Centenario da trilateral: Galiza, Euscadi e Cataluña
Desde a Asociación Cultural “Vagalumes” e Vía Galega imos celebrar un acto para lembrar este feito o vindeiro venres 22 ás 20:00 h. no Mome (A Estrada). Para coñecer a historia desta relación de irmandade temos a sorte de contar co máximo especialista nesta alianza trinacional, o profesor Xosé Estévez, que presentará o seu libro “GALEUSCA, la periferia contra el páramo”.
O movemento Galeuzca, integrado polas tres nacións periféricas do Estado español, partiu da perentoria necesidade de articular un bloque trinacional unitario e solidario, fronte ao tradicional e férreo centralismo do Estado.
Pode definirse como a procura constante, concretada en pactos ciclicamente selados, dun acordo vasco-galaico-catalán para conseguir cotas crecentes de autogoberno, que transitaban desde a autonomía integral para uns, pasaban polo federalismo e/o confederalismo para outros, incidían na soberanía ansiada e finiquitaban na independencia para algúns.
Ata 1923 as relacións reducíronse a contactos esporádicos, puntuais e bilaterais entre rexionalistas e/ou nacionalistas cataláns e galegos ou cataláns e vascos, con momentos álxidos en 1905, 1907 e 1917-18.
Na Estrada, precisamente, deuse un deses primeiros encontros cunha carga política evidente con motivo das eleccións xerais na que se presentaba unha candidatura da Irmandade da Fala con Antón Losada Diéguez.
No mitin do 7 de febreiro de 1918, na Estrada interviron membros da Lliga de Cambó, como é o caso de Pedro Rahola e Ferrer y Vidal. Como veremos, para estes dous tiñan reservada a acusación de subordinar os intereses galegos aos de Cataluña. Cando Carlos Pardo das Irmandades da Estrada presentou en galego os intervenientes, comezaron a asubiarlle e berrarlle “carlitos en castellano”. Interveu o catalán Ferrer y Vidal dicindo: “Falo castelán porque non son galego, se fose galego, en galego vos falaría”. Xesús R. Culebras, das Irmandades, di na súa intervención: “Estráñame que haxa miserábeis que censuren o emprego do idioma que falaron os nosos avós e que herdamos dos nosos pais”. Na súa intervención, di Porteiro: “Os rexionalistas non odiamos o castelán, non; temos amor á terra galega e aborrecemento para quen a aldraxa. Falo en galego porque nacín na Galiza, en Lugo, e estou na Estrada que pertence a Pontevedra, provincia de Galiza e antes hoxe xa non, provincia de Riestra”.
Desde a Asociación Cultural “Vagalumes” e Vía Galega convidamos a veciñanza a asistir a este acto para saber máis da nosa historia e das posibilidades dun futuro mellor para a nosa Terra.