Calros Solla
Pombal da aldea vella de Vichocuntín
Construción situada na aldea vella de Vichocuntín (ou Vichocuntín de Arriba), pertencente á parroquia cerdedesa de Pedre (coordenadas.- X: 547.517; Y: 4.709.157; alt. 318 m). O pombal, desprovisto da cuberta e inadvertido entre unha fronde de mimosas (Acacia dealbata), érguese na parte alta do casarío, a escasos cen metros ao norte da estrada xeral. É propiedade particular, mais, coma todos os bens daquela ribeira, está afectado polas expropiacións acometidas por Fenosa nos anos 80.
O pombal de Vichocuntín é de planta cadrada e paredes de cachotaría de granito, revocadas antano con barro e cal. A anchura dos muros é duns 60 cm. O edificio acada os 4’20 m de alto, dende o chan até os penais. A esta medida hai que engadirlle o metro que levanta a cuberta a catro augas, dende a trabe até o cume (altura total: 5’20 m). A armazón da cuberta compúñase dunha trabe medial, puntal, catro trabiñas esquinais, oito cangos radiais, ripas, cobertura de láminas de lousa e, no bico, un cantacuco cónico de pedra (pináculo). O espazo interior acada unha superficie de case 10 m2. Base cadrada perfecta (4’40 m de lado), o pombal ten un perímetro de 17’6 m, atinxindo unha superficie duns 19’4 m2. As sopenas arrédanse do beirado uns 45 cm. Nesta franxa da construción, abríanse en tempos uns 25 biolos. Na actualidade, apenas permanecen expeditos os biolos das paredes leste e sur; os máis foron cegados. O beirado contorna as paredes sur, leste e oeste. No cabo das paredes leste e oeste, o beiril remata nun hexaedro irregular de pedra.
O pombal, de piso terreiro, abre o van da porta cara ao leste. O oco posúe unhas dimensións de 120 cm de alto, 62/90 cm de largo (van abucinado) e 60 cm de fondo. Nas paredes interiores repártense de xeito irregular un cento de aniñadoiros de volumes disimilares. Unha ducia de celas foron xacando obturadas. Os niñais inferiores afástanse do chan uns 70 cm. Na parede sur e á mesma distancia do chan, dispuxéronse dúas grandes lacenas, de 123 cm de longo, 70 cm de largo e 50 cm de fondo. En cada unha das lacenas, abríronse tres buracos pasantes cuxa función, probabelmente, era a de soster media ducia de cangos que, no exterior, armaban un alboio (hoxe inexistente). As seis entallas abertas na parede sur dan testemuño. As paredes interiores presentan un rebaixe á altura dos biolos, aprestando o pousadoiro das aves.
Na actualidade, a construción vese arrodeada por innúmeras acacias que, grosas e inestábeis, poñen en grave risco a súa integridade.
O pombal pouco común da aldea vella de Vichocuntín non figura, inexplicabelmente, no PXOM de Cerdedo.
Pombal da Rampla
Dita construción, hoxe desaparecida, situábase na Rampla, no núcleo da parroquia de Cerdedo, no lugar nomeado antigamente O Pombal (oíase: O Palomar), xusto no empalme da estrada de Ourense coa estrada de cara a Presqueiras e á altura da antiga botica de Gamallo (coordenadas.- X: 550.159; Y: 4.709.048). Coidamos que aínda existía en 1956 (véxase a fotografía do Voo Americano), sendo derrubado pouco despois por mor do ancheamento do vial que comunica Cerdedo coa ponte Piñoa (dirección Presqueiras). O pombal arrequecía o igrexario de San Xoán.
De planta circular, cuberta cónica e muros encalados, tiña ao parecer un tamaño inferior ao da parroquial de San Martiño.
Traballo feito non corre présa. No remate deste noso proveitoso paseo polos pombais cerdedeses, Rosalía agasállanos coas honras do ramo:
Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?