Calros Solla
Amais de mámoas, castros, vestixios varios, apuntamentos de mitoloxía..., a Carta arqueolóxica tamén daba noticia dos gravados rupestres catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural neste territorio (2001 e 2005) e, así mesmo, dos bens identificados por nós nas nosas primeiras excursións (até 2009) e que aínda non foran consignados nos rexistros oficiais. Sen outras fontes bibliográficas das que botar man, a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo empregouse como documento de referencia á hora de elaborar o PXOM cerdedense, aprobado en 2014.
En 2009, no tocante á arte rupestre, o número de petróglifos catalogados por Patrimonio en Cerdedo ascendía a 10. Velaquí, segundo a súa denominación rexistral: petroglifo de Vilar, petroglifo de Chamaoira ou Chamoira, petroglifo nº 1 de Acibeiro, petroglifo nº 2 de Acibeiro, petroglifo Veiga da Chan, petroglifo nº 1 do Meixón, petroglifo nº 2 do Meixón, petroglifo nº 3 do Meixón, petroglifo do Castro de Arén e petroglifo da Fonte Mosqueira.
Pola nosa banda, os paseos eventuais polo monte achegaran noticia doutros 6: petróglifo da Cerqueira, petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib, petróglifos do Monte de Baixo IV e V e petróglifos do Alto do Monte I e II.
En conclusión, a nosa Carta arqueolóxica daba razón da existencia de 16 gravados rupestres en Cerdedo. Este algarismo estableceu o punto de partida do traballo de exploración que, dende 2012, o colectivo Capitán Gosende levou a cabo neste concello. Cinco anos despois, no tocante a petróglifos, a angueira non só serviu para actualizar os datos do noso primeiro inventario (con oito anos de vixencia), senón para corroborar que, emulando a iniciativa daquela Sociedad Arqueológica de Pontevedra de comezos do séc. XX, este labor exploratorio era absolutamente necesario.
Os membros de Capitán Gosende non ignoramos o contido da Lei 5/2016 do patrimonio cultural da Galiza e, en concreto, o recollido no seu artigo 95 apartado (d) que inclúe no eido da actividade arqueolóxica: O estudo da arte rupestre, entendido como o conxunto de tarefas de campo orientadas á investigación, á documentación gráfica e a calquera manipulación que supoña contacto co soporte dos motivos representados; nin tampouco o subsecuente artigo 96 (léase: Cota, R.: “Prohibido buscar”, Diario de Pontrevedra (25-6-2017)).
Os de Capitán Gosende (filólogos, historiadores, xeógrafos, enxeñeiros, titulados en Belas Artes, autodidactas...) vimos desenvolvendo a nosa actividade de investigación multidisciplinar e de promoción cultural na comarca de Terra de Montes e, principalmente, no antigo concello de Cerdedo. A salvagarda da arte rupestre é unhas das nosas moitas inquedanzas. Ninguén pode negar que o problema non resolto do despoboamento condena esta terra á orfandade, ligándoa a un futuro incerto e someténdoa a intereses espurios. Sen dúbida, pola súa vulnerabilidade, o acervo arqueolóxico será un dos grandes damnificados desta situación terminal.
Capitán Gosende enorgullécese de figurar na nómina de asociacións ou individualidades que, na Galiza, se botaron ao monte acirrados pola urxencia de dar a coñecer e protexer co coñecemento o que é patrimonio de todos. En Capitán Gosende este quefacer, sempre respectuoso co obxecto de estudo, levouse a cabo de xeito altruísta e sen ánimo de lucro, empregando a comunicación directa, os artigos ou notas de prensa, as publicacións en webs e blogs especializados ou as redes sociais para informar as autoridades e ao pobo en xeral do froito das nosas pescudas.
