Dedicado á asociación Vaipolorío
Calros Solla
Segundo algunhas testemuñas (falsas), os fuxitivos feriran gravemente a un vixiante do cárcere e a un axente de consumos que, saíndolles ao paso, tentaran impedir a fuxida.
Escribe o reporteiro de El Diario que cando, a primeira hora, se desprazou ao lugar dos feitos “para indagar la verdad de lo ocurrido”, oíu dende a rúa os presos que cantaban no patio da prisión, celebrando, ben seguro, a liberdade recuperada dos seus compañeiros de cativerio.
Confirmábase a noticia. Arredor das tres e media da madrugada cinco presos “desapareceran” das instalacións penitenciarias. Entre os evadidos atopábanse dous “cabos de vara”, reclusos con certos privilexios, que auxiliaran no seu propósito ao afouto e escorregadizo Farruquena.
Preguntando chégase a Roma. O xornalista obtivo os nomes dos cabos de vara (o cabo Xoán Mosquera e o seu auxiliar Xesús Rouco) que, a altas horas da noite, abriran a cela número 4 que ocupaban Xosé María Posse (a) Farruquena (ou Ruquena), Carlos Cardona el Galleguito e Atilano Expósito; todos tres procesados por roubo.
Baixo o epígrafe “La fuga”, o reporteiro non escatimou detalles á hora de explicar o procedemento empregado polos escapistas. Preferimos transcribir este episodio de xeito literal:
¿Qué medios emplearon los cinco presos para fugarse? Muy sencillos y muy fáciles. Desarmaron una cama y colocaron entre las rejas de la ventana dos caballetes de madera. Sobre los caballetes pusieron una tabla y quedó armado en el acto un pequeño andamio. Subidos a él, los presos perforaron con un barreno el techo y serraron después, hasta hacer un hueco suficiente para que pudiera pasar una persona. Y en efecto, los cinco ‘pájaros’ se colaron por el agujero llevando consigo las sábanas de sus camas.
¿A dónde fueron a parar? A una sala destinada a archivo del Juzgado de primera instancia, que está en la parte alta de la cárcel. Pero resulta que el archivo no tiene balcones ni ventanas. Había, pues, necesidad de pasar a otro departamento que tuviera salida a la calle.
¿Cómo se las arreglaron los presos? Valiéndose de una escalera de mano que allí había para servicio del archivo, barrenaron el techo de la sala y subieron al desván de la cárcel. Pero el desván tampoco tiene salida a la calle. Entonces, los fugitivos hicieron otro agujero sobre el piso que comunica con el archivo notarial y por allí bajaron, convencidos de que en dicho departamento hay una ventana rasgada que mira a la carretera de Marín, en la fachada principal del edificio, sobre la misma acera.
A todo esto, eran las tres y media de la madrugada.
Los presos abrieron la ventana, ataron en la baranda dos sábanas perfectamente anudadas y por ellas fueron descendiendo, primero uno, después otro, todos los cinco. Fue obra de medio minuto. El silencio era completo.
Xa na rúa, os presos encaráronse cun axente de consumos. Suxeitándoo polos brazos e apertándolle o pescozo, dixéronlle: “¡Esto no es nada; hay que callar; cuidado con hablar!”. Desta feita, Farruquena e os seus secuaces non remontaron a ribeira amena do río dos Gafos, senón que optaron por seguir o trazado do camiño de ferro de cara a Compostela. O consumeiro tocou o chifre, a cuxo sinal acudiu o sereno Beato León, mais xa era tarde. Informados o director do cárcere, o presidente da Audiencia e o xuíz de primeira instancia, mobilizaron varias parellas montadas da Garda Civil. A autoridade reconstruíu os feitos percorrendo as dependencias carcerarias e tomándolles declaración aos presos que aínda permanecían na cela número 4. Ditos presos declararon “que no habían visto ni oído nada”. Os danos causados pola barrena no piso da prisión ascendían a dez pesetas.
Na xornada do día 26, a enésima fuxida do Farruquena converteuse na comidilla dos pontevedreses.
El Diario de Pontevedra do martes día 28, baixo o titular “Los fugados de la cárcel”, volve dedicarlle espazo ao “suceso del día”. O xornal, tentando dar resposta ás preguntas “¿Por dónde huyeron los presos?”, “¿Dónde se encuentran?”, informaba os seus lectores que, segundo algunhas atestacións, o bandido Farruquena a canda os seus acólitos, alancaran pola vía do tren até Campañó. Porén, dúas veciñas de Xeve aseguraron ver naquel lugar, ás oito da mañá do día 26, cinco mozos de fasquía sospeitosa “cuyas señas coinciden con las de los presos”. Ao parecer, un deles ía medio espido. A Garda Civil sospeitaba que, dende Xeve, os fuxidos dirixíranse a San Xurxo de Sacos, a onde chegarían pola tarde.
