Alicia Garrido
Todos foran acusados de rebelión militar pola súa actuación na defensa da República entre os días 18 e 22 de xullo de 1936 en San Clodio de Ribas de Sil (Lugo). Nemesio Prieto Ferreiro era un xornaleiro de 35 anos. Casado e pai de catro fillos, vivía en Castro de Abaixo (Ribas de Sil). Manuel Álvarez Martínez, de 50 anos, tamén xornaleiro, estaba casado e tiña un fillo. Enrique Martínez Franco tiña 37 anos, casado e pai dun fillo, gañaba o pan traballando no campo. Manuel e Enrique naceran en Nocedo (Quiroga). Bienvenido Bao Fernández era un labrego de 26 anos, aveciñado en Paradaseca (Quiroga). Casara e tiña dous fillos. Albino Núñez Rodríguez era un labrego de 31 anos, natural de Carballo de Lor (Quiroga). Estaba casado e era pai dun fillo. Manuel Díaz López Mataovellas, tiña 25 anos. Dedicado á labranza, estaba casado e era pai dunha nena. Bautista Martínez Fernández, de 26 anos, era un labrego que vivía en Paradaseca (Quiroga). Toribio Rodríguez Torres, labrego de 28 anos, estaba aveciñado en Castro de Abaixo (Ribas de Sil). Rogelio Padín París, xornaleiro de 19 anos, nacera en Bos Aires e vivía en Ferrol. Dionisio García Fraga, de profesión panadeiro, tiña 21 anos e era natural de Poio (Pontevedra). Por último, o labrego José Darriba Puente de 19 anos era natural de San Clodio de Ribas de Sil e estaba solteiro como Bautista, Toribio, Rogelio e Dionisio. Permítanme determe na vida de José.
José María Darriba Puente nacera en San Clodio o 13 de xullo de 1917. Fillo natural de Alicia Puente Fernández, a Licha, foi bautizado en setembro de 1917, de pai e avós paternos “incógnitos”. Pero o seu proxenitor tiña nome e apelidos: José Darriba Suárez era natural da Frieira (A Pobra de Brollón) e atopábase en 1917 realizando o servizo militar en Madrid. Trasladado a Monforte en 1919, Darriba Suárez retomará a súa relación con Alicia e terminará casando con ela e recoñecendo o pequeno José como fillo de ambos en 1920. Estableceron o seu fogar en San Clodio ata que en 1922 Darriba Suárez, condutor na Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España, é destinado a León.
O pequeno José recibirá unha educación relixiosa nun colexio de recente creación: Os Maristas. Na rúa Barahona, José aprenderá a ler e a escribir, desenvolverá o seu amor pola literatura e o teatro e destacará pola súa ansia de coñecemento que lle reportará o alcume de “Afonso X o Sabio”. Polas tardes, axuda a súa nai e traballa de recadeiro para unha tenda do barrio gañando uns reais, necesarios para unha familia que vai crecendo. O seu pai tamén vai ascendendo na xerarquía militar e chega a sarxento. A vida sorríalle á familia Darriba Puente, ata a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931. José Darriba Suárez, militar de ideoloxía monárquica e tradicionalista, non pode ser máis contrario á instauración do novo réxime. Cando no seu desexo de transformar o estamento castrense, o Goberno Provisional aproba uns decretos entre abril e setembro (refundidos posteriormente na “Lei Azaña”) encamiñados a tal fin, Darriba Suárez solicita o seu pase á “situación de retirado”. Concedido o retiro en decembro de 1931 cunha asignación mensual de 232 pesetas, a familia volve a San Clodio.
José Darriba Puente ten 14 anos. Remata os seus estudos, probablemente nos Escolapios de Monforte. Co paso do tempo e despois de varios traballos esporádicos, comeza a traballar como caldeireiro na fábrica de Pío López Ojea, industrial da localidade. A súa formación e as súas inquedanzas fan que participe de forma activa na vida cultural da localidade sendo membro do grupo de teatro da Sociedad Cultural y Recreativa Artesana de San Clodio. Esta sociedade, de carácter progresista, tiña como obxectivos principais promover actividades culturais e formar a clase traballadora: clases nocturnas, conferencias, creación dunha biblioteca. Así, en abril de 1936, nos salóns da sociedade, estréase a obra Mi vida es mía (do dramaturgo Augusto Pérez Olmedilla) cun gran éxito de público e crítica. O xornal El Pueblo Gallego (22-5-1936) dedícalle espazo ao acontecemento: Satisfechos pueden estar los directivos de la popular y progresiva Sociedad Cultural y Recreativa Artesana por el éxito obtenido por su cuadro artístico […] El joven Darriba, el número uno entre todos, interpretó y supo sentir su papel de Andrés Manso.