Malia a incómoda alegalidade da nosa misión, sentímonos moi orgullosos do camiño que se emprendeu. Agora, baixo a sombra do labor cumprido, facemos pouso e botamos a vista atrás. As mostras de apoio, concretadas na adhesión e na difusión, foron constantes ao longo desta tempada e alentaron o noso esforzo (mención especial merecen Xabier Moure, Xurxo Salgado, Xoán Carlos Garrido, a edición comarcal de Faro de Vigo e o meu editor Moisés Barcia). Entendemos que plasmar nunha publicación esta apaixonante aventura é o mellor xeito de agradecer o agarimo recibido, facer perdurábel a gozosa lembranza e, por suposto, revelar unha realidade patrimonial que permanecía oculta. O papel impreso tamén servirá para honrar, con nomes e apelidos, a afouteza, a perseverancia e o desprendemento dos Gosende. Que chova que vente!
Eis, conforme a lenda, O legado dos homes pequenos, o volume nº 18 da colección Cerdedo in the Voyager; un libro único na súa especie, posuidor, cando menos, dos atributos da orixinalidade, da frescura e da utilidade. De vermos recoñecidas apenas estas calidades, darémonos por satisfeitos.
Cadremos contas. As tarefas de exploración efectuadas ao longo do quinquenio 2012-17 deparáronnos os seguintes resultados (non se abordou nesta publicación a descuberta de mámoas e depósitos castrexos (léase: Faro de Vigo-Terra de Montes, 29-3-2015 e 23-4-2015). No territorio do antigo concello de Cerdedo, os expedicionarios de Capitán Gosende descubriron os gravados rupestres que, a seguir e por parroquias, enumeramos:
Na parroquia de Cerdedo: o petróglifo do Outeiro da Bichoca, o do Outeiro de Riba, os do Outeiro Aciveiro II e III, o do Monte de Baixo Ib, o serpentiforme de Limeres, o do muíño de Herdeiros de Baixo, o de Carballás e o da Laxa do Sangal.
Na parroquia de Figueiroa: o petróglifo do Alto do Monte III, o de Lomba de Castrodiz, o do Outeiro Rachado e o do Coto Laceiras.
Na parroquia de Pedre: os petróglifos da Laxa das Filloeiras I e II, os das Corvas I e II, os da Laxa da Romaxe I e II e o do Outeiro da Corva. Sumemos os cruciformes que adobían a pedra antropomorfa denominada Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio).
Na parroquia de Quireza: o petróglifo do monte de Laxoso, o da Granxa do Hospital e o de Vilarchán.
Na parroquia de Tomonde: o petróglifo da Porteliña.
É dicir, un total de 25.
Se sumamos estes 25 petróglifos aos 6 descubertos por membros de Capitán Gosende con anterioridade ao período 2012-17 (petróglifo da Cerqueira, do Outeiro Aciveiro Ib, do Monte de Baixo IV e V e do Alto do Monte I e II) e xa consignados na Carta arqueolóxica de 2009, obtemos a cifra de 31.
A maiores, Capitán Gosende achou 4 gravados rupestres no concello da Estrada (parroquia de Sabucedo): petróglifos do Outeiro da Pena I, II, IV e V; 1 gravado rupestre no antigo concello de Cotobade (parroquia de Caroi): petróglifo de Regaseis; e 3 no concello de Forcarei (parroquias de Castrelo e Presqueiras (Santa Mariña)): petróglifos do Vieiro, da Mámoa Grande e da Laxa das Buratas. Daquela, 39 gravados rupestres na nosa conta e na conta do patrimonio arqueolóxico da Galiza.