O tenente coronel da Benemérita Manuel Ros y Pérez deulles ordes aos seus subordinados para que se despregasen por aquela comarca. Contra a noitiña, froito das pescudas, os axentes advertiron a presenza de “cinco hombres que caminaban cautelosamente”. Os fuxidos decatáronse da presenza dos gardas e déronlles sebo aos pés, espallándose polo territorio. Os uniformados perseguíronos berrando “¡Alto a la Guardia Civil; entregaos!”, mais, como redactou o xornalista: “Los presos siguieron corriendo como corzos, saltando muros, cayendo aquí y levantándose allá, para evitar que la Guardia Civil los alcanzase”. Os perseguidores fixeron uso das súas armas regulamentarias, ferindo a un dos perseguidos. Finalmente, os axentes foron quen de deter a dous dos cinco delincuentes: Xoán Mosquera Testas (o ferido) e Xesús Rouco Arada, é dicir, os cabos de vara que facilitaran a evasión do Farruquena. O xornalista engadiu: “Los otros tres presos lograron huir y desaparecer, favorecidos por los accidentes del terreno y la oscuridad de la noche”.
Interrogados de novo os presidiarios que compartín a cela número 4 co Farruquena e os outros catro fugados, declararon que o sábado 25 estiveran “de conversación hasta las once y media sin notar nada de particular ni presumir que pudiera suceder lo que sucedió. El Ruquena estuvo más hablador que nunca, diciendo cuentos más o menos picantes que todos escuchábamos en medio de grandes risas”. Ao parecer, Cardona, outro dos evadidos, desaparafusara a lámpada eléctrica da cela porque seica lle picaban os ollos. O Cardona gardou a bombilla nunha bota e a estancia ficou nas tebras. Os presos tamén revelaron que a fuga fora premeditada, xa que o Farruquena e os seus camaradas “tenían especial empeño en no afeitarse la barba para desfigurarse un tanto”.
El Diario de Pontevedra do mércores 29 de marzo, en portada e baixo o titular “Los fugados de la cárcel”, ofreceulles aos seus lectores unha ampla reportaxe sobre as peripecias do Farruquena et álii. Os cinco fuxitivos deran chegado a Sacos o domingo ás catro e media da tarde, xa achancando polo monte xa pola estrada de Ourense. Nesta localidade preguntáronlles a dúas mulleres: “¿Está muy lejos Cerdedo? ¿Se ve desde la carretera?”. Posto que aínda lles quedaba un bo treito para atinxiren o seu ansiado destino, decidiron pasar a noite en Sacos e repor forzas na taberna de Xosé Bruno. “Tráiganos pan, queso y vino”, pediron esfameados e case sen folgos. Todos cinco devoraron aquela merenda nun amén. Saciada a fame e a sede, erguéronse da mesa manifestando que as consumicións serían aboadas ao día seguinte. Neste punto, reproducimos o diálogo mantido co taberneiro:
−¡Iso no pode ser. Déixense de bromas e paghen aghora mesmo o ghasto! –dixo o taberneiro.
−Non temos cartos. Rexístrenos vostede e xa verá como non hai nin unha perra chica –responderon os facinorosos.
−¡Se vostedes no paghan, non saen de aquí! –retrucou o taberneiro.
Quixeron os fuxitivos chegar a un acordo, deixando as súas chaquetas en peñor, e mesmo un deles tirou do peto dúas ou tres medallas, recordo de familia, para sufragar a débeda (once reais), mais, nin o taberneiro nin a súa muller se aviñeron. A clientela facía forza en favor do taberneiro, polo que Enrique de Francisco, facultativo da fábrica de electricidade de Dorna alí presente, vendo que o asunto “iba tomando muy mal aspecto”, ofreceuse a custear o consumido polos forasteiros. Os cinco agradeceron o xesto, abandonaron o local e reemprenderon a marcha.
