David Otero
E volvendo a Rosalía, a nosa galega poeta transcendente , que na rebeldía mediou para que este pobo fose posuíndo, na xustiza e na dignidade, miradas amplas sobre a súa vida. Esa “mala herba” que loitou por ser ela, muller absolutamente, de acento forte, e que aínda desvalorizan (“dándolle voltas”, como din algúns historiadores) para que pareza outra e sexa asumible para “ celebrala” e que así axude a que no “amén” sigamos no pensamento domesticado da peor historia oficial. Ela que co seu corazón axudou construír o corazón de Galiza e que na súa obra están os berros e laios do noso pobo a sobrevivir, onde os seus poemas non son retratos individuais, nin paisaxes soltas, nin pingas de choiva inconexas, nin estrelas desirmandadas, que son a queixa xigante da Galiza unidade, nas feridas, na dolor e na loita. Poesía nacional.
rosalía…
estrela nosa de liberdade
muller total
e brava
que nos orientas sempre
ás orixes
do fundamental
levando sempre en ti disposta
a palabra matria
ese tesouro
por iso así abrazamos
o teu facer de amor
marabilloso
e así gozamos da túa fornada
de pan de azucre
sempre tan puro e acaído
e así presides as concretas ilusións
deste pobo posto en pé
do seu resigno.
que nós contigo fóra de incertezas
bradamos Patria,
tamén Terra… e tamén Lingua.
que así ha selo, Rosalía,
en cada nacer de días
na teimosía de nós e sendo
II.
rosalía…
ti que encarnas sempre Patria
por riba de teas e de músicas
arbitrarias,
es a parte fundamental
do concepto orixinal
que a nosa idea encarna
por iso o teu nome abraza
a galegas e a galegos
vivindo así a son puro de pobo noso
por iso aquí así construíremos… Rosalía
os nosos dereitos esenciais
ao ir das nosas máis afortecidas esperanzas
…rosalía
david oterro
a 23/2/21 (véspera nacional de rosalía).