En conclusión. No ano 2012, en Cerdedo sabíase da existencia de 16 gravados rupestres. Segundo a nosa denominación: petróglifo do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa), petróglifo da Veiga da Pedra (Tomonde), petróglifo das Brañas e petróglifo do Outeiro Aciveiro I (Biduído-Cerdedo), petróglifos do Monte de Baixo I, II e III (Limeres-Cerdedo), petróglifo da Laxa do Castro (Arén-Cerdedo), petróglifo da Laxa do Almanaque e petróglifo da Fonte Mosqueira (Chamadoira-Cerdedo) (catalogados por Patrimonio, 2001 e 2005). Amais: petróglifo da Cerqueira e petróglifo do Outeiro Aciveiro Ib (Biduído-Cerdedo), petróglifos do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo) e petróglifos do Alto do Monte I e II (Deán-Figueiroa) (Carta arqueolóxica..., 2009). Na actualidade, no territorio de Cerdedo localízanse 41 gravados rupestres, 25 petróglifos máis que hai cinco anos, reafirmando a riqueza inscultórica da conca do río Lérez, da comarca de Terra de Montes e da provincia de Pontevedra, foco irradiador da arte rupestre. A máxima concentración de petróglifos (24 de 41) dáse no cuadrante sudoeste, deslindado polo río Lérez e os seus afluentes Castro e Seixo.
A estrutura que arma os capítulos do presente estudo-inventario é sinxela, emporiso, coidamos que eficaz. Os 41 gravados rupestres rexistrados repártense por parroquias (Cerdedo (21), Pedre (8), Figueiroa (7), Quireza (3) e Tomonde (2)). A día de hoxe, non se atopou petróglifo ningún nas parroquias de Castro, Folgoso e Parada (non desbotamos a súa existencia). Cada gravado rupestre acompáñase dun texto explicativo (localización, datación, descuberta, descrición (motivos), referencias/bibliografía e artigos ou notas de prensa), fotografías, reprodución a escala (sinálase o norte magnético ou o norte xeográfico), debuxos ao natural e ortofotografía e topografía de situación (máis de 400 ilustracións).
Para a súa heroica consecución, é de obriga salientar o traballo encomiábel de Juan J. Soto, bo e xeneroso. Soto encargouse, con mestría, da fotografía de campo (“sotografías”) e, a maiores, puxo o seu coche, os seus aparellos de xeolocalización, a súa cantimplora de zume de limón conxelado e a súa paciencia a disposición da causa. Este proxecto esixiu centos de horas diante do computador e centos de quilómetros en deslocamentos. O moito combustíbel consumido correu sempre pola conta do compañeiro Soto. O libro tamén se beneficiou dalgunha imaxe cedida xentilmente polos fotógrafos amigos Álex Negreira e Xosé Luís Alonso.
Esta campaña de cinco anos, exenta de subvencións, levounos a realizar unhas 250 saídas ao monte (moitas infrutuosas), é dicir, esixiunos percorrer uns 18.000 km nun Peugeot 307 SW (teito solar) e uns 1.300 km a pé por fragueiros, toxos e silveiras (media volta ao mundo). Para o noso desprazamento foron precisos uns 1.100 litros de gasoil, un xogo de rodas e un cambio de aceite. Engádanse, para a materialización do proxecto, unha morea de consumíbeis. Pola contra, a nosa presenza contribuíu á economía local, pois non faltaron cafés, refrescos; almorzos, xantares e merendas. Téñase en conta tamén a roupa, o calzado e os útiles para montear cunha mínima seguranza. A suma dos gastos superaría a cifra dos 8.000 euros (tirando por baixo e sen contar o custo de impresión e publicación deste material en formato libro). Convida a reflexionar que, aínda así, a nosa trasfega saíse máis barata que a colocación dos sinaladores e paneis “informativos” dos petróglifos de Pedre (catro anos despois da súa descuberta e cheos de incorreccións) e a colocación e pronta retirada dos sinaladores do “Complejo romano”, derradeiro desatino da alcaldía cerdedense. De todo isto se deduce que en Capitán Gosende non vivimos disto, senón que vivimos para isto. Vai polas ánimas.
