O Dr. Manuel Barros do Val, estudoso e investigador fillo de estradense afirma, que os asentamentos relevantes de fillos deste concello foron Cuba e Arxentina, así como tamén importantes colonias en Montevideo, Porto Rico e Cádiz. E que Pedro Varela Castro, quen dirixise entre 1912 e 1919 o periódico “Eco da Estrada”, órgano das sociedades agrícolas do Distrito e alcalde entre 1917 e 1920, atribúese a idea fundacional de “Fillos da Estrada” na capital de todos os cubanos.
Non só esta asociación foi fundada na Habana. Tamén o foron a “Unión de Rubin”, (1906) “Sociedade Estradense de Instrución”, “Fillos de Pardemarín”, “Fillos de Cereixo e Vinseiro”, “Sociedade de instrución Curros Enríquez", todas en 1911, e en 1920 "Fillos de Tabeirós", "Unión de Curantes e Olives" e "Fillos de Loimil", estando activas algunhas ata os anos 30 do século XX. Outras asociacións existiron na Habana como o "Club Estradense", que aínda que non foron sociedades de instrución como tal, tiña fins benéficos e axuda mutua, tanto na Habana como na estrada. puntualiza o Dr. Barros do Val.
"Fillos do Concello da Estrada" foi fundada nos salóns do outrora moi Ilustre Centro Galego da Habana, o día 4 de Xuño de 1915. Os membros do Comité Xestor foron: Jose Brea. (Vinseiro), presidente; Manuel Señarís Junquera. (Aguións) Secretario. Membros: Manuel Rei Rodríguez. (Vinseiro) Albino Matalobos Loureiro. (Cereixo) José Constenla. (Tabeirós) Antonio Reymóndez. (Ribeira) Ramón Araujo. (Oca) Manuel Igrexas. (Callobre) e Jesús Vázquez. (Lagartóns).
O primeiro Regulamento Social é aprobado nesta mesma reunión, enmarcando claramente os fins do seu fundación "Protección ás sociedades confederadas do Concello da Estrada, ao ensino e ao asociado necesitado".
É bo destacar que no seu Artigo IV especifícase claramente que o 50% dos fondos sexan dedicados á Federación Agrícola da Estrada, co obxectivo de construír un edificio para que dita Federación funcionase, tamén soster un xornal que defendese os intereses agrarios e que difundise os modernos métodos de cultivo. Un 25% dedicado ao ensino e o outro 25% ao socio necesitado. Na segunda quincena do mes de Xuño de 1915 elíxese o primeiro Presidente, Antonio Reymóndez e como Secretario, Manuel Señarís Junquera.
Destacados foron os irmáns Maximino e Albino Matalobos Loureiro, quen en representación da Xunta Directiva desta asociación estradense, fundaron, na Estrada, xunto a José Otero Abelleira, o xornal "El Emigrado", (Xornal Independente-Órgano das Sociedades de Emigrados e Agricultores) e o 1º de Xaneiro de 1921 queda inaugurado o CENTRO DE EMIGRADOS, no edificio que ocupaba con anterioridade o Circulo Mercantil, que funcionase ata o ano 1934, como "delegación" de "Fillos do Concello da Estrada" na Vila. José Otero Abelleira, mestre de profesión, e emigrado retornado de Cuba, foi nomeado: Director, redactor e administrador de "O Emigrado", o primeiro e único órgano de prensa fundado pola emigración "cubana" na Estrada, ocupando o cargo de Xefe de Redacción Manuel García Barros.
É incuestionable que en Galicia as Sociedades de Instrución creadas en Cuba, crearon 150 establecementos escolares, dotados de 225 aulas que foron instaladas en 112 edificios de nova construción ou acondicionados para actividades docentes nas parroquias.