No eido político, José Darriba Puente non herdara a ideoloxía do seu pai. A súa conciencia de clase lévao a afiliarse á UXT e á Agrupación Socialista Agraria de San Clodio, constituída en abril de 1931 (denominada Agrupación Socialista Obrera de Oficios Varios “Fraternidad y Trabajo” a partir de marzo de 1933) e presidida por Marcelino Fernández Prada, quen se converterá no primeiro alcalde socialista de San Clodio en maio de 1931. A nova política practicada polo rexedor significou un sopro de aire fresco que terminaba con décadas de caciquismo e corrupción. O alcalde erixirase ademais nun modelo para as novas xeracións, demostrándolles que unha política social en beneficio do pobo e non dun mesmo era posible. Sen dúbida, a chegada de Marcelino, a súa influencia, afastou aínda máis os dous Darriba. A persoa na que se está convertendo o mozo Darriba: socialista, sindicalista, defensor da República e cativado polo mundo da farándula, contraviña os desexos do seu pai. O seu futuro prometedor veríase truncado o 18 de xullo de 1936. Definitivamente, os camiños de pai e fillo separaríanse neste punto para sempre: mentres o sarxento retirado se presentaba o 20 de xullo na Comandancia Militar de Monforte para reincorporarse de forma inmediata ao servizo da sublevación, o mozo Darriba aliñábase co seu alcalde para defender a legalidade democrática.
San Clodio de Ribas de Sil, onde obreiros e labregos deran mostras de firmeza e compromiso durante a Revolución de Outubro de 1934, foi un dos lugares que opuxeron maior resistencia ante os golpistas. Converteuse tamén no punto de encontro de xente procedente de poboacións limítrofes e mineiros de Ponferrada e Fabero, algún feridos, que fuxían da barbarie. O alcalde axiña organizou a defensa da legalidade republicana recrutando máis homes, requisando armas e distribuíndo cuadrillas polas principais entradas do pobo. Resisten durante catro días, ata que o 22 de xullo forzas falanxistas, Garda Civil e Carabineiros de Quiroga e mais efectivos da Garda Civil de Lugo, todos baixo o mando do capitán López de Haro y Rey, entran no pobo dobregando a resistencia coa súa superioridade de armamento. Aqueles que non caen na loita vense obrigados a fuxir ao monte; outros escapan nunha das máquinas do tren. Os menos “afortunados” son detidos e levados ao depósito municipal de Quiroga para seren posteriormente trasladados aos cárceres de Monforte ou Lugo. Algúns non chegan nunca a tal destino e son “paseados” durante os días sucesivos. José Darriba Puente non foxe, non se agocha; queda na casa. E así pasan días, semanas, meses... Ata que un día de novembro, a Garda Civil o está esperando na estación de San Clodio. José Darriba volvía da panadería de Monforte onde traballaba pois, na fábrica de Pío López Ojea xa non o precisaban.
José Ferreiro Rodríguez, sarxento da Garda Civil do posto de Quiroga, abrira en setembro un atestado-dilixencias por unhas denuncias dalgúns veciños nas que se reclamaban uns pagos pendentes. Un dos nomes que se citan é o de José Darriba Puente, o fillo da Licha. Seis son os dedos acusadores que sinalan a Darriba, catro os delitos que se lle imputan: portador de armas, encargado de fornecer de municións aos seus compañeiros na ponte de ferro, cortar os fíos do teléfono público de San Clodio e, motivo da denuncia, presentarse na farmacia por orde do alcalde cuns vales para comprar produtos susceptibles de converterse en explosivos. Na declaración, José admite os feitos pero afirma que o fixo obrigado. O sarxento José Ferreiro ten claro que Darriba Puente formou parte do grupo dos cooperantes coa República por sentir a rebelión e ordena o seu encarcelamento.
