tudela Veguín en 1898; en 1900, se fundó la Sociedad Comanditaria Hijos de J. M. Rezola y en 1901 se fundó la Compañía General de Asfaltos y Portland Asland, S.A. y la Sociedad de Cementos Portland de Pamplona se instaló en Olazagutía en 1905. En el año 1909, las fábricas españolas producían 100.000 toneladas anuales y en 1940 la producción ya era de 400.000 toneladas anuales.
Mesmo así, as cruces e capiteis dos cruceiros de Vichocuntín e Quireza destacan pola perfección do seu acabado. É sabido que até mediados do século XX era gusto común que os cruceiros lucisen policromados e, dende logo, o cemento déixase cubrir mellor ca a pedra.
Con toda seguranza, as pezas de cemento dos cruceiros de Quireza e Vichocuntín levan o selo do mesmo artesán e foron elaboradas na mesma época. Cando menos, no caso dos capiteis, o artesán empregou o mesmo modelo en pedra para facer os moldes de escaiola onde fraguar o cemento. No caso das cruces, os modelos empregados eran moi semellantes.
−Experimentarían Ferreiro ou De la Iglesia con este novo material?
−Conservarase a cruz/cruces e o capitel de pedra que serviu/serviron de modelo?
−Existirán máis copias destes modelos na comarca?
Cambiando de asunto, De la Cigoña (Esmoleiros e petos de ánimas..., pax. 72) achega unha “pequena historia” co cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín: Don Domingo Sieiro quería facer unha capela no lugar da Devesa, na parte alta da aldea de Vichocuntín, pero non tiña diñeiro abondo para emprende-la empresa, polo que decidiu construí-lo peto mailo cruceiro coa axuda do cura de Cerdedo D. Francisco Vidal García que foi o que serviu a pedra.
Porén, segundo as nosas pescudas, Francisco Vidán García, proveniente de Cambre, non tomará posesión da reitoría de Cerdedo até finais do ano 1905, polo que consideramos pouco probábel a súa participación na construción do cruceiro e peto de ánimas. “A parte alta da aldea de Vichocuntín” á que se fai referencia é o casarío en ruínas que os de Capitán Gosende nomeamos “aldea vella de Vichocuntín” ou Vichocuntín de Arriba (Faro de Vigo-Montes, 31-7-2013).
O cura Francisco Vidán García, párroco de Sigrás e Anceis (Cambre), é nomeado cura de San Xoán de Cerdedo en novembro de 1905 (El Correo de Galicia, 9-11-1905). O crego, que tamén exercía o cargo de arcipreste de Montes, falecerá, víctima de una rápida enfermedad, en outubro de 1918 (El Eco de Santiago, 22-10-1918).
Francisco Vidán García substituíra a Vicente Fontao Varela, que fora nomeado cura de Cerdedo, en abril de 1897 (El Pensamiento Gallego, 28-4-1897) e arcipreste de Montes en marzo de 1899. Fontao Varela será nomeado párroco de San Pedro de Palmeira (Ribeira) en febreiro de 1905 (BOAS, 21-2-1905), falecendo nesta parroquia en xuño de 1910 (La Correspondencia Gallega, 27-6-1910).
En xuño de 1905, o ecónomo de San Xoán de Cerdedo e á sazón arcipreste interino era Xesús Mª Campos Varela (BOAS, 20-7-1905; 10-10-1905). Dende xuño de 1905, o coadxutor de San Xoán de Cerdedo era Xesús Varela Camiña (BOAS, 10-10-1905).
Os apelidos que se vinculan á casa que patrocinou o cruceiro de Vichocuntín son Vecino e Sieiro. Consonte a lápida do peto, os petrucios deron o visto e prace e Domingos Sieiro puxo o diñeiro para levar a cabo a obra. Nos anos corenta do pasado século, un Xosé Vecino Sieiro foi párroco de Pedre.
En novembro de 2013, o colectivo Capitán Gosende acometeu unha limpeza reivindicativa arredor do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín, invadido pola matogueira (Faro de Vigo-Montes, 23-11-2013). O cruceiro e peto de Vichocuntín é unha estación obrigada nos itinerarios culturais (Roteiro da Pantalla e Roteiro polo Pedre milenario), deseñados pola asociación para a salvagarda e promoción do patrimonio da parroquia de Pedre.