No Antigo Réxime, o fito deslindaba as xurisdicións de Montes, Deza e Orcellón, pertencentes ás dioceses de Compostela, Lugo e Ourense respectivamente.
Calros Solla
Ás 8 da mañá do 23 de xullo de 1940 déuselles principio ás operacións de recoñecemento da liña de deslinde e sinalización dos mollóns comúns aos termos municipais de Beariz, Boborás e O Irixo, pertencentes todos tres á provincia de Ourense. O único chanteiro demarcativo no que converxían (e converxen) os tres concellos era o chamado Marco das Tres Mitras, fincado –e non de cadradela– na aldea das Antas. Esta operación do ano 1940 emulaba a desenvolvida seis anos antes: o 29 de agosto de 1934.
No “Nomeclator” (servizo da web da Xunta da Galiza) rexístrase o topónimo “As Antas” nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo. O mesmo topónimo e lugar rexistrado para os tres concellos, como corresponde a un fito de deslinde inmemorial. Ignoramos o número de “antas” (dúas ou máis) ás que fai referencia o chamadeiro. “Anta”, monumento megalítico: pedrafita, menhir; ou tamén, ortóstatos visíbeis dunha mámoa ou de varias.
No meu asiduo transitar pola N-541 ou estrada de Ourense, así que deixaba atrás o lugar da Ermida (Lebozán), agardaba ansioso a aparición do sinal de localización do lugar das Antas. Como afeccionado á onomástica e á antropoloxía, devecía por comprobar o resultado dunha vella porfía toponímica: “As Antas/As Santas”. Os reiterados repintes dos que era obxecto o sinal de ao pé do vial evidenciaban que non había acordo na veciñanza e que tal desavinza tiña fonda raizame. Ora “Antas”, ora “Santas”. Non poñemos en dúbida a calidade moral atinxida por algunhas das naturais (ou por todas), mais debemos desbotar a solución haxiotoponímica. O topónimo As Antas evoca a existencia de monumentos megalíticos, empregados, sen dúbida, con fins demarcativos. O Marco das Tres Mitras, localizado no lugar das Antas e datado no século XV, viría reforzar esta condición de poboado fronteirizo.
O 23 de xullo de 1940, as comisións municipais de Beariz e O Irixo percorreron as estremas dende primeira hora da mañá, acompañadas polo topógrafo axudante 2º de Xeografía Juan Lario Tobarra que fora nomeado polo enxeñeiro xefe da sétima brigada topográfica da provincia de Ourense. O observador valeuse para os seus cálculos dunha búsola Breithaupt de fabricación alemá. Estas operacións incluíanse nos traballos topográficos que o Instituto Xeográfico e Catastral estaba desenvolvendo para darlle cumprimento nesa provincia ao que dispuña a lei de 30 de setembro de 1870 e de 23 de marzo de 1906, para a publicación do Mapa sobre formación do Catastro parcelario en España.
Concorreron ao acto en representación do concello de Beariz: o alcalde Augusto López Durán, os xestores Xosé Barros Táboas e Manuel Barros Taboada, o secretario Ramito Pérez Álvarez e o perito Benito Lamas Gulías. Pola banda do Irixo, asistiron: o alcalde Xosé Fernández González, os xestores Adolfo Villanueva Cerdeira e Manuel Duro Peña, o secretario Ramiro Pérez Álvarez e o perito Francisco Prado Gulías. Ás 6 da tarde dese mesmo día, sumóuselles a comisión do concello de Boborás integrada polo alcalde Xoaquín Redón, os xestores Samuel Pérez e Luís Diz García, o secretario Francisco Paradela e o perito Rudesindo Lorenzo.
A consulta das actas e cadernos atinentes a estes traballos animounos a facer fincapé nun dos fitos estremeiros −pedra fincada− máis relevantes da histórica comarca de Montes e do Antigo Reino da Galiza. Falamos do “Marco das Tres Mitras”, tamén chamado “Mesa dos (Tres) Bispos”. Hogano, tres son os concellos afectados: Beariz, Boborás e O Irixo (aínda que dúas, as parroquias: Lebozán (Santa Cruz) e O Regueiro (San Pedro)). E antano, tres as dioceses e provincias que fixeron converxer as súas derregas neste chantón: Santiago, Ourense e Lugo. Como dixen, o topónimo “Antas” redunda no emprego dos sitios arqueolóxicos como marcas de deslinde.
Na actualidade, a parroquia de Lebozán (concello de Beariz) e a parroquia do Regueiro (concellos de Boborás e o Irixo) pertencen ao arciprestado do Carballiño, diocese de Ourense (provincia de Ourense).
No Antigo Réxime (sécs. XVI-XVIII), a Terra do Carballiño atinxía 19 xurisdicións, sendo Orcellón e Montes dous dos territorios máis extensos. A parroquia de Lebozán (Beariz) pertencía ao arciprestado/xurisdición de Montes e á diocese de Compostela (provincia de Santiago). A actual parroquia do Regueiro (distribuída nos concellos de Boborás e O Irixo) asumiu lugares e predios da parroquia de Moreiras (pertencente á xurisdición do Orcellón, diocese de Ourense e provincia de Ourense) e mais lugares e predios da parroquia da Espiñeira (pertencente á xurisdición de Deza, diocese de Lugo e provincia de Lugo). Confróntese con: Río Barja, F. X.: Cartografía xurisdicional de Galicia no século XVIII (1990).
