A manifestación, organizada dende a Coordinadora Eólica Así Non, dará comezo ás 11,00 h. na Praza do Concello e está convocada por diversos colectivos de Tabeirós, Terra de Montes, Cotobade, Campo Lameiro e da Serra do Suído (Asociación Alarma na Terra de Montes, Plataforma AsíEólicosNon de Cerdedo-Cotobade, Colectivo do Vento de Campo Lameiro, Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo ,Sindicato Labrego Galego de A Estrada, Asociación Cultural Vagalumes, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, SOS Suído Seixo, Plataforma de Defensa do Sur da Dorsal Galega, Ecoloxistas en Acción Galiza-Centro, Terra de Montes en Perigo, ADEGA, Afectados P.E. Monte Festeiros).
Esta data foi elixida con motivo do Día Mundial das Montañas, ecosistema e medio de vida especialmente ameazado pola vaga eólica.
En Forcarei está chamada a participar toda a veciñanza de Tabeirós, Terra de Montes, Cotobade, Campo Lameiro e a Serra do Suído, cuxos concellos están a sufrir especialmente a vaga de proxectos eólicos con preto de medio cento de proxectos de parques e liñas de alta tensión en diferentes estados de tramitación como P.E.Monte Festeiros, P.E. As Penizas, P.E. Campo das Rosas, P.E. Dos Cotos, P.E. Paraño Oeste, Conexión Beariz 400 Kv ou a LAT Pico Touriñán-Tibo, entre outros moitos.
Os colectivos convocantes tamén chamaron a participar, a través de instancias e convites, a todos os concellos e grupos políticos das corporacións locais, así como ós axentes sociais en xeral que fan parte ou traballan polo porvir dos nosos concellos.
Por todas e todos é coñecido o problema que enfrontamos cunha inxente cantidade de proxectos eólicos e de liñas de alta tensión á porta das nosas vivendas, con probables consecuencias para a saúde e o abastecemento de auga, afeccións ó patrimonio natural e cultural e un impacto paisaxístico severo. Todo o anterior repercutirá na perda de calidade de vida da veciñanza, a devaluación das propiedades e impactos negativos en varios sectores produtivos clave como o forestal, o agrogandeiro e o turístico. En definitiva, conlevará despoboación e empobrecemento dos concellos da comarca.
Ante tal situación, ninguén pode manterse á marxe e todos e todas, especialmente as institucións que nos representan, debemos defender os intereses e o futuro da veciñanza. Así, os colectivos convocantes animámos a participar con nós en Forcarei o día 11 de decembro, ás 11 horas para loitar contra a invasión de macroproxectos eólicos e pola defensa do noso medio natural, do noso patrimonio, da auga, da economía local e, sobre todo, pola defensa da saúde e da vida no rural.