Seguimos. A montaxe do libro e os debuxos ao natural estiveron ao coidado dos artistas plásticos Ana Santiso e Nando Vázquez que fixeron un oco nas súas múltiples ocupacións para requintar estas páxinas co seu bo facer e coa calidade e a beleza dos seus gráficos. No verán de 2017, a propia Ana Santiso colaboraría no pintado dun mural (500 m2) para enfeite da parede norte do Pavillón Polideportivo de Bouzas (Vigo). O mural, inspirado na temática dos petróglifos da Laxa das Filloeiras, da Laxa da Romaxe (Pedre), da Serpe do Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo)..., é un agarimoso tributo a Capitán Gosende e á arte rupestre de Cerdedo. Eu, Calros Solla, encargueime da redacción e tentei, na medida das miñas posibilidades, guiar a embarcación nesta venturosa singradura. Se mo permiten, non quero disimular o meu contento por bater con 32 dos 39 gravados rupestres arrecunchados naqueles predios.
Amais dos nomes xa citados, cuadrícula a cuadrícula do topográfico, aturando a friaxe ou o calmizo, a chuvia e a xeada, as madrugas e as trasnoitadas, molladuras e insolacións, sempre de xeito entusiasta e desinteresado, as tarefas de busca e reprodución a escala contaron coa inestimábel axuda de Anjo Torres, João Bieites (que tamén nos agasallou cos seus debuxos e composicións), Nacho Grande, Manuel Fortes, Pedro Peón e Alba e Xanma da Revolta. Anjo Torres, Xanma da Revolta, Pedro Peón, Juan Soto e o neno Cobe Peleteiro tamén saborearon os meles da descuberta. Nomear un a un os acompañantes esporádicos requiriría doutro libro coma este. A todas e a todos, moitas grazas.
En ausencia de zoomorfos, antropomorfos ou armas, escusamos abordar en detalle a interpretación dos gravados rupestres de Cerdedo. Agás o extraordinario serpentiforme achado no Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo), de trazo naturalista, os motivos representados nos petróglifos cerdedenses son xeométricos ou abstractos (puntos, coviñas, óvalos, círculos concéntricos, labirintos, cruciformes, reticulados, espirais...), é dicir, todos eles indescifrábeis ou inescrutábeis. Abofé, o seu cripticismo é o que os fai tan atractivos aos nosos ollos. Somos coñecedores das moitas e variadas teorías que se argüen ao respecto (asterismos, mapas cósmicos, calendarios solares ou astrais, planos da contorna, mananciais ou correntes de auga, canles enerxéticas, recreación de formas naturais, cultos litolátricos, iconografías sagradas, efectos ópticos, soños ou alucinacións inducidas...). Quedamos con todas e con ningunha. (Cotéxese con: “No todos los petroglifos son obra del hombre, también los crea la geología”, La Voz de Galicia (21-8-2017)).
En Cerdedo, o elemento máis abondoso é a coviña, de diámetro e profundidade variábeis (a antigüidade e a erosión tamén xogaron o seu papel). 16 dos 41 petróglifos cerdedenses compóñense unicamente de coviñas. O petróglifo da Fonte Mosqueira (Chamadoira-Cerdedo) presenta estas concavidades talladas en posición vertical. Nalgúns gravados, probabelmente por efecto da erosión, vense parellas de coviñas unidas por unha canle (tipo “bacilo”). Non obstante, no eido das fossettes, Cerdedo achega un motivo orixinal ao grupo galaico da arte rupestre: a “filloeira”.
No ano 2012, arrincadeira deste traballo, atopei no monte de Pedre o sitio arqueolóxico que nomeamos Os Castelos-Laxa das Filloeiras e, en concreto, o gravado rupestre Laxa das Filloeiras II. Este petróglifo componse dunhas 61 concavidades, 30 das cales, segundo expuxemos, por mor do seu maior diámetro (até os 23 cm), escasa profundidade e fondo plano, semellan o molde tradicional empregado para elaborar as filloas, características que inspiraron o nome. O petróglifo Laxa das Filloeiras II é, dende logo, rara avis, no contexto inscultórico galego e atlántico.