Na operación do ano 40, o Marco das Tres Mitras identificouse como “Mojón cuatro”. Segundo lemos na acta, a descrición deste mollón é copia literal do redactado o día 29 de agosto de 1934. Seis anos antes, o Instituto Xeográfico xa promovera o recoñecemento e sinalización dos mollóns comúns os termos municipais de Beariz e Boborás e levantara acta. Na operación do ano 34, o Marco das Tres Mitras identificouse como “Primer mojón”. Velaquí o texto redactado daquela polo topógrafo Juan Pablo Sancho Zaro e contido en ambas as dúas actas:
Se reconoció como tal, un hito pizarroso que afecta la forma de un paralepípedo recto rectangular cuyas dimensiones son: cuarenta centímetros de longitud por diez y seis de latitud en su base y noventa centímetros de altura. Tiene grabadas una S. y una O. en la cara E. además de otros signos indescifrables. Este mojón, conocido con el nombre de “Marco de las Tres Mitras”, se encuentra en el lugar de “Las Santas” [As Antas] y en un campo de maíz propiedad de doña Rosa López Lorenzo, vecina de Beariz. Desde este mojón se ve al N. el monte “Coco” y al S.O. el monte “Marcotín” [Marcofán]. Es común este mojón a los términos municipales de Beariz, de Boborás y de Irijo [O Irixo], pertenecientes todos a la provincia de Orense [Ourense].
Acta de 29 de agosto de 1934.
Na operación desenvolvida o 29 de agosto de 1934 non participaron as comisións dos concellos de Boborás e O Irixo. En representación do concello de Beariz acudiu o alcalde Manuel Otero Pérez, os concelleiros Xosé Táboas Pérez, Benito Pérez Lorenzo e Vicente Lamas Muradás, o secretario Ramiro Pérez Álvarez e o perito práctico Ramiro Gulías Gulías. O topógrafo e a comisión do concello de Beariz agardaron unha hora polas respectivas de Boborás e O Irixo que non se presentaron. Por tal, os labores comezaron ás 10 da mañá. Naquela altura, o prezo establecido para fixar un dos dez primeiros mollóns era de 3 pesetas.
Sol e moscas, o 20 de xullo de 2019 achegámonos á aldea das Antas (compartida polos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo). No visor da web “Información Xeográfica de Galicia”, o punto de intersección dos ditos tres concellos e dúas parroquias (Santa Cruz e San Pedro) sitúase (aprox.) nas seguintes coordenadas.- X: 561.700; Y: 4.706.090. Nesa converxencia agardabamos atopar o Marco das Tres Mitras: nunha leira particular, sita a carón da estrada vella de Ourense (antigo camiño real) ao seu paso polo poboado das Antas e nun punto intermedio (aínda hoxe sen edificar) entre os lugares das Antas e O Regueiro. A observación da fotografía do “Voo Americano 1956-7” é esclarecedora. O documento gráfico tamén fai evidente o desenvolvemento urbanístico do núcleo do Regueiro (Boborás) acontecido a posteriori e baseado mormente no investimento do capital obtido na América polos emigrantes locais.
Hoxendía, o Marco das Tres Mitras fíncase na parroquia de Lebozán, á beira esquerda da N-541, sentido Ourense (coordenadas.- X: 561.699; Y: 4.706.073), uns 15 m cara ao sur do vértice interparroquial. O sitio arqueolóxico foi obxecto de intervención por parte da Xunta en 2017: limpeza da parcela onde se localiza o marco, a escavación arqueolóxica da contorna, unha sondaxe arqueolóxica co fin de localizar outros posibles restos que formarían parte do conxunto da Mesa dos Bispos, a limpeza do propio marco, unha diagnose do seu estado de conservación, o asentamento da base do marco mediante reenchido de area e grava ata acadar a cota actual e a colocación duns madeiros para delimitar o contorno. Finalmente colocouse un cartel explicativo.
Todo ben, agás o “cartel explicativo” que está errado, pois non se avén á boa orientación do marco. Na face oeste do chanto lese a inscrición “M / STO” (arciprestado de Montes / diocese de Santiago). Na face norte lese “d / L” (arciprestado de Deza / diocese de Lugo). Na face leste lese “O / ORS” (arciprestado de Orcellón / diocese de Ourense). Cando en 1934, o topógrafo Juan Pablo Sancho Zaro anotou: Tiene grabadas una S. y una O. en la cara E. además de otros signos indescifrables, ben seguro se estaba a referir ao “S” e ao “O” de Ourense. Abofé, o mofo e a carriza adheridos ao vargo impedíronlle ser máis preciso. A fotografía antiga (b/n) que ilustra o panel tamén testemuña a desaparición dunha das pezas de pedra que formaba o mollón. A denominación “Mesa dos Bispos” evocaría un trilito.
A localización nese punto do chamado Marco das Tres Mitras non cadra coa información ofrecida pola web Cartografía digital de Galicia en 1753 que, mediado o século XVIII, sinala máis ao norte (a uns 4 km) a intersección das tres xurisdicións pertencentes a cadansúa diocese. Todo cambia, nada permanece.
O Marco das Tres Mitras localízase a uns 12 km ao nordés da pedrafita do Marco do Vento (monte do Seixo), outro dos chantóns demarcativos máis relevantes da comarca de Montes, pois, os cruciformes tallados nas súas faces norte e leste non derregan concellos, parroquias nin xurisdicións. A presenza, a escasa distancia, do Marco das Tres Mitras, reforzaría o inveterado carácter fronteirizo daquel territorio ou comarca. Montes/Meta, a montaña que, quizais, en tempos de celtas e romanos, estableceu a fronteira entre a Gallaecia lucense e a bracarense.