O colectivo Capitán Gosende inaugurará o domingo 24 de setembro a décimo primeira lauda do Campo das Laudas, na memoria do tenente de alcalde republicano de Cerdedo
Calros Solla
Nado no lugar de Fondós (Quireza) o 20 de febreiro de 1892, Luciano García Ventín compaxinou a súa profesión de carpinteiro-ebanista (na que deu sobradas mostras da súa mestría) coa de dirixente das colectividades agrarias. O seu obradoiro da Arrotea, no que moitos mozos adeprenderon o oficio, permaneceu en activo trinta anos, dende 1922 até 1952. Foi membro fundador da Sociedade de Agricultores e Obreiros “La Alianza” de Quireza. Durante a loita agraria, ocuparía diversos cargos directivos na Federación de Agricultores, Canteiros e Oficios Varios de Cerdedo.
En xuño de 1931, tras a exitosa proclamación dos concelleiros do Partido Republicano Radical Socialista nas eleccións municipais (repetición dos comicios de abril), Luciano García Ventín é nomeado 1º tenente de alcalde da Corporación cerdedesa, presidida por Antonio Sueiro Cadavide. En outubro de 1933, os militantes do PRRS de Cerdedo incorpóranse ao Partido Republicano Radical Socialista Independente. En agosto de 1934, o PRRSI de Cerdedo pasa a integrar Izquierda Republicana. Despois da folga de outubro de 1934, que decimou a esquerda cerdedesa, a formación local de IR celebrou unha asemblea na que Luciano García Ventín foi elixido 1º vogal da agrupación (17-2-1935). Cara a 1936, adscribirase ao PSOE.
Loando a súa valía humana e profesional, o crego Antonio Rodríguez Fraiz dedícalle unha entrada no seu libro Canteiros e artistas de Terra de Montes (1982). Nas páxinas 201-2, lemos: “Autodidacta, chegou a adequerir unha outa cultura, sobor de todo no orde político-social. Home bo e fondamente liberal, dende o 1922 formou parte como concellal repubricán do concello de Cerdedo e, como fundador, membro e presidente das sociedades ‘La Alianza de Quireza’, socialista moderada, e da de ‘Agricultores e Obreiros de Deán’ na que todas as sociedades de Cerdedo se achaban federadas. O 18 de xullo do 1936 achábase de alcalde accidental, debido a este feito e pola súa ideoloxía xusticeira [garante de xustiza] e liberadora dos obreiros e campesiños, sofreu moitas persecucións e aldraxes dos elementos que se chamaban patriotas e vencedores da témera Loita Civil.
Dende rapaz exerceu a arte da carpintaría e ebanistería, logo emigrou o Brasil, onde traballou nas millores obras que naquel intre se facían no Rio Xaneiro –os ministerios”.
O 20 de marzo de 1976, dende Madrid, o meu primo segundo Remixio Solla Fernández (nado en Fondós), oficial do Ministerio de Traballo, remítelle unha carta a Rodríguez Fraiz na que, enxalzando a figura de Ventín, rógalle que inclúa a súa biografía no libro que estaba preparando. O cura de Campañó transcribe un fragmento da misiva: “De volta do Brasil, Luciano García Ventín montou un taller de carpinteiro en Fondós que sirveu dende 1922 ao 1952 como escola de moitos rapaces, hoxe bos carpinteiros polo mundo. Foi este un home que (deixando a parte os seus critereos politicos que non foron tan malos como algúns pretenden que foron) marcou era na comarca como un dos bos mestres carpinteiros e artesáns e tamén polas súas agudezas e rarezas feitas...”.
Luciano García Ventín era coñecido pola súa prodixiosa inventiva, sendo artífice dun innúmero de enxeños que, de feliz aplicación práctica, fixeron máis doada a vida dos seus veciños: “Foi o primeiro en ter coche en toda a parroquia. Mercoullo en Madrid a un ministro, sobre o ano 1928. Tratábase dun Panhard Levassor, matrícula 76 de Madrid [ano 1907], con dous depósitos, un de 5 litros e outro de 50. Era de cadeas, acendía cunha manivela, tiña a carrozaría de madeira, tipo camioneta, cunhas ventás sen cristais, tapadas con lonas. As luces eran de carburo e as rodas de radios de madeira.
A chegada foi un acontecemento na parroquia. A xente botábase aos camiños para ver como se movía, parecía a locomotora dun tren de vapor pola lentitude, polo fume e polo ruído que facía. Chegou á feira da Arrotea subindo polo Meixoeiro arriba, coa axuda de homes e mulleres. Cando quedou inservible, o motor aproveitouse para facer unha serra, e máis tarde para unha malladoira, a primeira que houbo na parroquia.” (Baliñas, C. (coord.): O val de Quireza, 2015).
Na Península, o 18 de xullo de 1936, o exército da dereita fascista levántase en armas contra o Goberno da República, quebrantando a vontade maioritaría do pobo.