José Darriba Puente ingresa no cárcere de Monforte o 22 de novembro de 1936 procesado na causa 1.312. Declara ante o xuíz instrutor, o comandante de Infantería retirado Ramón Pozo, o 3 de decembro de 1936. Esta vez, nega o afirmado perante o sarxento Ferreiro, xa que, na súa opinión, fora coaccionado por el temor que le inspiraba la Guardia Civil instructora. Pouco vai permanecer na Pinguela –como era coñecido o cárcere de Monforte–, sendo reclamado polo xuíz Mariano Pérez Hickman e Hickman, a quen se lle viña de encomendar a instrución do sumario 636/36, ao que se lle engade, entre outras, a causa 1.312.
O 21 de xaneiro de 1937, José Darriba Puente e outros vinte e un presos chegan ao Cárcere Provincial de Lugo. Posiblemente asignáronselles as chamadas “celas de concentración”, cun gran número de reclusos compartindo un espazo mínimo. Ao día seguinte, diante de Pérez Hickman, Darriba Puente ratifica o declarado perante o xuíz de Monforte e solicita que se lle tome declaración a unha serie de testemuñas para confirmar a súa verdade.
A moderna prisión de Lugo, na que a vixilancia se exercía dende un punto central (deseño “panóptico”), quedara pequena, pois, con capacidade para cento oitenta reclusos, xa aloxaba perto dun milleiro. Darriba, nunha das cartas que lle envía a súa irmá, describe a cela que comparte con outros 46 homes e, con retranca, engade que non necesita roupa de abrigo. Fai broma sobre o seu peso e envía saúdos para todos os que preguntan por el.
Os once que compartirán destino xa dormen baixo o mesmo teito. Soportan como poden as duras condicións do penal e a incerteza sobre o seu futuro. Mentres tanto, o proceso segue o seu curso e o xuíz solicita documentos, toma declaracións e apura dilixencias. En marzo, Hickman conclúe o sumario e envíallo ao auditor de Guerra, Eugenio Pereiro Courtier, quen considera que hai probas suficientes para xulgar a Darriba en consello de guerra. A causa 636/36 suma un total de trinta e tres procesados. O 23 de marzo de 1937, os trinta e tres elixen avogado defensor: o alférez de complemento José Iglesias Presa.
O 11 de abril, os acusados escoitan formalmente os cargos que se lles imputan e solicitan a comparecencia de testemuñas que apontoen a súa defensa. Darriba requirirá a presenza das tres persoas máis influentes do pobo, segundo a nova orde establecida: Armando López Vila, xefe da Falanxe local e fillo do empresario Pío López Ojea; Leopoldo Rodríguez y Rodríguez, administrador da casa Batanero, e o cura párroco José Gómez. López Vila non falará en favor de Darriba; as outras dúas testemuñas, non comparecerán.
O 12 de abril ten lugar o consello de guerra no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, actuando como fiscal José López Ardá. López Ardá, que será alcalde da Coruña en tres ocasións, defendía a aplicación sistemática da pena de morte, como explica o historiador Luís Lamela (A Coruña 1936. Memoria convulsa de una represión. Ed. do Castro, 2002). Dos trinta e tres acusados, Ardá solicita a pena de morte para dez deles. No xuízo farsa, pouco ou nada pode facer o avogado defensor Iglesias Presa. Un dos procesados, Nemesio Prieto, fai uso da palabra e reclama xustiza. O ditame do Consello non se fai esperar e dase a coñecer a sentenza. Só un procesado, Francisco Baliña, obtén a absolución; dezanove son condenados a reclusión con penas que oscilan entre a cadea perpetua e os doce anos e un día; para outros doce, aplícase a pena máxima. Un deles, Rafael Quiroga Daviña, consegue fuxir. Manuel López Díaz Mataovellas, para quen o fiscal non solicitara de primeiras a pena de morte, inclúese finalmente neste grupo pola súa participación na Revolución de Outubro de 1934. Por último, un dos inicialmente procesados, Donato Pol Bao, non cumprirá sentenza xa que morre o 7 de abril de 1937. A causa oficial da morte foi tuberculose.
Só quedan uns trámites por cumprir para darlle un verniz de legalidade a esta pantomima: a conformidade de Eugenio Pereiro Courtier, o auditor de guerra, e o visto e prace do xeneral xefe do VIII Corpo do Exército Antonio Aranda. O 10 de maio todo se precipita a golpe de providencias e dilixencias.
