A destrución da necrópole megalítica do San Domingos ( I )
Calros Solla
O domingo 30, encamiñámonos cara ao terreiro do San Domingos oíndo do inesgotábel repertorio do señor Aurelio as quince virtudes da planta milfollas (Achillea millefolium). As virtudes gárdaas na flor. Cómpre non confundir as milfollas cos bricios. Deixamos na fondeira a aldea da Alén e acadamos na cimeira a ermida do San Domingos. Lugar mortuorio. Lugar sagro. Lugar liminal. Nemeton cristianizado. O linde entre parroquias, concellos e provincias rexe a uns 150 m ao norte da capela, facéndose risco nunha pedra do chamado Campo da Cruz. Porén, aquela tarde, a néboa fixo por esvaecer as fronteiras entre Presqueiras (Santa Mariña) e Xirasga, entre Forcarei e Beariz, entre Pontevedra e Ourense, entre o alén e o aquén.
Segundo dicían os vellos (os devanceiros), no ermo do San Domingos houbo un campo de mámoas, ou sexa, un cemiterio neolítico (uns 6.000 anos de antigüidade). Descoñécese o número exacto de túmulos. De tres aínda dan razón os vivos. Espremendo de todo a lembranza, o número atinxe a media ducia. Na actualidade, no sinalador de ao pé da estrada lese en lingua mestiza: “Mámoa de Sto. Domingo”. Somos un país a medio destruír. Os tres (ou seis) túmulos erguíanse á beira dunha antiga verea que, naquel punto, acadaba o cumio (775 m de altitude) e iniciaba o descenso. A capela construíuse ao leste do camiño vello e ao socairo dunha mesta carballeira, escenario de rituais pagáns (culto aos mortos, culto ás árbores, territorio fronteirizo, escenario propiciatorio...). Aínda cara ao remate dos anos 50 do pasado século, se lle daría o ancho actual ao vieiro que transcorre ao leste da ermida e que comunica as Devesas de Presqueiras (Forcarei-Pontevedra) cos lugares de Xirasga (Beariz-Ourense). O terreo situado a poñente da ermida foise explanando para mellor cabemento dunha romaría en auxe (a festa celébrase os días 3 e 4 de agosto). Asemade, borrouse o trazado do camiño primixenio e achaiáronse as mámoas que o acompañaban, extraviándose os seus esclarecedores enxovais. A carballeira autóctona foi declinando, os espécimes máis lonxevos sucumbiron á talla. Hogano, o esmorecente Quercus robur comparte espazo coa allea louzanía dos rubra. A maxia salutífera da carballeira sagrada arrequeceu a taumaturxia do santo: “San Domingos che cure pestes e males estraños”. Humanos e animais son beneficiados por igual. Exvotos, pans, rosquillas, fitas, candeas e estampas, bendicidos polo cura ou “tocados” polo santo, convértense en domésticos amuletos. Consabidos capítulos do proceso cristianizador.
Contan que os vellos (os devanceiros, os retartaravós) desfixeron as mámoas para reutilizar a pedra na construción da ermida dedicada ao burgalés Domingo de Guzmán (1170-1221), elevado aos altares como san Domingos, santo moi predicador e milagreiro. A fábrica do templo remóntase a finais do século XVI, mais están documentadas diversas fases construtivas. Ao parecer, no lugar escolleito para a súa edificación xa se erguían tres pedras. Consonte as descricións ofrecidas, as tres pedras podían ser os ortóstatos doutra arca neolítica. No fornelo vidrado da portada da capela, alóxanse dúas imaxes en pedra: o santo padroeiro canda un can laúdo. Na iconografía do san Domingos o animal evoca o estraño soño que sobresaltou a súa nai encinta. Antes de parir, Juana de Aza soñou que do seu ventre asomaba un cadelo termando coa boca dun facho aceso. Por avogosa intercesión doutro san Domingos –o de Silos–, soubo Juana que a facundia de seu fillo acendería no mundo o lume de Cristo. Juana de Aza, agradecida, escolleu o nome de Domingos para bautizar o pequecho.
Ignoramos o nome da mascota de san Domingos. O animal que acompaña o de Xirasga semella un añolo, mais, tomando a lenda haxiográfica en consideración, a criatura estimábel é un can, e afinando, un can de augas portugués. O noso cadelo –de raza ignota− non o considerou ameaza e botou a tarde de domingo uliscando nas milfollas.
No pasar dos séculos, os prelados composteláns visitaron o San Domingos. En 1785, os visitadores achan a capeliña moi arruinada. Esquecido o culto ao seu patrón, dan orde de enterrar as imaxes dos santos. Case cumprido o século XVIII, actívanse os traballos de reconstrución e ampliación do templo e, xa que logo, avivécese a devoción. E. Bande Rodríguez (“La romería de Santo Domingo de Xirazga”, 1992) cita, entre outros mestres de obra, a Antonio Cerviño que, aveciñado en Cerdedo, tomou parte nunhas obras que se prolongarían até o ano 1857. O señor Aurelio eríxese voceiro da tradición: “Esta capela fíxose en tres veces; a sancristía é a orixinal”. Antonio Cerviño Couceiro, falecido en 1889, é o proxenitor do escultor Ignacio Cerviño Quinteiro. Esta circunstancia apoiaría a asignación do cruceiro do San Salvador de Xirasga ao cicel de Ignacio Cerviño. Consonte a inscrición do pesdestal, o cruceiro data do ano 1896.
Hoxendía, na chá do San Domingos só se fai evidente un dos seis túmulos referenciados. Ben seguro, a media ducia de mámoas formaba un aliñamento duns 200 m de lonxitude. As tumbas, de grandes dimensións, ergueríanse a escasa distancia unhas das outras, trazando unha diagonal que discorrería de NO a SL no espazo comprendido, actualmente, entre o cruceiro e a capela.
Denominaremos o xacemento mellor conservado “Mámoa 1” (coordenadas.- X: 554.999; Y: 4704470; alt. 777 m). Túmulo duns 30 m de diámetro. Ampla foca de violación. Son visíbeis os ortóstatos de xisto. Hai uns anos (na década de 2000), a padexadora que achandou o campo da festa (o xacemento neolítico), ripou os materiais dunha sección do cono da Mámoa 1 para facilitarlle a manobra ao camión que a transportaba.
Coa axuda do señor Aurelio demos localizado a “Mámoa 2” (coordenadas.- X: 555.042; Y: 4.704.455; alt. 773 m). Segundo o seu testemuño: “Desfixérona os vellos (séc. XIX); xa naquel tempo, lle plantaron un carballo no medio”. Aínda así, os dentes da padexadora remexeron novamente o sitio arqueolóxico e puxeron ao descuberto “un bolo de pedra” (proxectil de tirafonda, percutor, ídolo funerario...) que alguén aínda conserva. Rente ao chan, aprécianse unhas laxiñas de xisto que, probabelmente, sexan fragmentos dos ortóstatos.
Seguindo as indicacións do señor Aurelio, tamén conseguimos situar a “Mámoa 3” (coordenadas.- X: 555.086; Y: 4.704.443; alt. 774 m). O túmulo é imperceptíbel, mais localizábase perto do muro da leira nomeada A Xesteira, á beira do antigo camiño.
En liña cos anteriores, os túmulos 4, 5 e 6, hoxe desaparecidos, disporíanse seguindo a dirección sueste, sempre ao pé do camiño, mais fóra xa do recinto do San Domingos. Ao parecer, o lugar ocúpao na actualidade unha casa de recente construción.
Continuará...