As novas da sublevación fascista galgan o monte do Seixo a través das ondas hertzianas. Inxustamente inhabilitado, o alcalde Antonio Sueiro Cadavide sitúase á marxe dos acontecementos.
O domingo día 19, en Fondós, Luciano García Ventín, tenente de alcalde en funcións de alcalde, mantén un encontro co secretario municipal Francisco Varela Garrido. Por residir arredado de Cerdedo, o alcalde accidental encárgalle a Pancho Varela o control da orde pública no municipio.
Ás cinco da tarde do mesmo día, dende o Goberno Civil de Pontevedra envíaselles un telegrama aos distintos concellos da provincia, ordenando a recolla de armas e municións e a adopción das medidas oportunas en prol do mantemento da orde constitucional. Sospéitase que o comunicado non chegou a Cerdedo (non había telégrafo), pois, ao día seguinte, día 20 luns, de mañá, o secretario Pancho Varela desprázase á capital para obter información de primeira man: “Ás once e media da mañá declárase a folga xeral e comezan a chegar á capital xentes das aldeas e concellos veciños con escopetas e armamamento de pouca calidade; moitos levan panos vermellos e gritan ‘U.H.P.’” (Álvarez, X.: Pontevedra nos anos do medo, 2013).
Francisco Varela Garrido entrevístase no palacio da Deputación (Goberno Civil) co gobernador Gonzalo Acosta (ou con Alexandre Bóveda) e, de resultas, é nomeado delegado gobernativo en Cerdedo. Pancho Varela torna lixeiro á aldea e, contra as tres da tarde, coa colaboración do mestre Francisco Varela Buela, organiza a resistencia. Mais será en balde.
O golpe de Estado fracasa, porén, a teimosía dos fascistas conduce España a unha guerra longa, crúa e sanguenta. Membros de Falanxe, dos paramilitares da Guardia Cívica (ao mando de Lis Quibén) e da Garda Civil toman parte nos episodios de represión vividos en Cerdedo. A dereita magnificou a oposición dos republicanos cerdedeses que, sexa como for, amparábase na lexitimidade.
O alcalde accidental Luciano García Ventín (PSOE), malia non se involucrar directamente nas accións do 20 de xullo do 36 (publicación e pregoa do bando; requisa de armas, radios e vehículos), acudiu ao Concello, secundando un comité de emerxencia, formado, entre outros, por Francisco Varela Garrido (IR), Francisco Varela Buela (PSOE), Xosé Torres Paz (PSOE), Ánxel Bugallo Camiña (IR), Teófilo Otero Valiñas, Sabino Bugallo Valiñas (IR), Secundino Bugallo Iglesias (IR), Casimiro Cortizo (IR) e Manuel Gamallo Bugallo (IR).
Polo cariz que tomaron os acontecementos, o alcalde Ventín viuse na obriga de fuxir. Perseguido sen acougo polos falanxistas, sobreviviu agochado nas coveiras do monte. A semellanza do seu correlixionario Martiño Ferreiro e outros sinalados veciños de Quireza, o derradeiro alcalde republicano de Cerdedo escolleu o abrigadoiro da Pena da Moura para se gorecer.
Finalmente, Ventín foi detido pola Garda Civil de Cerdedo o 4 de febreiro de 1937 e trasladado á prisión de Pontevedra o 12. Luciano García Ventín negará que estivese presente na casa do concello o día 20, e si o 21. Foi xulgado en consello de guerra e condenado á cadea onde pasou varios meses (padecerá reclusión na illa de San Simón, sendo vítima de extorsión). Luciano era tío de Ramiro Lois Ventín, “paseado” en Zamora en novembro de 1936 (léase: “Os sucesos de Nueva Puebla: A matanza dos cinco Ventín, Faro de Vigo (6 e 8-12-2020)).
Francisco Varela Garrido e Francisco Varela Buela, líderes da resistencia, son detidos, procesados, xulgados e condenados (1937). Pancho, a pena de morte; don Paco, á perpetua. O tribunal que os sentenciou só tivo en conta o testemuño tendencioso dos representantes da dereita cerdedesa (“gente de orden”).
En marzo de 1943, a Garda Civil rexistra a casa de García Ventín en Fondós: “La Benemérita ... encontró dos pistolas, una inútil, para cuyo uso carecía de licencia y guía. También se le hallaron libros de actas de la Sociedad ‘La Alianza de Cerdedo’” (El Pueblo Gallego, 27-3-1943). O rexistro conclúe, de novo, coa súa detención.
Tras o golpe de Estado do ano 36, Ventín foi incluído na lista negra dos fascistas; perseguido; detido; incriminado polos seus adversarios políticos; xulgado en consello de guerra; condenado a prisión nun xuízo fraudulento; obxecto de extorsión e vexames; padeceu liberdade vixiada e, así mesmo, foi vítima de acoso e infamias.
Luciano García Ventín faleceu en Quireza no ano 1964.
Non esquecemos.