O colectivo Capitán Gosende demanda que unha rúa de Cerdedo leve o nome de Manuel Monteagudo Ruzo. Cronista da freguesía de Castro, correspondente do xornal Diario de Pontevedra, histórico concelleiro socialista. Falecido o 24 de decembro de 2018 aos 102 anos de idade.
Calros Solla
Lérez abaixo, Monteagudo faleceu en Pontevedra o 24 de decembro de 2018, cumpridos con precisión de ourive os 102 anos de existencia. Non nos debe abraiar a cadradela, pois, Manuel de Candelaria (como era coñecido na miña casa) fora nomeado en maio de 1955 “oficial calculista” na sección de Climatoloxía Xeral do Servizo de Meteoroloxía das Forzas Aéreas de Venezuela, país ao que arribara en 1953.
Manuel Monteagudo rillou de rapaz o silabario, o catón e a cartilla na escola do esforzado mestre Constantino Simal Simal, en Quireza. En 1927, proseguíu a súa formación na academia de Fernando García Leiro, o pródigo abade de Cerdedo. Por consello do seu mentor, ingresou no Seminario de Compostela, onde permaneceu até o principiar do ano 1931, pouco antes de proclamarse a República. Segundo lemos na súa autobiografía: Os motivos de deixar os estudos no Seminario foron dous: o primeiro, non ter vocación, facéndome rebelde ante a forma de tratar os seminaristas; o segundo motivo: non era xusto, por sere eu crego, os meus irmáns e a miña nai de escravos toda a vida.1
O 18 de marzo do ano 1936, con vinte anos de idade, ingresou voluntario na Mariña de Guerra da República. Catro meses despois, acontecería o golpe de Estado fascista. A sublevación colleuno no bando rebelde. Monteagudo nunca calou a súa participación na Guerra Civil formando parte do exército franquista: O destino xogou as súas cartas e a min tocoume “pasar fea”.2 Lemos na web “Nomes e Voces” que as autoridades golpistas lle abriron a Monteagudo unha causa por deserción que o obrigaría a permanecer agochado algún tempo. Finalmente, non sería procesado. Manuel Monteagudo era xenro de Rosendo Campos Varela, industrial e membro dunha familia cerdedesa moi influente. Ao longo do ano 36, Monteagudo terá coñecemento da malleira recibida polo mestre Constantino Simal a mans dos falanxistas e do pasamento do crego García Leiro (no mes de decembro), sucesos que serán causa de fondo pesar. Licenciouse do exército o 31 de outubro de 1939.
Sen outras expectativas, en setembro de 1940 ingresa no corpo da Garda Civil, cuxa disciplina e arbitrariedades aturaría seis anos (1940-46). O seu natural equitativo e contestatario colíxese deste treito autobiográfico: Das cousas que pasaron durante a miña estancia no Corpo, moitas delas non eran do meu agrado, pero tiña que roelas ... Non estaba de acordo en moitos casos; por iso un comandante de posto me chamou comunista ... Un dos casos máis tristes da miña estancia na Garda Civil foi o ser arrestado en compañía de catro compañeiros polo delito de sedición. Fomos xulgados ante un Tribunal de Guerra. Fomos absoltos, só con seis meses de arresto ... Ata chegaron a dicir que nos xuntamos cos fuxidos ... O 28 de maio de 1946 pedín a rescisión do compromiso.3
O 9 de abril de 1942 casa con Candelaria Campos Sieiro (tamén falecida), coa que tivo catro fillos. Do 46 ao 51 traballa no serradoiro do seu sogro (a serra de Rosende (sic)), enxeño hidráulico (hoxe, en ruínas) localizado na cerdedesa Veiga dos Muíños. A serra accionábase coa auga da presa de Porriñeiras, canle proveniente do río Lérez.
Monteagudo emigra a Venezuela no ano 1951. Na cidade de Maracay agárdao Amando, o seu irmán pequeno, que o precedera. Dous anos despois, guiado polo benxamín, ingresa no Servizo de Meteoroloxía da Comandancia Xeral de Aviación do Ministerio de Defensa venezolano. Nesta exitosa aventura profesional investirá trece anos da súa vida. No ano 1966, volta a Galiza. Dende Maracay o seu irmán reenvíalle un convite do presidente da República Raúl Leoni. Chocalleiro, o irmán escribe: En Venezuela te invita el presidente, en España ni el alcalde.4
Instalado xa na Galiza, Manuel Monteagudo foi correspondente do xornal Diario de Pontevedra ao longo de vinte anos. O primeiro artigo publicouse no rotativo pontevedrés o 9 de xuño de 1968; o derradeiro leva data de agosto de 1988. Acadou a xubilación o 24 de decembro de 1981, tras desenvolver durante unha década o cargo de administrativo na estación de autobuses de Compostela, cidade á que o matrimonio debeu trasladar a súa residencia. Durante catro anos exerceu o cargo de presidente da Xunta de Goberno do Fogar de Pensionistas de Santiago de Compostela. Rexeitou prorrogar a encomenda para dedicar o lecer do retiro á actividade política (concelleiro do PSOE en Cerdedo), á escritura e á recolla de coplas, refráns, ditos, contos “e outras curiosidades” da súa parroquia natal, Castro. O matrimonio abandonou finalmente Compostela e fixou o seu domicilio en Pontevedra, na rúa Forcarei.
