Calros Solla
Os etnógrafos establecen a diferenza entre pombal e pombeiro, baseada tamén no tamaño: o pombeiro, de menores dimensións. “Palomar” é castelanismo.
As pombaregas son os colúmbidos que achan acubillo nos pombais ou pombeiros, a resgardo de félidos, cánidos, rapinas, cobras, mustélidos... O polo da pomba recibe o nome de pichón, do latín pipione (“que pía”). As pombas cando cantan rulan (voz onomatopeica) ou zuran; tamén rulan as rulas (ou rolas) e as perdices. Zuras (ou suras) son as pombas mansas, e con esta voz afalámolas. Por semellanza coas celas ou niñeiros dos pombais, os conxuntos de nichos onde se gardan as urnas cinerarias denomínanse, xa dende época romana, columbarios. As pombas son aves monógamas. As femias sempre poñen dous ovos por posta, dos que, xeralmente, xorden un exemplar macho e outro femia. As pombas ceibas teñen unha esperanza de vida duns cinco anos.
Pomba e Comba, do latín palumba e columba respectivamente, son nomes galegos de muller. Paloma é un chamadeiro adoito escollido para as nosas vacas. Ambas as dúas etimoloxías inspíranse nos trazos cromáticos do animal. A pomba branca simboliza a paz, e cunha póliña de oliveira no peteiro lembra o episodio bíblico da aloveada tras o dioivo universal. Na Galiza, vinte e unha parroquias (doutros tantos concellos) están baixo a advocación de santa Comba, que foi antes meiga ca santa. Santa Comba é unha santa popular, non recoñecida pola Igrexa, cuxa invocación protexe do meigallo.
O pichón estufado seica é manxar de deuses, porén, como se oe dicir, se o porco voara non habería ave que o avantaxara.
En Cerdedo consérvanse, ou temos noticia, dos seguintes pombais:
Pombal das Pezas ou dos Creghos
Construción situada na aldea de Filgueira, pertencente á parroquia cerdedesa de Castro (coordenadas.- X: 547.699; Y: 4.712.787). O pombal, desprovisto da cuberta e asoballado polas silveiras, érguese na leira nomeada As Pezas, a uns cen metros, cara ao norte, da capela dos Remedios e da eira da Ermida. É unha propiedade particular.
O pombal das Pezas (ou dos Creghos) é de planta circular e paramento de cachotaría, revocado no seu día con barro e cal. A anchura dos muros é duns 70 cm. O pombal acada os 3’15 m de altura, dende o chan até os cargadeiros dos biolos e maineis. Boa parte dos cargadeiros e maineis viñéronse abaixo a canda o armazón do tellado (cuberta cónica). Conserva, así e todo, todas as lousas do beirado, onde as pombas pousaban ou alzaban o voo. O espazo interior atinxe os 2’50 m de diámetro. O diámetro da construción atinxe os 3’90 m e os 12 m de perímetro. O pombal ocupa, xa que logo, uns 12 m2 de superficie.
O pombal, de piso terreiro, abre o van da porta cara ao leste, de 63-83 cm de ancho (abucinado) e 114 cm de alto. Na face interior do paramento dispóñense 6 fileiras de celas, habilitando uns 150 aniñadoiros.
O chamadeiro “pombal dos Creghos” testemuña a antiga vinculación do inmóbel coa Igrexa, circunstancia que é habitual. A cría de pombas e pichóns era solaz, estipendio e francachela de casas fidalgas ou abadengas, pois este gando do aire mantíñase de seu, peteirando nas searas sementadas coa suor da testa labrega. O alcume familiar “os Creghos” remítenos a un devanceiro sacerdote, beneficiario da crianza e consumo destas aves.
Pombal de San Martiño
Construción situada na aldea de San Martiño, pertencente á parroquia cerdedesa de Figueiroa. O pombal, asoballado polas hedras, érguese no medio dos panteóns do cemiterio parroquial, asumido polas sucesivas ampliacións do camposanto. O pombal de San Martiño (coordenadas.- X: 549.078; Y: 4.709.533) afástase, cara ao sur, uns 10 metros da igrexa e uns 30 m da casa reitoral (hoxe, en completo estado de ruína). É propiedade da arquidiocese, ou como din os veciños: “Pertence a Santiagho”.
O pombal é de planta circular e paramento de boa cachotaría. A anchura dos muros é duns 91 cm. Acada os 4’30 m de altura, dende o chan até o armazón do tellado (cuberta cónica de tella país e lousas de xisto no bordo). A armadura da cuberta componse de trabe central, tesoira en cruz, cangos radiais e ripas. O espazo interior atinxe os 2’42 m de diámetro. O diámetro da construción atinxe os 4’24 m e os 13’30 m de perímetro. O pombal ocupa uns 14 m2 de superficie.
O pombal, de piso terreiro, abre o van da porta cara ao poñente, de 120 cm de alto e 74 cm de largo (conserva a porta, de madeira). Dende a soleira da porta ao piso do pombal hai dous banzos de pedra. Antano, o acceso era visíbel dende as ventás da casa reitoral. Na face interior do paramento dispóñense 14 fileiras de celas, habilitando uns 315 aniñadoiros (dimensións dos niñeiros: 20x15 cm aprox.).
Cando a ampliación do camposanto parroquial, houbo intención de facelo desaparecer. Aínda permanece en pé, mais tristemente agochado tras os muros dos panteóns.
Continuará...