Calros Solla
A uns 500 m cara ao oeste do lugar de Framia, augas vertentes ao regueiro do Insueiro, e a uns 430 m cara ao sueste do petróglifo do Recosto I (descuberto o pasado 12 de maio), sobrancea un afloramento metamórfico cristado cuxa face leste foi profusamente riscada. O carrelo de lousa arrodéase de monte baixo (carqueixa, toxo, carrasco...). Pola redonda esparéxense os grobos de labores mineiros abandonados. A proximidade espacial e temática co gravado do Recosto, motivounos a denominar este novo achado: “petróglifo do Recosto II”.
Neste contexto litolóxico, a parte superior dos afloramentos rochosos adoita presentar, por mor da erosión, grandes irregularidades e desniveis, polo que, a falta de amplos soportes lisos e horizontais, os talladores prehistóricos escolleron paneis verticais para realizar as súas insculturas. Na zona, o petróglifo da Laxa das Buratas (Alfonsín-Presqueiras-Forcarei), o petróglifo do Recosto I e o petróglifo do Recosto II (o que nos ocupa) son, pois, exemplos de gravados rupestres de panel vertical. Ademais, no tocante aos motivos representados, os devanditos petróglifos adscríbense á mesma tipoloxía: cruciformes, antropomorfos, idoliformes...
Con forma de frontón clásico, a rocha que soporta a inscultura ten uns 2 m de altura e uns 6 m de anchura na base (uns 6 m2 de superficie). Érguese sobre unha plataforma banzada de 1 m de alto. O petróglifo do Recosto II (coordenadas.- X: 554.763; Y: 4.703.320; alt. 743 m) componse duns 37 cruciformes, antropomorfos e/ou idoliformes semellantes aos descritos para o Recosto I e Laxa das Buratas (sito a pouco máis de 3 km cara ao norte). Na Laxa das Buratas (Alfonsín-Presqueiras) e no Recosto II, as escenas oriéntanse cara ás aldeas (cara ao nacente). Pola contra no Recosto I, quizais polas prestacións do soporte, a escena está orientada cara a poñente.
O petróglifo do Recosto II componse duns 37 elementos. A meirande parte das figuras representadas no Recosto II ocupan, en horizontal, o espazo central do frontón (31 elementos). 4 elementos foron riscados na parte superior e 2 elementos localízanse na plataforma.
No mes de maio, cando batemos co gravado rupestre do Recosto I (Framia-Xirasga), anotamos para a súa descrición uns 16 cruciformes-antropomorfos (amais doutros moitos elementos). En 2013, cando localizamos o gravado rupestre da Laxa das Buratas (Alfosín-Presqueiras), que levaba máis setenta anos perdido, describimos un panel no que se riscaran uns 20 elementos “cruciformes e rectilíneos”. Bouza Brey, que o visitou en 1940, dedicoulle o artigo “Insculturas cruciformes en Presqueiras” (Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense, nº 250). O polígrafo ponteareán salientaba: pertenecería nuestra inscultura, cronológicamente, al grupo más antiguo de los señalados por Obermaier, atribuído al eneolítico o principio del Bronce. Respecto a su interpretación, es de aplicación a nuestro grabado la general opinión que considera a los cruciformes como esquemas de la figura humana, incluyendo, por tanto, en la composición que nos ocupa tantas representaciones humanas como cruces hemos advertido.
Os cruciformes-antromoformos-idoliformes da Laxa das Buratas son, en xeral, de maior tamaño ca os representados no Recosto I e II, pero, tanto polos motivos representados como pola súa disposición, son testemuño dunha escola ou estilo propios dos pobos que hai máis de 4.000 anos se instalaron nestes vales metamórficos da Dorsal Galega.
Coa descuberta do petróglifo do Recosto II, o colectivo Capitán Gosende deixa en 68 a súa marca de achados na comarca de Montes. O petróglifo do Recosto é a décima inscultura descuberta na parroquia de Xirasga. No val de Xirasga, o frontón do Recosto II xa rivaliza co campanario do San Salvador.