A. C. Vagalumes conmemora o centenario de El Emigrado, un xornal fundamental na historia da Estrada e da Galiza
O 15 de setembro de 1920 publícase o primeiro número do xornal El Emigrado da Estrada.
El Emigrado é o froito de décadas de loita pola emancipación das clases populares do noso Concello que viron a necesidade de ter un órgano de expresión das súas ideas e de información ao servizo da verdade e dos intereses do pobo. Foi posíbel grazas á emigración. Desde Cádiz, Arxentina e, sobre todo, desde Cuba puxeron os cartos gañados a base do propio esforzo dos estradenses desterrados e, en vez de gastalos no seu beneficio particular acordan investilos ao servizo do ben común, da súa colectividade, en definitiva, da súa patria, de Galiza.
Desde as súas páxinas denunciábanse inxustizas, reclamábanse melloras e dábase conta do que pasaba á veciñanza, mais tamén, desde 1920 e durante 20 anos foron quen de ser canle da creatividade cultural local dando cabida a escritores hoxe recoñecidos na historia da nosa literatura como é o caso de García Barros ou Cabada Vázquez. Mais moitos outros escritores e escritoras deixaron impreso nel poemas e relatos que ficaron quizais esquecidos. Con todo, o que resulta máis inxusto é deixar de lembrar aqueles que perderon a vida precisamente por expresar as súas ideas. Este é o caso de Cortés Fernández, Bernardo Mato, Xoán Xesús González, Roberto Blanco Torres... as xentes máis lúcidas do noso concello caeron para descabezar unha sociedade crítica e dinámica, digna e intelixente, para domesticala, roubarlle o futuro e condenala á incultura. Otero Abelleira, García Barros, Castro Dono, moitos nomes que non se poden resumir aquí de homes e mulleres honestas que se viron privados do seu medio de vida, perseguidos, torturados, encarcerados para lograr afogar a voz dun pobo. Un pobo que falou alto e claro a través das páxinas de El Emigrado, e que cen anos despois segue coas mesmas inquedanzas e desexos de mellorar as cousas que os que no seu día foron quen de botar a andar e manter este proxecto xornalístico que hoxe lembramos.