Inventario dos reloxos de sol de Cerdedo (VI)
Calros Solla
A conversa cos veciños deu como resultado a catalogación dun par de cuadrantes máis (os dous bens localízanse na aldea da Vilalén) e, probabelmente, o postoiro dun terceiro, hoxe desaparecido (na aldea da Devesa). Nos máis lugares, os nosos informantes non deron razón da existencia, presente ou pasada, destes instrumentos.
A Vilalén:
–O reloxo de sol dunha casa do Castro.
–O reloxo de sol da casa de Felisa (ou do Requeté).
O reloxo da casa do Castro labrouse nun semióvalo de pedra branca. Tipoloxía: circular, vertical e ortomeridiano. O gnomon é unha variña de cobre. Dende a distancia albiscamos a hora 12 (na vertical do gnomon), gravada en números arábigos. O canteiro local Acacio Rei foi o seu artífice. Calcúlaselle unha antigüidade de “cento e pico” anos. Despois de estar acurrunchado no chan durante moito tempo, o reloxo embutiuse na cachotaría da parede sur da vivenda. A casa a canda o reloxo foron restaurados recentemente.
O reloxo de sol da casa de Felisa (tamén coñecido polo reloxo do Requeté) é, sen dúbida, o cuadrante máis meritorio de Cerdedo. Cuadrante de tipoloxía circular, vertical e ortomeridiano. O nimbo tallouse nun tondo sostido por un personaxe uniformado de requeté (pucha e borla), é dicir, un paramilitar que nas guerras civís españolas do XIX e do XX combateu en prol do integrismo católico e da ideoloxía carlista. A figura do requeté (dun metro de alto) terma dos dous extremos dunha corda borlada que, unida ao tondo polo reverso, alza o cuadrante á altura do peito. No bordo da esfera do reloxo aprecíase parte da numeración horaria, en arábigos. O gnomon é un arame dobrado en forma de triángulo. A orientación (sur) da peza é a correcta, mais, a colocación do gnomon precisa dun axuste. A escultura do requeté pousa nunha peaña que sobresae dun dos cantos da casa. A peaña, hemiesférica, está adobiada con tres cabezas de anxos (ou nenos), intercaladas entre sete tramos cordados que, en mediorrelevo, converxen na parte inferior do soporte. Nas unións da peaña ao canto da parede, engadíronse senllos motivos vexetais ou cunchas de vieira. Un gancho de ferro, fincado na parede e pousado no ombreiro dereito da escultura, garante a súa verticalidade.
Consonte o historiador Antonio Rodríguez Fraiz, o cuadrante do Requeté é obra do mestre canteiro Francisco de la Iglesia, nado na Vilalén a mediados do século XIX e casado en Vichocuntín (Pedre). De la Iglesia é artífice, así mesmo, dun belísimo portal ateigado de esculturas en mediorrelevo (san Francisco de Asís, Adán e Eva, á árbore da ciencia...), ornamentación da que fora a súa casa natal.
Rodríguez Fraiz (Santa Mariña de Tomonde. Terra de Montes-Cerdedo, 2001, páx. 131) describe deste xeito o reloxo de sol:
Na esquina da casa ó fondo, xunto ó balcón, admiramos unha artística figura dun mozo con uniforme de requeté; ostenta sobre o peito unha especie de tambor no que se acha un cuadrante cos números e horas dun reloxo de sol; viste pantalóns longos e zapatóns. Érguese sobre fermosa peana adobiada, entre outros motivos, por tres cabezas de requetés.
O libro achega dúas fotografías do reloxo de sol (páxinas 15 e 131). No mesmo artigo, Rodríguez Fraiz tamén lle apón a Francisco de la Iglesia a feitura (en 1905) do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre) e a do muíño de Sieiro (ou da Pontapedre), á beira do Lérez; trasladado a Codeseda durante a lodada do macroencoro de Dorna. O mestre canteiro Francisco de la Iglesia está soterrado no camposanto de Pedre.
Os reloxos de sol da Vilalén distan uns 65 m un do outro.
A Devesa:
–O reloxo de sol do canastro de Xerardo Vázquez.
Na parte baixa da aldea da Devesa localízase a casa e dependencias (moi arruinadas) do que fora enxeñeiro industrial (axudante de Camiños Provinciais) Xerardo Vázquez Gil (†1953). Xerardo Vázquez foi autor dun mapa dos viais da provincia de Pontevedra que apareceu publicado na Guía del turista en la provincia de Pontevedra (1931) de Antonio Fernández de Castro.
Un dos dous canastros anexos á casa de Xerardo Vázquez presenta, encol dunha das sobrepenas do pinche, unha plataforma de pedra. O pedestal, que labrado en cuña obtén a horizontalidade, puido soportar xacando un reloxo de sol. Sobrepena e peaña oriéntanse cara ao sueste, mais a orientación do reloxo (sur) puido corrixirse virándoo no seu soporte.
Tras o escrutinio da parroquia de Tomonde, engadimos 3 reloxos de sol á nosa listaxe. Polo tanto, nos casaríos das parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro, Quireza, Figueiroa e Tomonde documentamos un total de 37 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 16.
Continuará...