Historia da represión franquista e da resistencia contra ela na provincia de Pontevedra, e sinaladamente no concello da Estrada
Nesta nova obra, amplía o territorio estudado a toda a provincia e o espazo temporal ata principios da década de 1950.O libro analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado «primeiro franquismo». A represión empregada contra a oposición política, a represión económica, a sufrida polas mulleres e a efectuada contra a masonería teñen un tratamento especial. Por outro lado, afóndase nas formas, composición e actuacións da resistencia contra o Réxime, tanto a través das organizacións políticas clandestinas como dos distintos grupos da guerrilla, así como as estratexias empregadas polas autoridades franquistas para combatelas. Adoptando un tratamento crítico e rigoroso das variadas fontes documentais que o autor emprega, o libro presenta un enfoque didáctico e divulgativo.
Compre subliñar a gran presenza nesta investigación de información relativa ao concello da Estrada e á nosa Comarca de Tabeirós-Terra de Montes.
Este acto enmárcase na conmemoración do asasinato de 6 demócratas na Ponte do Regueiro, na Estrada, o 9 de outubro de 1936. Polo cal, ademais, publicaremos todos os días nas redes sociais información sobre aqueles feitos e quen foron estas vítimas do franquismo. #outubrodamemoria