A man dereita do xefe provincial de Falange, Manuel Castro Pena, e executor da represión nos primeiros meses do golpe franquista na Estrada
Xosé Álvarez Castro
Ninguén mellor que os propios camaradas falanxistas para contarnos as súas andanzas: J. Ramón Criado, instrutor do expediente que se lle incoa dentro do proceso de depuración da Falanxe, considérao un individuo ao que rodea un ambiente de desprestixio e que fai unha vida ostentosa en contradición cos seus medios coñecidos de vida e coa austeridade falanxista. A relación de cargos inclúe o apoderarse de cheques, xestións para obter o indulto do médico Bustelo (implicado nas extorsións de San Simón), intervención en secuestros para obter diñeiro, irregularidades nas peticións de diñeiro para o suposto rescate de José Antonio, requisas irregulares, entre outros. Diversas fontes sinálano como un pistoleiro implicado en varios asasinatos.
O informe fai unha serie de consideracións nada favorables: “hombre dado a la fastuosidad, frecuentador de casas de mal vivir, con amantes, precisaba de grandes cantidades de dinero para su ostentosa vida de disipación y juerga y, no teniendo fortuna propia, trató de arbitrar medios, prevaliéndose de la privilegiada situación que le daba su cargo de Jefe Provincial de Investigación a cuyo amparo realizó numerosos delitos de estafa, de tentativa de estafa y otros”.
Nesta atribución de culpas (sen dúbida certas) non se menciona o feito de que Ricardo era só unha peza dun conglomerado delitivo no que estaban implicados destacados falanxistas, entre eles o seu xefe directo, Manuel Castro Pena, xefe provincial da organización.
Como medida exemplarizante, e pode que tamén para evitar unha testemuña incómoda, foi fusilado polos seus camaradas o tres de febreiro de 1937.