Alén das coviñas, presentes en maior ou menor número en todos os gravados prehistóricos de Cerdedo (excepto Monte de Baixo III (Limeres-Cerdedo)), outro motivo recorrente son os círculos concéntricos que, combinados con cazoletas, acadan o seu súmmum nas lombas de Pedre, xa no gravado rupestre da Laxa das Filloeiras I (combinación circular de 5 voltas e 164 cm de diámetro) xa no da Laxa da Romaxe II (unha das combinacións circulares acada as 8 voltas e os 112 cm de diámetro).
Arrequecendo o concepto de atracción turística, os petróglifos de Cerdedo axudan a configurar paisaxes rupestres de gran beleza, xa polos motivos representados (obra do ser humano) xa polo lugar escolleito para a súa representación (obra da natureza). Os penedos que chamaron a atención da humanidade de hai 4.500 anos seguen cativando a humanidade de hoxe en día. Bardante o petróglifo da Veiga da Pedra (ou da Veiga do Chao), sito, consonte o topónimo, nunha chaira de Tomonde, os gravados rupestres aparecen en lugares prominentes respecto á contorna e a escasa distancia (menos de 1 km) dos poboados actuais. O devandito petróglifo da Veiga da Pedra (Tomonde) e o do Outeiro de Riba (Biduído) intégranse nas respectivas aldeas.
Ao fío da paisaxe arqueolóxica, cómpre salientar os monumentais santuarios rupestres da Laxa das Filloeiras-Os Castelos (Pedre) ou da Laxa do Almanaque-Outeiro de Chamadoira (Chamadoira-Cerdedo), petróglifos enmarcados en contextos rochosos sobranceiros e primorosamente diaclasados. Con certeza, as bacías e desaugadoiros naturais que adoito coroan os cimos dos penedos servíronlles aos artistas prehistóricos de fonte de inspiración (v. gr.: Outeiro Rachado (Figueiroa)). O Outeiro das Coenlleiras (Carballás-Cerdedo), rochedo preeminente, soporta as combinacións circulares do petróglifo de Carballás (644 m de altitude). Así mesmo, destacamos os petróglifos do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), da Laxa da Romaxe I (Pedre) ou do Outeiro Rachado (Figueiroa), labrados en afloramentos graníticos de fasquía singular.
O petróglifo do Coto Laceiras (Figueiroa) atopouse na cota máis alta (722 m de altitude); o petróglifo da Granxa do Hospital (Fondós-Quireza), sen contradicir o topónimo, sitúase na cota máis baixa (396 m de altitude). Ao respecto, nos arquivos de Patrimonio figura o petróglifo do Outeiro do Coto, na estrema dos concellos de Cerdedo e Forcarei e situado a 1.014 m de altitude.
Na Laxa do Almanaque (Chamadoira-Cerdedo) contemplamos a adaptación da inscultura (aliñamento de coviñas) á morfoloxía da pedra (canles, gretas e beirados). O petróglifo do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa) ofrécenos o motivo pouco común das combinacións circulares fusionadas (segundo os arqueólogos de Patrimonio, “de tipo ‘castañuela’”). No petróglifo da Granxa do Hospital (Fondós-Quireza) apreciamos un bo exemplo de “protolabirinto” (labirintoide), é dicir, a transición dos círculos concéntricos ao dédalo.
Os gravados da Lomba de Castrodiz, do Outeiro do Mestre, do Alto do Monte III (Deán-Figueiroa) e de Vilarchán (Quireza) observan o picouto de Castrodiz como fito orográfico de referencia. Os gravados da Fonte Mosqueira, Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo) e Cerqueira (Biduído-Cerdedo), nas lombas do monte Costoa, asómanse ao fondal do río do Seixo. Como contrapunto, o petróglifo da Veiga da Pedra (Tomonde), monumento histórico-artístico (1974), ocúltase no interior dun pendello.
