O colectivo Capitán Gosende reclama a limpeza e consolidación deste conxunto arquitectónico da parroquia de Castro, oculto na fronde do río de Quireza
Calros Solla
Na xornada do pasado domingo, despois de cotexar os nosos datos en cas dos queridos Sr. Eliseo e Sra. Irene (veciños do Serrapio), accedemos á marxe esquerda do río de Quireza á altura da chamada ponte do Terraplén, na estrada PO-230.
Río arriba, a escasos 600 m do casar do Serrapio, mais xa na parroquia de Castro, atopamos un belísimo conxunto de arquitectura tradicional, composto por ponte e muíño-aserradoiro (coordenadas.- X: 546.112; Y: 4.710.013 (ponte) - X: 546.117; Y: 4.709.982 (muíño)). A ponte, nomeada ponte da Serra, presenta taboleiro recto de catro tramos. Cada tramo componse de catro trabes independentes. A ponte, exenta de peitorís, abre catro vans, sosténdose sobre tres grosos piares que, á contracorrente, adquiren a feitura de tallamar. A ponte da Serra ten 17 m de lonxitude e 2’50 m de largura (3’60 m até a punta do tallamar). A altura da ponte acada os 2’50 m. A ponte comunicaba O Serrapio cos lugares de Castro do Medio, Castro do Cabo e Filgueira.
As enchentes destes últimos invernos arrastraron dúas árbores de gran porte que, a xeito de ariete, impactaron contra a ponte, provocando serios danos na súa estrutura. Ao non se retirar as árbores do leito, unha tupida maraña de pólas e garabullos obstruíu os vans, provocando que o río embazase, rebordase a ponte e mesmo fluíse pola súa marxe dereita, esbarroando o paramento e o acceso enlousado da beira oeste. Así mesmo, a forza da auga acabou botando abaixo dúas trabes, esmoucou o tallamar central e desprazou unha trabe noutro dos tramos. A rampla enlousada da beira oeste, hogano esbarrelada, tiña unha lonxitude de 8 m e discorría delimitada por unha sucesión de chantos de pedra.
A escasos metros da ponte, río abaixo e na súa orela esquerda, mimetízase coa vexetación o chamado muíño da Serra, que tamén lle dá nome á ponte. Foi, xacando, unha magnífica instalación fabril. Os nosos informantes, nonaxenarios, lembran o muíño a moer, mais, xa non fan acordanza do funcionamento do serradoiro. É evidente que as dimensións da ponte non só facilitaban as comunicacións de peóns e xuntas, senón que permitían a entrada da materia prima na fábrica e a saída, unha vez manufacturados, das táboas, pontóns e trabes.
O muíño da Serra divídese en dous corpos arquitectónicos: o corpo do muíño e o corpo da serra. O edificio destinado a moenda posuía cuberta a dúas augas (tella país). No nivel inferior aínda se conservan dous pés coas súas respectivas moas. No nivel superior, ao que se accede por cinco chanzos, atopamos unha rampla de pedra, descuberta, bifurcada na súa parte inferior (peadoiro de comporta e leveadoiro de volante), para conducir a auga a dous rodicios, aloxados en cadanseu inferno. A tipoloxía construtiva do aparello de motricidade é, dende logo, singular. O muíño da Serra non se dotou do cubo ou da calexa convencionais. Nas paredes do muíño, de boa cachotaría, abríronse seis vans: cinco portas (dúas cara ao norte, dúas cara ao sur e unha cara ao leste); e unha ventá (cara ao río).
O edificio destinado a serradoiro anéxase ao corpo do muíño polo sur, beneficiándose da mesma levada coa que funcionaba o muíño. Non conserva a cuberta, apenas un van, aberto na parede de cara ao río. Non queda rastro da nora ou bruia que activaba o mecanismo e que, ben seguro, xiraba na canle-desaugadoiro que, ben concertada en pedra, discorre en paralelo ao edificio da serra.
O edificio do muíño presenta as seguintes dimensións: 5’50 m de longo x 5 m de largo (27’5 m2). O edificio da serra, as seguintes: 5’80 m de longo x 5 m de largo (29 m2). É dicir, as instalacións fabrís ocupaban unha superficie aproximada de 60 m2.
O colectivo Capitán Gosende reclama das autoridades, cando menos, a limpeza e consolidación da ponte e mais do muíño da Serra, un conxunto arquitectónico de valor etnográfico e atractivo paisaxístico indiscutíbeis que, de non actuarmos axiña, acabará colapsando, xa sen remedio.