Agora a cen anos da fundación de "Fillos do Concello da Estrada", os poucos naturais estradenses e os moitos descendentes como fixesen os seus antecesores, manteñen viva esta asociación. Demóstrao a actividade artístico cultural celebrada no portal da casa que servise de residencia do Gobernador da Illa, onde a Banda Nacional de Concerto da Habana, o Coro do Teatro Lírico Nacional unido ao Coro da Empresa de Telecomunicacións de Cuba (ETECSA), interpretasen o Himno Nacional cubano, así como tamén o Himno Galego para dar paso a xeniais e profesionais interpretacións de cancións galegas, entre elas, "Alborada Galega" de Pascual Veiga e o danzón ( baile tradicional cubano) "As Alturas de Simpson" composta por Miguel Failde fillo de galego nado na provincia isleña de Matanzas.
Para concluír o actual presidente, natural da Estrada, Servando Oubel Feros, acompañado de Gódula Rodríguez Señarís, vicepresidenta; Raimundo Mollinedo López, secretario; Alejandro Gil Vinseiro, vicesecretario; Dores Torres Pérez, tesorera, e Karell Hernández Torres como vicetesoureiro, e o resto dos directivos xunto a máis dunha centena de asociados escoitaron a poesía do bardo galaico Manuel Álvarez Fontes, " Fillos do Axuntamento dá Estrada" dedicada a esta asociación; cortaron a tradicional torta e cantaron feliz aniversario a esta asociación galega membro da Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios e Parroquias de Galicia, Federación de Sociedades Galegas de Cuba e Federación de Sociedades Españolas de Cuba.
Centenario do Centro Galego e de Fillos do Concello da Estrada
Cristina Amosa Tato
O 21 de Xaneiro de 1872 os galegos residentes nun territorio ultramarino de Cuba fundaron a “Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia”. No 1879 converteríase nun proxecto moito máis ambicioso, o do “Centro Galego da Habana”. Este nace para promover a cultura dende tres seccións: “de Recreo e Adorno”, “de Declamación” e “de instrución” (biblioteca, escola e escola de idiomas). O edificio en si mesmo comezouse a construír no 1907 finalizando en 1913 as obras do Palacio Social e no 1915 as do Teatro (que xa existía, era o antigo Teatro Tacón e fora mercado pola asociación). O centro medrou e chegou a ter ata hospital “La Benéfica” e Caixa de aforros “Caja de ahorros y Banco Gallego”. No 1920 eran 64.000 socios, mentres que na capital galega o censo total era de 25.870 habitantes.
En 1961, ca revolución, cesou o Centro Galego como institución. Hoxe en día o edificio coñécese como o Gran Teatro da Habana e o espazo adicado á cultura galega e á labor das sociedades emigrantes quedou moi reducido. Aínda así, celébranse de cando en vez actividades relacionadas. Na semana do 12 ao 19 de abril terá lugar o Festival La Huella de España (XXVI edición) que estará adicado á nosa cultura facendo mostras de danza, teatro, música, literatura, cine… ca pretensión de amosar as nosas raíces presentes na cultura cubana.
Voltando aos comezos do Centro, pouco despois da súa inauguración en 1915, nacía nas suas salas a Sociedade Fillos do Concello da Estrada . Os obxectivos das sociedades era brindar apoio aos emigrantes, que adoitaban ser veciños, e en conxunto aportar ideas e diñeiro dende Cuba ao seu lugar de orixe, principalmente mellorando a educación (como vistes no post sobre as escolas de emigrantes). Na primeira reunión dos fundadores estableceuse un regulamento. Destaco que no Artigo III consignáronse uns obxectivos: “Protección a las sociedades confederadas del Ayuntamiento de La Estrada, a la enseñanza y al asociado necesitado”. No Articulo IV especificase que 50% dos fondos que esta sociedade dedica á Federación Agrícola da Estrada, destinaranse á construción dun edificio domicilio da Federación e a soster un periódico para a defensa dos intereses agrarios. Un 25% dedicado á ensinanza e o outro 25% ao socio necesitado.
A sociedade viu os seus froitos. En 1920 nacía na Estrada o xornal El emigrado (Periódico Independiente-Órgano de las Sociedades de Emigrados y Agricultores). Cabe destacar que o xefe redactor era Manuel García Barros (mencionado xa nun post sobre a prensa da emigración) que xa dirixira en 1906 o xornal El Estradense, anticaciquil e defensor dos intereses das sociedades agrarias, con ampla distribución na Habana