Manuel Barros
Os últimos emigrantes estradenses en Cuba.
Manuela Rey Ortiz,(17-03-1942) Santa Cristina de Vinseiro.Xornalista. Xubilada. José María Teo Barcala. (20-12-1932) San Xiao de Vexa. Mecánico. Xubilado. Mantense laboralmente activo.
Coas palabras da presidenta Gódula Rodríguez deu inicio a festa. A titular destacou nelas as liñas fundamentais do traballo realizado pola Xunta Directiva no primeiro semestre do ano: “Fortalecemento do traballo social, divulgación da historia pasada e presente da entidade, e apoio ao grupo de danza que apadriñamos en todas as súas actividades”. Así mesmo, deu a coñecer as actividades programadas para o segundo semestre do actual ano: “Celebración do 25 de xullo na Praza de Galiza, acto organizado polas sociedades comarcais no que a nosa sociedade presentará unha mostra fotográfica; o terceiro evento literario “Encontro coas nosas raíces” (novembro); actividades polo 500º aniversario da Habana (novembro); o Día do Emigrante (decembro).
Galardóns
Durante o acto entregouse o Diploma de Socio de Honra aos emigrantes Manuela Rey Ortiz e José María Teo Barcala e con carácter póstumo ao asociado José Martínez Carou. Así mesmo, recibiron o título de Socio de Mérito: Hilda Vila Sáinz Varanda, Mercedes Martínez Alarcón, Silvia Vinceiro Arias e Mª Mercedes Blanco Pineda, esta última “por ser a primeira muller en ocupar a Secretaría da Sociedade (2000-2004) desempeñando con éxito as súas funcións e mantendo en todo momento unha destacada participación”.
A pincelada cultural contou coas actuacións do grupo de danza apadriñado pola Sociedade que dirixe a profesora e coreógrafa Dunia Machado Ginorio e o cantante Ernesto Roel, concluíndo a actividade cunha merenda-buffet.
Historia
Hijos do Concello da Estrada fundouse na Habana o 4 de xuño de 1915 e conta actualmente con 309 asociados, dos cales 2 son naturais da Estrada, 3 doutras comunidades de España e 102 descendentes directos con nacionalidade española, tendo 60 anos ou máis o 56% dos asociados. O Executivo Social está integrado por Gódula C. Rodríguez Señarís, como presidenta; Leonardo Barros Blanco, vicepresidente; Alejandro Gil Vinceiro, secretario, e Dores Torres Pérez, tesoureira. O próximo ano esta sociedade cumprirá 105 anos, sendo a máis antiga das fundadas pola emigración estradense fora do Estado Español.