Perto de Dorna, o quinteto dexergou os “charolados tricornios de una pareja de la Guardia Civil”, polo que, atravesando o leirado, internáronse no monte. A parella da Benemérita tamén se decatou da manobra. Os gardas esperaron o paso da carruaxe Pontevedra-Cerdedo, cargaron os seus fusís e sentaron no cupé, a carón do maioral. Apeáronse en Pedre, na revolta da Ponte do Barco, na mesma ponte, “sitio muy estratégico para sorprender a los desconocidos”, onde lles fixeron a espera. A unha carreiriña de can, nos pardiñeiros das Cortellas de Pedre, unhas décadas antes a gavela de Pepaloba e Xan Quinto, o seu fidel lugartenente, acubilláranse e maquinaran astucias.
Deron as oito. Na escuridade, un ruído de pasos amortecidos puxo en alerta os axentes, apostados tras unhas matogueiras. O cabo tocou o chifre e berrou: “¡Alto a la Guardia Civil!”. Sorprendidos, Farruquena e os dous cabos de vara Rouco e Mosquera fixeron por escapulirse. Os gardas civís abriron fogo, ferindo a Mosquera no lomedro esquerdo. Rouco e Mosquera rendéronse inmediatamente, tirándose ao chan no medio da ponte: “¡Entregámonos, entregámonos!”. O habelencioso Farruquena, esquivando as balas, guindouse da ponte abaixo, dende unha altura duns cinco metros: “Cayó de rodillas, incorporose rápidamente y desapareció en el acto, como si la noche le hubiera tragado entre sus sombras”. Carlos Cardona e Atilano Expósito xa denantes escolleran outra ruta de escape.
Os gardas civís cachearon os detidos. O Rouco portaba na man un fardel co que envolvía dous magníficos polos, subtraídos nalgún curral. O xornalista precisou: “Los guardias se hicieron cargo de los pollos que, por cierto, estaban ya desplumados cuidadosamente y en disposición de ser pasados por el fuego”.
Rouco e Mosquera, atados cóbado con cóbado, foron trasladados ao cuartel de San Xurxo de Sacos. Nada se soubo dos outros tres fuxidos. Correu o rumor que Cardona e Expósito pasaran a noite na casa dun tal Herdeiro, na aldea do Cádavo (parroquia de Santa María de Sacos).
O mércores 29 de marzo, ás nove da mañá, Rouco e Mosquera ingresaron de novo na prisión de Pontevedra. Sometidos a interrogatorio, ambos os dous botáronlle a culpa da fuga ao persuasivo e animoso Farruquena. Durante as xornadas de fuxida e persecución só enviaran un anaco de boroa ao bandullo. Acusaron a Cardona de roubar, matar e desplumar os dous polos. Dende o domingo non pegaran ollo: “Pasamos la noche y el día andando siempre por los montes con el afán de llegar a Cerdedo, luego a Carballiño y después a donde Dios quisiera”. Respecto ao Farruquena, os detidos engadiron: “Al Ruquena no lo cogen Vds. más que muerto, porque corre como una liebre. Salta por encima de todo lo que encuentra a su paso y ya dice él que sólo estando sin vida podrán poner las manos en su cuerpo”.
O xornalista tivo oportunidade de entrevistar o garda civil Xesús Maceiras, un dos artífices da detención dos evadidos, quen gabou a axilidade e a determinación do Farruquena. Tamén Enrique de Francisco respondeu as preguntas da prensa. O técnico da fábrica de Dorna precisou que foi Cardona quen quixo satisfacer as consumicións na taberna de Xosé Bruno, ofrecendo en troco os xemelgos da súa camisa. De Francisco sinalou que os fuxidos non levaban arma branca ningunha, pois, para tallar o queixo, pediran emprestada unha navalla na taberna; pero si se axudaban duns bos paus.
Á última hora do martes 28, os telégrafos difundiron por Pontevedra o rumor da captura do fuxitivo Xosé Benito Posse Seara, alias Farruquena. Ao parecer, coa intención de pasar a Portugal, o bandido fora detectado pola Garda Civil de Arbo mentres xantaba nunha taberna da localidade. Farruquena ventou os de verde e abandonou o establemento por unha das fiestras, dirixíndose lixeiro até a beira do Miño. Unha vez alí, acosado pola Benemérita, chimpouse á auga. Zafouse Farruquena das balas da Garda Civil que asubiaban por riba da súa cabeza e venceu, así mesmo, a forte corrente do río, mais na outra ourela agardábano expectantes os gardas portugueses.
Concluía o xornal que, probabelmente, nos vindeiros días o bandido Farruquena sería devolto ao cárcere de Pontevedra. Disque, mais coñecendo o personaxe, subido á peaña do mito co patrocinio de Vaipolorío, ben seguro, en comisarías e cuarteis, segue a figurar nas listaxes dos prófugos máis buscados.