Posición da A. C. Vagalumes diante da obriga no concello da Estrada de traducir ao español a documentación presentada en galego
O noso Concello conta cunha Ordenanza Municipal reguladora da normalización lingüística, que foi aprobada en sesión plenaria o día 1 de febreiro de 2018 cos votos favorábeis de todos os grupos políticos. Este documento iníciase coa seguinte declaración de intencións: “A lingua constitúe a principal manifestación da identidade cultural dun pobo. O galego, como lingua propia de Galicia, constitúe o principal patrimonio cultural da nosa Comunidade, e é sinal de identificación e diferenciación de Galicia”. A continuación, establécese o marco legal no que esta ordenanza se insire: o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. E continúa o texto da seguinte maneira: “Segundo a normativa anteriormente mencionada e, tendo en conta que as corporación locais son as administracións máis próximas aos cidadáns e as que máis preto viven a marxinación da lingua galega, este Concello elabora a presente Ordenanza co fin de promover e regular o uso da lingua galega por parte do Concello da Estrada”.
Estas palabras da Ordenanza municipal semellan apropiadas e correctas. Recoñécese que a lingua galega está nunha situación de marxinación e que precisa de promoción. Todo perfecto. Mais, na práctica, o tratamento que atopa a lingua galega por parte do goberno municipal do Concello da Estrada é, en vez de promoción, proscrición. A pesar de estarmos acostumados ao desleixo institucional en materia lingüística, resúltanos verdadeiramente asombroso semellante exercicio de hipocrisía e falsidade.
Desde a AC Vagalumes manifestamos a nosa repulsa e indignación perante este feito e facemos un chamamento ao goberno municipal para que, cando menos, cumpra a súa propia lexislación. Na Ordenanza municipal reguladora da normalización lingüística, no punto 1.2 establécese que o galego é o idioma de uso normal no Concello, polo tanto o idioma en que irán redactados todos os documentos; e no punto 4.2, referido aos estudos, proxectos e outros traballos que o Concello encargue a terceiros, indícase que deberán ser presentados na nosa lingua.
Fronte a este asombroso e indignante incumprimento, debemos reaccionar colectivamente, exixindo o que a nosa lingua precisa: políticas verdadeiramente normalizadoras e plans activos para conseguir rachar coa desgaleguización social e cos prexuízos que continúan a limitar e pexar a súa normalidade. Non podemos consentir por máis tempo que as institucións públicas actúen en contra da nosa lingua. Xogámonos niso o futuro do país e os nosos inimigos ben o saben.