Lola Varela
No vizoso tecido asociativo dos Concellos de Cerdedo e Forcarei e nas afoutas loitas sociais que alentou no primeiro terzo do século XX está ausente en boa medida o elemento feminino, debruzadas as mulleres no eido privado, no traballo das terras, no coidado do gando e da casa, mentres os homes emigraban polo Estado español adiante ou cara o estranxeiro para faenar como canteiros, tomando contacto na acción pública colectiva coas correntes operarias (socialistas, libertarias) do momento.
Porén, é pouco coñecido o feito de que, como mínimo, entre o 15% e 20% das represalias sen resultado de morte nestes Concellos tiveran como obxectivo ás mulleres, o que evidencia a relevancia dunha represión, a de xénero, definida por unhas características específicas que dificultan aínda hoxe o seu coñecemento e denuncia. As represalias que as mulleres deberon padecer se produciron máis que nada no ámbito extraxudicial e privado sen que ficara constancia documental; só contados testemuños orais foron quen de transcender o feito de ser tratado o seu corpo como botín de guerra, superando a humillación e a vergoña coas que os vitimarios desexaban marcar de por vida ás mulleres que tiveron a desgraza de ser obxecto destas noxentas agresións. Estamos a falar polo tanto dunha represión dobremente silenciada, mais que por veces reflicte así mesmo actitudes de teimuda resistencia aos facciosos.
Eis, o acontecido ás veciñas de Quireza (Cerdedo) Manuela García e Otilia Fernández malladas e rapadas na tristemente celebre taberna-cheka de Outeiro, as multas e malos tratos sufridos por Elvira Quibén, dona da taberna de Fondós, os continuos roubos padecidos polas propietarias doutra taberna en Castro, María e Dorinda Garrido, o calvario da cerdedense Elena Bugallo, multada e presa durante algún tempo, ou a persecución da labrega de Figueiroa Carmen Monteagudo, que a piques estivo de ser “paseada” e cuxa casa foi saqueada.
Canto ás mestras, compre lembrar que en Cerdedo 14 delas serían depuradas e suspendidas dos seus cargos durante varios meses; mesmo unha, Carolina Camiña que puña escola en Barro, foi afastada durante cinco anos da provincia de Pontevedra.
En Forcarei cabe lembrar a Amalia Calvo, Isaura Dapena e Pepa de “Aurora”, malladas e rapadas na cheka falanxista de Soutelo por ter levado a bandeira republicana no 1º de maio de 1936, un lugar onde foron torturadas e se acaso violadas varias mulleres por non delatar aos seus homes fuxidos no monte. Anos andados (1951), Erundina Alonso, Dolores Bértolo e María Doval tamén deberon aturar un Consello de Guerra no que foron acusadas de colaborar coa guerrilla.
E tampouco podemos esquecer ás 13 mestras depuradas do seu cargo durante varios meses e unha delas, Isolina Méndez con escola en Dúas Igrexas, será expulsada en 1940.
Vaian estas liñas para rachar a súa invisibilidade.
* Versión do publicado en Novas da Galiza N° 201 de xuño 2021.