Manuel Monteagudo foi veciño e amigo persoal do poeta, mestre e divulgador científico Xosé Otero Espasandín (nado en Castro do Medio en 1900 e morto no exilio estadounidense en 1987). Xaora, o intercambio de correspondencia co seu paisano axudou a Espasandín a soportar tanto o exilio ideolóxico do franquismo coma o exilio cultural do piñeirismo (así o denunciaría Luís Seoane).5 Monteagudo reivindicou na prensa honrar a figura do intelectual republicano co adaxo do seu pasamento (DP, 14-11-1987). Seguindo este ronsel, en 2016 o colectivo Capitán Gosende perpetuou a lembranza de Otero Espasandín no seu Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide) e segue solicitando que unha rúa de Cerdedo leve o nome deste ilustre desterrado.
Manuel Monteagudo foi o promotor da homenaxe póstuma tributada ao seu mestre, o cura Fernando García Leiro. O acto tivo lugar o 24 de xuño de 1971 en Cerdedo. Dende aquelas, a praza da igrexa de San Xoán leva o nome e adobíase coa efixie do homenaxeado. Para a organización do evento contou coa estreita colaboración doutro dos antigos alumnos do crego, o cura Antonio Rodríguez Fraiz.6
Manuel Monteagudo foi, así mesmo, o impulsor da homenaxe que os antigos alumnos lle renderon ao mestre Constantino Simal Simal o 6 de abril de 1975. Constantino Simal xubilárase en novembro do ano 67. En Castro (onde nacera) e mais en Quireza (onde puxo escola) dedicáronselle en loor senllas placas de mármore. Monteagudo prodigaríase na prensa para propiciar o feliz desenlace das anteditas homenaxes, destilando co exemplo a sabedoría contida na expresión “De ben nacido é ser agradecido”, ou na reflexión kennedyana: “Sempre hai que atopar tempo para mostrarlles gratitude ás persoas que marcaron as nosas vidas”.
No transcurso de vinte anos de correspondencia xornalística, Monteagudo plasmou na prensa (no Diario de Pontevedra) o seu inconformismo, o seu espírito crítico, a súa capacidade de análise, a súa coraxe... O titular “Pensar alto, sentir hondo y hablar claro” (DP, 18-9-1969) é toda unha declaración de intencións. Malia profesar un amor incondicional por Cerdedo, Monteagudo non someteu o brillo da verdade ou a súa liberdade de expresión á canga dos afectos ou do confort. No verán de 1978, baixo o titular “El respeto a la verdad”, escribía: Comprendo que en los pueblos, a veces, la verdad es causa de disgusto en ciertos señores −les llamaría más bien caciques− acostumbrados a la adulación. Sólo se consideran rodeados de virtudes, mientras que esconden los vicios en la oscuridad del silencio o los dejan para los demás. Por eso, dejar de decir la verdad puede ser cobardía o adulación, pero en la conciencia de un informador no pueden caber ni la cobardía ni la adulación, sino reflejar con sinceridad la auténtica verdad.
O 9 de xuño de 1968, na súa estrea como correspondente, Monteagudo remite a Diario de Pontevedra o artigo “Cerdedo: Repoblación de los montes del municipio”, no que avoga pola creación de cooperativas forestais en Cerdedo, facendo fincapé no cultivo de árbores froiteiras. Nas seguintes entregas, denuncia o mal estado dos viais cerdedeses ao tempo que eloxia o emprendemento dos veciños de Abelaíndo por asumiren motu proprio e sen apenas apoio a construción dunha estrada; salienta as deficiencias no alumamento público, nas fontes, na subministración eléctrica, no servizo telefónico, na atención sanitaria; reclama un campo de deportes e o acondicionamento do campo da feira; incide no problema da emigración, do despoboamento, dos incendios forestais; fai fincapé na defensa do medio ambiente e do patrimonio; oponse ao proxecto do macroencoro de Dorna e ao traslado do conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte medieval e muíño), erixíndose azoute da mansedume, da apatía e da resignación mostradas polos seus conveciños.
