(25 de xullo de 2020)
Manuel Cabada Castro
Nesta incardinación pode haber deficiencias, hóuboas e continúa de feito a habelas. Mais coido que o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta necesaria incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus mesmo fixo de si no mundo, facendo que o seu fillo Xesús nacese e vivise nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos. Polo tanto, a encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia habería que vela como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que en Xesús se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu paso por este mundo, Xesús non se parece en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para desaparecer ó final nun ceo etéreo sen se decidir a aterrar antes en ningún momento. Polo contrario -tal como nos di Xoán- Xesús, a benquerida e bendita palabra de Deus, si que afincou ben a súa tenda entre nós.
Coido que non pode resultar esaxerado dicir que a Igrexa non só tardou moito en empezar a se incardinar en Galicia senón que aínda lle queda moito para aterrar de verdade nela. Sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou oficialmente en Santiago hai só pouco máis de medio século. Con moitísimo atraso se temos en conta que a nosas lingua galega é a lingua propia de Galicia e nela se expresou e expresa a maioría da poboación dende hai moitos séculos.
Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso prestixio social non se lles concedera ata entón a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos tralo remate dese Concilio para a súa introdución no uso litúrxico na nosa terra. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.
Chovía en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa se seguise dicindo en latín, se lles dese cabida nela ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Mais tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua de Galicia era o castelán. Por iso, e sorprendentemente, os galegos, a diferencia por exemplo de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai moi pouco de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os nosos catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.
Así pois, despois do Concilio Vaticano II, celebrouse en Galicia durante toda a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral de Galicia. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral galego partían do suposto básico da necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto “boa nova”. Dise alí, por exemplo: “Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns de Galicia que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino”. E incluso se engade alí: “O Concilio Pastoral de Galicia pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua”.
Por iso, e isto tócanos xa directamente a nós, dise aínda nun dos textos conciliares: “O Concilio Pastoral de Galicia pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización”.
Polo tanto, O Concilio Pastoral de Galicia pídenos a tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis “encarnación”. Do mesmo modo que Deus se quixo encarnar no concreto Xesús da historia.
Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente ás culturas e linguas do mundo enteiro, de maneira especial as máis próximas a nós.
Quero aproveitar tamén esta importante data anual do 25 de xullo para aludir ó que particularmente celebro anualmente neste día con agradecemento a Deus. Pois xustamente nesta data do 25 de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto xa 57 anos, fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e outro cisterciense) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos xesuítas que comigo recibiu a ordenación neste mesmo día era o valisoletano e bo amigo Segundo Montes Mozo, que foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría, meu compañeiro tamén daquela en Innsbruck. Fomos casualmente ordenados no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era a festividade de santa Ana, padroeira de Innsbruck (capital do Tirol onde vivín durante catro anos), e neste día se celebraban tradicionalmente as primeiras misas ou misas novas dos ordenados no día anterior. Tirolesas e tiroleses viñan en masa participar nestas misas novas, pois tíñanlles moita devoción. Polo tanto a data acostumada da ordenación sacerdotal non tiña nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo dese día, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana.
Andando o tempo e sen eu daquela sequera sospeitalo, dinme conta do ben que cadrou para min esta data (a da festividade do Apóstolo Santiago) ó ela estar de feito tan directamente relacionada con Galicia e coa necesaria encarnación na nosa terra, cultura e lingua. Por todo iso quero humildemente darlle hoxe grazas a Deus.