Calros Solla
Os de Capitán Gosende visitamos o lugar o día 28. O Topográfico rexistra naquela ladeira do monte comunal do Serrapio (Pedre) o topónimo Daquelcabo, polo que, para facilitar a súa localización, decidimos empregalo na súa denominación rexistral: “petróglifo de Daquelcabo” (coordenadas.- X: 546.430; Y: 4.709.798; alt. 417 m). Segundo o visor do Iet, a rocha insculturada sitúase a uns 250 m, cara ao sueste, do linde coa parroquia de Castro; a uns 15 m, ao sudoeste, dunha pista forestal; a uns 390 m, ao leste, do leito do río Quireza, tributario do Lérez; e a uns 630 m, ao oeste, do coto do outeiro (536 m).
O petróglifo de Daquelcabo está composto por signos riscados en época prehistórica e histórica. A meirande parte dos riscos ocupan a superficie dun mamilón de granito (gran groso) que avulta no laxeiro circunstante. O gravado prehistórico constitúese de 17 coviñas, 14 das cales se espallan pola prominencia granítica. 3 coviñas riscáronse na laxa, a uns 3’30 m de distancia do mamilón. O gravado histórico está formado por 18 cruciformes e dúas figuras triangulares, repartíndose polo mamilón do seguinte xeito: 13 cruciformes foron tallados na caída leste, 3 cruciformes na caída sur e 2 cruciformes e dous triángulos na oeste. Entre os cruciformes orientados cara ao leste, distinguimos algúns pometados, outros con pedestal e outros concatenados. 1 dos cruciformes orientados cara ao sur presenta pedestal e brazos semellantes á base. 1 dos cruciformes orientados cara ao oeste ten calvario. Na caída oeste tamén se tallaron dous triángulos isósceles. Unha das figuras oriéntase cara ao leste e a outra cara ao oeste. As coviñas e os cruciformes posúen tamaños diversos.
O mamilón ten 6 m de longo, 3 m de largo e uns 70 cm de altura. Presenta signos evidentes de erosión e está cuberto dunha lixeira capa de carriza. As insculturas mostran todas elas os seus trazos luídos. Con certeza, o paso do tempo esvaeu moitas outras que, hogano, apenas se intúen. O suco dos cruciformes ten o val en “u” e non en “v”, polo que ben se poden datar en época medieval.
A estación petroglífica vese contornada por unha repoboación nova de piñeiro e matogueira baixa (toxo).
No ano 1897, o lugar do Serrapio segregouse da parroquia de Santo Isidro (Campo Lameiro), incorporándose á de Pedre (Cerdedo). O petróglifo de Daquelcabo é un gravado rupestre prehistórico (coviñas) que foi acrecentado (cruciformes) en época histórica (quizais, na Idade Media), para empregalo como gravado de termo, como punto de referencia. Esta inscultura foi, sen dúbida, o marco oriental da parroquia de Santo Isidro.
O petróglifo de Daquelcabo fai o número 60 dos inventariados no territorio de Cerdedo, e o número 10 dos correspondentes á parroquia de Pedre.
Rematamos o noso informe, felicitando de novo a Xurxo Outeiro pola descuberta e agradecéndolle a deferencia de nos ter informado.