Calros Solla
Manuel Garrido, alcumado de primeiras o Neghro, era canteiro e militante do PSOE. Dobregada a resistencia republicana en Cerdedo, Manuel Garrido fuxiu ao monte, procurando agocho na Pena da Moura (monte de Quireza) e nunha cova das Candas (Figueiroa-Castro). Esperanza Barros calou o paradoiro do seu home, malia recibir frecuentes ameazas e malleiras dos falanxistas locais. Semanas despois, Manuel Garrido foi detido pola Guardia Civil e recluído canda outros compañeiros no calabozo do cuartel de Cerdedo.
A noite do martes 11 de agosto de 1936, unha partida de falanxistas de Cerdedo e Soutelo irromperon no cuartel e alxemaron a Manuel Garrido (PSOE), a Xosé Cortizo González (veciño de Barro de Arén, militante do PSOE) e a Xosé Torres Paz (veciño de Cerdedo, concelleiro e presidente local do PSOE), obrigándoos a subir a unha camioneta na que os trasladaron a Pontevedra. En Soutelo (Forcarei), os falanxistas xa prenderan a Xosé Mª Taberneiro Fraiz, coñecido polo Rolo de Vilapouca (2º tenente de alcalde do concello forcareiés, PSOE), e a Xesús González González Pernas.
Na parroquia pontevedresa de Alba, os facciosos procuraron un apartadoiro da estrada Pontevedra-Santiago e, alí, goríndose na escuridade, tirotearon vilmente os cinco militantes republicanos. A causa das terríbeis feridas, faleceron Xosé Torres Paz (os criminais aínda despoxarían o cadáver do seu reloxo), Xosé Cortizo González, Xosé Mª Taberneiro Fraiz e Xesús González González. Os asasinos deron por morto a Manuel Garrido que, recibindo no peito un balazo non mortal, contivo a respiración para simular o seu falecemento. Cando entre gargalladas os pistoleiros abandonaron a escena do crime, Garrido, sobrepóndose á dor e á carraxe, afastouse do lugar.
Como puido, deu chegado a Quireza (a máis de 30 km de distancia), salvando a vida de xeito prodixioso. Sandou das feridas grazas aos coidados da súa muller Esperanza Barros, manténdose agochado durante meses nun rocho da súa vivenda. Advertidos os falanxistas da desaparición dun dos corpos, roldaron a casa de Manuel Garrido, sospeitando que saíra airoso. Esperanza debeu aturar, de novo, a coacción e o maltrato da ralea fascista. Delatado, finalmente, por unha veciña, Manuel Garrido padeceu presidio. Foi excarcerado a piques de rematar a Guerra Civil.
Manuel Garrido non se desfixo da chaqueta que vestía a fatídica noite do 11 de agosto, ben ao contrario, transformou o buraco da bala nun ollal para lucilo, discretamente, coma se fose unha condecoración. Cando o réxime franquista minorou as hostilidades, Manuel abandonou o seu retiro, puxo a chaqueta furada e presentouse de novo en sociedade, fitando con oufanía para quen atentara contra a súa vida. En opinión dos seus veciños, Manuel Garrido o Neghro fixera méritos abondos para gañar o seu segundo alcume: o Resucitado. Mentres Manuel permaneceu oculto e convalecente (ao parecer, no boquelo do forno), un parente fíxose pasar por enfermo encamado, para que a adquisición das necesarias menciñas na botica non resultase sospeitosa. Naquel tempo, as paredes aguzaran o oído.
O colectivo Capitán Gosende convídaos ao acto inaugural da sexta lauda, que terá lugar no memorial do Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide-Cerdedo) o vindeiro sábado 18 de xullo ás 12 horas.
A lauda en memoria de Esperanza Barros García e Manuel Garrido o Resucitado fai a número seis das dispostas neste noso Lugar da Memoria. Antecedérona as laudas dedicadas aos tamén cerdedeses Xosé Otero Espasandín (mestre e poeta; exiliado sen retorno), Antonio Sueiro Cadavide (canteiro, gaiteiro; alcalde republicano de Cerdedo; esquecido), Francisco Varela Garrido (xornalista, secretario municipal; fusilado), Xosé Torres Paz (carpinteiro, concelleiro; asasinado) e Martiño Ferreiro Álvarez (construtor, tenente de alcalde da Coruña; asasinado en Mauthausen-Gusen). A lauda de Esperanza e Manuel precederá á lauda en lembranza de Xosefa Rivas Touriño (matriarca dos Ventín), de Erundino Ventín Rivas, Manuel Ventín Rivas e Olegario Ventín Rivas (os seus fillos) e mais de Perfecto Ventín Barreiro e Ramiro Lois Ventín (os seus parentes), obreiros fusilados en Zamora en decembro de 1936.
En Cerdedo, a autoridade nin cumpre nin fai cumprir a Lei de Memoria Histórica.
Non esquecemos!!!