O colectivo Capitán Gosende dálle continuidade ao seu inventario de cuadrantes, percorrendo a parroquia de Quireza e catalogando outros nove elementos.
A nosa pescuda e mais as entrevistas cos veciños deron como resultado a catalogación doutros nove cuadrantes, cinco deles desaparecidos do seu postoiro orixinal.
Non achamos reloxo de sol ningún nos lugares do Outeiro, Cuíña e Mamoalba, nin lembranza da súa pasada existencia.
Vilarchán:
–O reloxo de sol da casa do Catedrático.
Na casa do filósofo Carlos Valiñas consignamos o primeiro dos cuadrantes da parroquia. En pedra de gran, trátase dun reloxo de sol vertical ortomeridiano de tipoloxía cuadrangular, cos cantos superiores arredondados. Asenta encol do penal dunha das paredes da vivenda. O gnomon oriéntase cara ao sueste. O cuadrante coróase cunha cuncha cóncava de vieira, tamén de pedra.
Fondós:
–Un reloxo de sol na casa de Nicolasa.
–Un reloxo de sol na casa de Pichel.
Os veciños déronnos razón da pretérita existencia dun cuadrante, embutido na cachotaría da casa de Nicolasa. A vivenda está en completo estado de ruína. Xa deshabitada e moi deteriorada, a casa veuse abaixo hai uns anos por efecto dunha forte tronada. Descoñécese se o reloxo fora previamente retirado ou se está sepultado baixo a morea de entullo. Lémbrase que o cuadrante, de pedra de gran, era de tipoloxía cuadrangular e estaba orientado cara ao sur.
Os veciños tamén nos informaron de que nunha peaña da parede sur da casa de Pichel reinou xacando outro reloxo de sol. Consonte a descrición facilitada, o cuadrante era de tipoloxía cuadrangular, arredondado na parte superior.
No Meixoeiro chamounos a atención o tornaventos dunha cheminea, cuxo temón era a efixie do toureiro Manolete (nariz, monteira e coleta). Hai anos, nunha das chemineas da casa do Gheiteiro de Abelaíndo tamén viraba o afamado matador escornado por Islero (1947). En fronte da casa de Nicolasa, outra vivenda favorece o tiro da cheminea cun tornaventos narizán toucado cun bonete.
Os Castros:
–O reloxo de sol da igrexa parroquial.
–O reloxo de sol dunha casa do rueiro dos Castros.
O reloxo de sol do San Tomé, de tipoloxía cuadrangular, labrouse nun perpiaño da parede sur do templo, dúas fiadas por debaixo da cornixa. Gnomon triangular. No limbo, as horas indícanse en numeración romana.
Non se recadou testemuño que o corroborase, mais, na parede sur da casa reitoral, sobresae unha peaña orfa que ben puido soster un reloxo de sol.
No rueiro dos Castros, na parede sur dunha casa situada perto da ruela dedicada ao crego Erundino Gago Blas, documentamos outro reloxo de sol. Nun dos cantos da vivenda, sobresae unha peaña que soporta un cuadrante de pedra de gran. Reloxo de sol cuadrangular (reverso sen desbastar), reorientado cara ao sur. A numeración, en arábigos, móstrase case imperceptíbel.
Tresaldeas:
É probábel que nunha casa do lugar dos Sieiros houbese en tempos un reloxo de sol; hoxe, en paradoiro descoñecido. Constatamos que na parede sur dunha das vivendas sobresae unha peaña baleira.
Piñeiro:
–O reloxo de sol dunha casa da aldea de Piñeiro.
O cuadrante, de tipoloxía cuadrangular, embútese nun dos cantos da construción, corrixindo a súa orientación (sur). Na face anterior da pedra tallouse a tres niveis. O nivel superior ocúpao un limbo circular. A numeración das horas, case imperceptíbel, escribiuse en romanos. No nivel intermedio, por debaixo do limbo, riscouse unha cartela coa data de construción: “1762” ou “1767”. No nivel inferior, flanqueando a cartela, tallouse cadansúa flor de lis.
Laxoso:
–Un reloxo de sol nunha casa da aldea de Laxoso.
Déronnos noticia del Áurea e Maruxa, netas do seu construtor: o mestre canteiro Xosé Mariño Ferrón (no libro de Rodríguez Fraiz consígnase erroneamente cos apelidos Mariño Corval). O cuadrante era de tipoloxía cuadrangular, coa parte superior ondulada. Nunca chegou a pórse por alto. Arrombado na eira, foi empregado como lastro ou peso en diversas tarefas agrícolas, até a súa detrución ou desaparición.
Tras o escrutinio da parroquia de Quireza, engadimos 9 reloxos de sol á nosa listaxe. Daquela, nos casaríos das parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro e Quireza documentamos un total de 31 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 13.
Continuará...