Pasadas as doce da noite do 11 de maio de 1937, os once presos son levados perante o xuíz Salgado que lles notifica a súa sentenza á morte e a hora da súa execución. Xa nada os sorprende. Pídeselles que asinen esta última dilixencia. Só Padín o fai. Os once quedan “en capilla”. Non volven ás súas celas e comparten as últimas horas no pavillón dos condenados. José Darriba Puente sabe que chegou ao final do camiño. Ten a conciencia tranquila. Dezanove anos dunha vida plena nos que ofreceu o mellor de si mesmo.
Minutos antes das seis da mañá véñenos buscar. Son levados fronte ás tapias do cuartel da Garda Civil. En apenas uns segundos todo termina para Darriba e os seus compañeiros. Os ecos dos disparos resoan en todo o cárcere. Ao día seguinte, os once son enterrados no cemiterio de Magoi. Fila primeira, tumba dezaseis para José Darriba Puente. Un camposanto demasiado afastado para que unha nai poida levarlle flores ao seu fillo.
A vida da familia Darriba Puente mudou para sempre. Este asasinato supuxo o primeiro dos golpes que tiveron que encaixar: convivir cos acusadores de Darriba, unha criatura morta con apenas un mes, unha nena falecida por broncopneumonía á idade de dous anos, o traslado a outra cidade que foi baleirando a casa familiar, o nacemento dun fillo cunha minusvalía, o suicidio do militar Darriba Suárez que deixaba soa a unha nai con sete fillos…
E o silencio. Unha omertá de máis de oitenta anos.
De José Darriba Puente só se conservan os fragmentos de dúas cartas, unha fotografía e a súa sinatura en diferentes documentos do sumario. Atopar o seu retrato entre os papeis dun vello baúl foi toda unha revelación. Cando lle preguntei a miña avoa quen era aquel rapaz e, con bágoas nos ollos, contestou que era o irmán que lle mataran na guerra, souben que era unha obriga contar a súa historia. A súa faciana de neno, o seu sorriso inocente, a súa mirada curiosa acompañoume todos estes anos, obrigoume a abrir e remexer nos armarios pechados do meu pasado familiar, guioume cando atopaba atrancos e levoume a coñecer outras almas inquedas, desexosas de evitar o peor dos agravios posibles: o esquecemento sen reparación. En homenaxe reconciliador, todas e cada unha das historias destes homes merecen ser contadas en voz alta, recollidas en artigos e libros, divulgadas en calquera dos soportes posibles, porque se esquecemos a nosa historia, estaremos condenados a repetila (G. Santayana).
Valla este artigo como anticipo do libro José Darriba Puente “o fillo da Licha”. Memoria dun fusilado (1917-1937) a cuxa elaboración dediquei estes últimos anos e que hai uns días dei ao prelo. Con esta investigación, non só reivindico o nome do meu tío avó e o dos dez que morreron con el, senón os de todos aqueles que, por defenderen a liberdade e a democracia, foron agasallados cun inxusto, cruel e infame final. Non existe unha rúa en San Clodio que lembre os veciños que foron vítimas da atrocidade franquista, nin monumento que homenaxee o seu sacrificio. Reclamo ás autoridades competentes a reparación desta anomalía.
Reclamo a recuperación da Memoria Histórica en San Clodio.
* Alicia Garrido
Profesora e membro do colectivo Capitán Gosende
- Causa nº 1.312, Archivo Intermedio Militar Noroeste.
- Causa nº 636/36, Archivo Intermedio Militar Noroeste.
- Sumario nº 15/943, Archivo General e Histórico de Defensa.
- Cao Rodríguez, Manuel: Breve(s) historia(s) do Concello do Ribas do Sil, Concello de Ribas de Sil, 2002.
- Fiaño, Cristina: “O vello cárcere de Lugo 1936-1946”, Unión Libre, Cadernos de vida e culturas nº 20, 2015.
- Lamela García, Luís: A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión, Ediciós do Castro, Sada, 2002.
- Redondo Abal, Francisco Xavier: Memoria(s) de Marcelino Fernández Prada. Un alcalde socialista y revolucionario, A Nosa Terra, Vigo, 2007.
- Sanz García, Gregorio: Uno de Tantos. Cinco años a la sombra, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1986.
- Souto Blanco, María Jesús: La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940), Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 2008.
- Web “A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940)”.
- Web “Nomes e Voces”.
- El Pueblo Gallego, Vigo.