Aconsellamos os amadores da arte prehistórica que, para recrearse na contemplación dos petróglifos cerdedenses, ou se vallan das páxinas deste libro (nalgúns casos, o acceso aos lugares arqueolóxicos reviste dificultade) ou escollan as horas do solpor ou a visita nocturna (provistos de lanternas), evitando sempre o contacto directo cos paneis inscritos.
Estimamos desaxeitada a instalación de varandas, pasarelas ou paneis ao pé das estacións rupestres por consideralos elementos alterativos da paisaxe. Carentes de vixilancia, estas intervencións son obxecto do vandalismo e, carentes de mantemento e por mor das condicións meteorolóxicas do país, suxeitos a unha existencia efémera. Recomendamos a pronta catalogación dos novos achados para establecer o pertinente perímetro de protección e a roza frecuente dos arredores tanto para favorecer a súa visita coma para mantelos afastados do lume.
Datados, grosso modo, no período Calcolítico-Idade do Bronce (do III ao II milenio a. C.), a meirande parte dos gravados rupestres de Cerdedo deixan translucir a súa antigüidade por mor dos motivos representados (inexistencia ou escaseza de animais ou armas), a súa execución (simplicidade) e o seu alto grao de desgaste. Con todas as reservas, a idade media que lles atribuímos é duns 4.500 anos. Non debemos obviar que un bo número de estacións petroglíficas chegaron aos nosos días a pesar da extracción de material (ás veces, selectiva; ás veces, interrompida) efectuada por canteiros ao longo dos séculos (v. gr.: Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo), Outeiro Rachado (Figueiroa) ou Granxa do Hospital (Fondós-Quireza)). Tampouco debemos esquecer os efectos da intensiva e ininterrompida actividade agrícola-forestal. Malia serén datados no alborecer da metalurxia, todos os petróglifos cerdedenses foron tallados, pedra contra pedra, en granito (gran fino e groso). O/a artífice (chamán ou druída) do gravado da Laxa das Filloeiras II (Pedre) aproveitou con habelencia a dupla natureza do soporte. Os petróglifos descubertos nas estremas da Estrada e Forcarei (Outeiro da Pena, Vieiro ou Laxa das Buratas) confiaron a súa perdurabilidade ás rochas metamórficas e filonianas.
A falta (ou escaseza) da temática naturalista, que acada cotas de perfección no treito medio e baixo do río Lérez, e a abundancia de coviñas insisten nunha cronoloxía recuada. Así e todo, cremos que, situados no mesmo contexto espacial, o grupo de coviñas do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo) antecede no tempo ao grupo da Cerqueira (Biduído-Cerdedo). Probabelmente, o gravado prehistórico máis “moderno”, tamén o máis complexo, sexa o da Laxa da Romaxe II (Pedre), malia amosar un grao avanzado de luimento na sección central da lastra en contraste coa superficie marxinal. Como acontece en Laxa das Filloeiras I e II, o conxunto quizais atenda a distintas cronoloxías (no tocante a Filloeiras: primeiramente, as coviñas; despois, os círculos concéntricos que as acoutan (no mamilón); finalmente, as filloeiras). Os cruciformes da Laxa da Romaxe I poden datarse en época paleocristiá. As supostas armas representadas na Laxa da Veiga da Pedra (Tomonde) demandan dos expertos unha análise en profundidade. Coidamos que, por exemplo, as “castañolas” do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa), o labirintoide da Granxa do Hospital (Fondós-Quireza) ou as combinacións circulares de Carballás (Cerdedo) e Lomba de Castrodiz (Deán-Figueiroa) suceden no tempo a outras temáticas máis simples (v. gr.: os agrupamento de coviñas). Os gravados da Laxa do Castro (Arén-Cerdedo), os do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo) e os cruciformes do Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio-Pedre) son, ben seguro, medievais ou modernos (riscados con útiles de ferro). Localizado no concello de Forcarei, o gravado rupestre da Mámoa Grande (monte do Seixo-Presqueiras, 970 m de alt.), labrado nun ortostato do túmulo, remóntanos ao Neolítico (uns 6.000 anos de antigüidade).