Por se non abondase, nas páxinas do rotativo pontevedrés Monteagudo fixo súa a tese do Colón galego, recolleu as andanzas da bandida Pepa a Loba, gabou as virtudes da vaca marela7, salientou os vellos ritos da nosa festa do San Xoán, fixo de altofalante da Festa do Canteiro e das máis festas patronais cerdedesas, con especial agarimo tratou a Festa do Can ou das Contas de san Roque, que aínda se celebran no seu Castro natal.8
Cheo de razón, dende a súa tribuna, Monteagudo tamén arremeteu contra a praxe caciquil e a impudicia dos caciques cerdedeses. Coñecidas por reiteradas, o correspondente Monteagudo denuncia nos seus artigos as innúmeras irregularidades electorais das que se valeu a dereita para perpetuarse no poder até que, de puro vicio, a cacicaxe bateu cos cornos no cu. Sabendo o que sabemos, en Cerdedo sería de xustiza impugnar os corenta anos de democracia. Deste xeito se expresaba Monteagudo:
Esos ídolos abominables y que tanto daño llevan causado en nuestra Galicia, vemos como se derrumba ese pedestal del gran cacique provincial: el cacique municipal y el caciquillo parroquial (DP, 31-12-78).
¿Cuándo el alcalde se identificó con el pueblo para apoyarlo en sus justas reivindicaciones? Yo pediría un alcalde para Cerdedo que se identifique con él, que ame y viva la vida de su pueblo, pero nunca a cuenta de este. Que sepa rodearse de gente honrada y capaz, pero que no se dedique a negocios que le impidan ser alcalde (escrito de cara as Municipais de 1983).
¿Es justo que un señor, en su condición de cacique, entre en un colegio en el momento de la votación y se lleve un montón de sobres? ¿Es justo que otro señor, en su condición de oligarca, mande aviso a ciertas personas para que acudan a su casa y, una vez en la misma, les entregue los sobres para que vayan a votar? ¿Se puede el mismo día de la elecciones recorrer ciertas aldeas para pedir el voto, sugiriendo y coaccionando a los electores? ¿Puede un electo a concejal transportar personas para votar? (DP, 26-5-1983 (despois das Municipais)).
Neste senso, o 9 de marzo de 2008, o xornalista Fernando Salgado, tamén dende as páxinas do Diario de Pontevedra, eloxia as dimensións cívicas do noso persoeiro: Cuando llega la hora de mirar hacia atrás y hacer un recopilatorio, sólo quedan grabados en la memoria y mantienen plena vigencia aquellos actos realizados en clave de universalidad y de eternidad ... Es entonces cuando puede comprobarse la vigencia de los mensajes, y un repaso sosegado a través de las crónicas firmadas desde Cerdedo por Manuel Monteagudo Ruzo permiten concluír que, lejos de diluírse su mensaje cuando amarillea el papel en el que fueron impresas, conservan una rabiosa actualidad y se perfilan como una guía a seguir, a pesar de haber sido escritas en unas circunstancias nada propicias, cuando no en una situación de abierta incomprensión social y hostilidad política.
O 9 de xullo de 1978 constituíuse en Cerdedo o comité local do PSOE, con vistas aos comicios municipais de abril do ano seguinte (os primeiros da democracia). Preside o comité socialista Severino Bugallo Valiñas. O panadeiro Bugallo xa formara parte da directiva do PSOE en tempo da República e, por mor da súa ideoloxía, houbo de padecer persecución. Manuel Monteagudo figura á fronte da secretaría de Prensa e Propaganda. Entre outros, Roxelio Arca Rivas (fillo do mártir republicano Francisco Arca Valiñas) consta como delegado.
O 3 de abril de 1979, o PSOE obtén tres concelleiros en Cerdedo. Monteagudo sae elixido e, a canda os concelleiros de Unidade Galega (2), disponse a facer unha oposición férrea mais leal. O partido do alcalde Caramés axiña brande o rolo da maioría (8), dificultándolle a Monteagudo a súa asistencia aos plenos. Farto das artimañas da dereita caciquil, Monteagudo abandona o seu cargo o 27 de marzo de 1980: Creo que tal y como está montado el Ayuntamiento, es difícil hacer cosas prácticas, porque si hacemos un balance de lo que ha hecho la nueva corporación, basta con echar una ojeada por todo el municipio, para decir que nada de nada. Lo más honroso es marcharse. Falta iniciativa, entusiasmo y coherencia en planificar y abordar con firmeza esas necesidades tan acuciantes que padecen todos los lugares de nuestras parroquias. (DP, 26-3-1980). Ocupa o seu posto outro socialista memorábel, Severino Rascado, veciño de Mamoalba.
