Esculcamos as aldeas da parroquia de Figueiroa, e sumamos a lembranza de dous reloxos de sol ao noso catálogo.
Calros Solla
A conversa cos veciños deu como resultado a catalogación doutros dous cuadrantes: un en Deán e outro en Vilar; ambos os dous, desaparecidos do seu postoiro orixinal.
Nos lugares de San Martiño, Figueiroa e Loureiro, os veciños entrevistados non tiñan constancia da existencia presente ou pasada deste mobiliario.
Deán:
–O reloxo de sol da casa de Palmira.
Unha informante entrada en anos, espremendo a memoria, lembrouse dun cuadrante que, ao parecer, pousaba nos penais da parede sur da devandita vivenda. A construción intégrase no quinteiro sito á esquerda da estrada xeral, sentido Castro do Cabo. O reloxo de sol desapareceu do seu postoiro hai tempo. Mentres percorriamos o rueiro, moi arruinado, decatámonos dunha peaña (so pestanil), baleira. Peaña e pestanil sobresaen da parede sur dunha daquelas construcións.
O reloxo de sol de Deán era unha peza circular de pedra de gran con baseamento. Gnomon triangular. Acadaba os corenta centímetros de diámetro.
Vilar:
–O reloxo de sol da casa dos Iglesias.
Os veciños recuperaron do esquecemento un cuadrante que, xacando, reinaba enriba do lintel do portal da dita casa. A construción localízase á beira da estrada que, polo sur, circunda a aldea, a poucos metros do esmoleiro da Virxe das Dores.
O reloxo de sol botou moito tempo no chan, arrecunchado; até que, probabelmente, foi obxecto de roubo. Tratábase dunha peza cuadrangular de pedra de gran, arredondada na parte superior. Acadaba os 50 centímetros de alto. O nimbo, circular, sobresaía do frontal. Unha variña metálica facía de gnomon. Labrouno o canteiro Manuel Iglesias Valiñas, que engadiu as súas iniciais nun dos laterais (MI(V?)). Manuel Iglesias mudouse a Miraflores (concello de Muros), e alí deixou obra feita.
Tras o escrutinio da parroquia de Figueiroa, engadimos 2 reloxos de sol á nosa listaxe. Polo tanto, nos casaríos das parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro, Quireza e Figueiroa documentamos un total de 33 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 13.
Continuará...