O serpentiforme de Limeres descuberto en 2017, datábel na Idade do Bronce ou na do Ferro (de 3.000 a 2.000 anos de antigüidade), é o único exemplo de zoomorfo. O gravado ilustra a lenda da Moura-serpe que asubía polos homes, recollida no lugar de Limeres e xa rexistrada na Carta arqueolóxica de 2009.
Seguindo coa mitoloxía, amentamos o penedo inscrito da Veiga do Chao (despois, Veiga da Pedra), empregado até hai pouco (antes da súa ocultación) polos veciños de Tomonde como escenario ritual do seu entroido ou dos festexos propiciadores da colleita (espantallos de voda: vodas do Bousán e a Bousana ou do Vello e a Vella).
O penouco do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo) evoca a serpe mítica homónima, monstro acuático que, segundo se di, vela un tesouro afundido no pozo Sangoento, pego do río do Seixo.
O cruciforme (histórico) da Laxa do Castro (Arén-Cerdedo) vencéllase á lenda das “tres minas” do castro de Arén (unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén que é a que garda as outras tamén), habitación da mourindade.
O gravado (histórico) atopado ao pé do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), amais de representar o despece esencial do aparello (moas, rodicios...), compleméntase coa simboloxía de protección e favorecemento da moenda.
Pese a que existe bibliografía (De la Riega, L.: El río Lérez, 1892) sobre o gravado rupestre (alfabetiformes?) da Torre dos Mouros (Cerdedo), non fomos quen de dar con el. A súa segura desaparición está relacionada coa construción da levada do encoro hidroeléctrico do Pego, no río Lérez. A colosal peneda da Torre dos Mouros está relacionada, no lendario, coa hoste da raíña moura dona Ghurina e o feroz combate librado naquela foz contra o apóstolo Santiago.
Unha crenza estendida é a de que nas bacías obradas nas pedras polos axentes erosivos, os mouros (antepasados míticos) ou ben arrolan as súas crianzas, ou ben se asean ou ben poñen o seu ouro a asollar.
No tocante á autoría dos petróglifos, moitos dos meus informantes atribúenllela aos celtas, romanos, exipcios (tamén, aos devanditos mouros), ou a uns homes pequenos que vivían debaixo da terra e que traballaban moi ben a pedra, entendendo este “traballo” como a orixe dos gravados rupestres así como a dos amoreamentos, desprendementos, pías, desaugadoiros e gretas (diaclasas), característicos dos afloramentos graníticos. N’O código da vincha (2012) anotei tamén a querenza do raio (ou da “chispa”) por facer garabatos nos laxeiros e mesmo a cisma dun veciño de Quireza que, empuñando o sacho de cristas, encheu de sinais os pedregais da parroquia.
Imos rematando. O libro O legado dos homes pequenos, que Edicións Morgante tivo a deferencia de editar, non é froito de especialistas na materia, senón paixón de afeccionados. A nosa filia non se limita á materia arqueolóxica. Acometer un traballo destas características finca a súa razón de ser na querenza dun país asumido por enteiro: a súa paisaxe, a súa historia e a súa cultura milenarias. Só dende o amor incondicional polo noso se puido investir tanto esforzo, tanto tempo e diñeiro na súa consumación. De calquera xeito, coma sempre, as críticas serán aceptadas con humildade.
Escrito queda. Non hai mellor xeito de celebrar o noso quinto aniversario (o colectivo Capitán Gosende botou a andar o 1 de abril de 2012). Mesmo así, coñecedores da caste política que nos tocou en sorte neste noso territorio de actuación, atrevémonos a dicir que existen tres clases de persoas: as que ven, as que ven cando se lles mostra e aquelas que non ven (Leonardo da Vinci dixit).
Pola nosa banda, quen busca atopa.