Con folgos anovados, nas municipais de maio de 1983 recunca na listaxe do PSOE cerdedés e revalida a súa acta de concelleiro. Paradigma da dignidade, Manuel Monteagudo foi un dos poucos edís da perdurábel oposición que non se deixou engaiolar polo ouropel do “C de Cerdedo”, declinando aceptar o agasallo ofrecido pola dereita triunfante. O PSOE de Cerdedo, que lle rendeu homenaxe a Rascado (23-2-2013), está en débeda con Monteagudo.
Na soleira dos noventa anos, Monteagudo dá por concluído o labor de ordenar e pasar a máquina décadas de anotacións e apuntamentos e decide enviar os mecanoscritos ao prelo. Xa que logo, no ano 2005 Edicións R. S. Pontevedra edita doce exemplares de Unha manchea de contos (2ª edición, en 2007). Tamén en 2005 aparecen os títulos Poesías de amor e dor e Cantares, refráns e outras curiosidades. En 2006, publica A saga dos Monteagudo e en 2007 edítanse 20 exemplares da súa Historias de Santa Baia de Castro, curiosidades e outras historias. Para a Historia de Castro, o autor omitiu, finalmente, o capítulo dedicado á represión fascista que, nunha separata, gardaba na caixa forte do seu despacho. Mesmo así, o título de cronista de Castro está máis ca xustificado.
Un exemplar dedicado de cada unha das devanditas publicacións e mais unha copia das súas colaboracións no Diario de Pontevedra agardaba por min na súa casa: Para o profesor, escritor e buscador de novos valores, o meu amigo Carlos Solla. Con agarimo. Monteagudo dicía que, antes de morrer, cadaquén debía plantar unha árbore, ter un fillo e escribir un libro. Traballo feito, meu amigo.
Manuel Monteagudo investiu as ben merecidas horas de lecer en favor da súa comunidade. O seu compromiso político e cultural con Cerdedo fican ben demostrados nesta apoloxía. De raro en raro, a mesquindade cerdedesa vese amortecida coa exemplaridade dalgúns dos seus veciños. Gocei da estimación e da sabia conversa de Monteagudo aínda en 2002, a raíz da publicación do meu libro Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Aveciñados en Pontevedra, case porta con porta, compartimos, dende aquelas, saborosos parrafeos arredor da súa mesa camilla ou nas inesquecíbeis paseatas dominicais, reconfortados nas nosas afinidades. O meu pai, Manuel Solla, vella amizade, fixo as presentacións.9 Foi Monteagudo quen me alentou na necesidade de mirar por Cerdedo sen caer no desánimo nin na molicie do seguidismo e, por tal, sen agardar nada en troco. Nesas teimamos.
Agora, transcorrido un ano do seu pasamento e coa intención de preservar do ruín esquecemento a súa obra e a súa figura, o colectivo Capitán Gosende demanda que unha rúa de Cerdedo leve o nome de Manuel Monteagudo Ruzo. Bo e xeneroso, Monteagudo soubo honrar a lembranza dos benfeitores, actitude que arestora, con xustiza e oportunidade, emulamos.
Moitas grazas, don Manuel. Sempre na lembranza.
Los hombres pasan, las buenas obras quedan y éstas serán juzgadas y admiradas por futuras generaciones (M. Monteagudo, Diario de Pontevedra, 13-4-1969).
____________
1 Monteagudo, M.: A saga dos Monteagudo, R. S. Pontevedra, 2006, páx. 36.
2 Testemuño oral. Gravación de xaneiro de 2003.
3 Monteagudo, M.: A saga dos Monteagudo, R. S. Pontevedra, 2006, páxs. 38-40.
4 En Cerdedo, ocupaba a alcaldía Manuel Varela Mouteira.
5 De Toro, S.: Inmateriais, Xerais, páx. 107.
6 Rodríguez Fraiz, A.: Dr. D. Fernando García Leiro. Obrero, sacerdote y maestro, 1972.
7 “O día que saibamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida” (Castelao).
8 Véxanse en Youtube os vídeos intitulados A Festa do Can, filmados en Súper-8 nas edicións de 1980 e 1981 (Maruja Otero-Trépia Asociación Cultural).
9 Os artigos “Construcción, en Abelaíndo, de una carretera por prestación personal de los vecinos” (DP, 20-10-1968) e “Vecinos de Caroy y de Cerdedo dan muerte a dos lobos” (DP, 10-12-1968) teñen como protagonista a Manuel Solla, meu pai.