En Cerdedo, os globos voadores son unha antiga tradición, perdida e esquecida, que acadaba a súa máxima expresión co gallo da festividade do San Xosé
Calros Solla
As obras de Varela Buela e de Gómez Tato verán a luz nas vindeiras semanas (volumes 21 e 22 da Colección Cerdedo in the Voyager) no selo de Edicións Morgante. Vinte e cinco anos de quefacer investigador en terra de Cerdedo deron como resultado a elaboración e publicación de vinte e dous volumes, nos que o territorio cerdedés, aberto en canal, foi escudriñado no eido da etnografía, a onomástica, a poesía, a literatura popular, a lingua, o vervo xido, a historia, a memoria histórica, a mitoloxía, a arqueoloxía, o patrimonio material e inmaterial, a crítica literaria...
En calquera outro lugar, o rescate de dous escritores esquecidos sería motivo de ledicia e expectación, agás en Cerdedo, onde o único noticiábel é o monótono pasar dos días. Coma sempre, vai polas ánimas.
As obras de Gómez Tato e de Varela Buela son un retrato nostálxico do Cerdedo de comezos da vixésima centuria. Santiago Gómez Tato naceu cara ao ano 1900 (probabelmente, en 1899), chegando a Cerdedo na máis tenra infancia. Emigrou a Arxentina en 1920. Xosé Varela Buela naceu en Cerdedo o 6 de agosto de 1893 e puxo rumbo ao Cono Sur en 1914. A proximidade do servizo militar impeleu abofé a marcha de ambos os dous mozos. Máis alá da súa relevancia literaria, tanto Da terra meiga e Céltiga coma O mestre de Quiroza posúen a condición de tesouros etnográficos. Nas súas páxinas atópanse fosilizados dicires e faceres, costumes e tradicións do Cerdedo de entre dous séculos. Entre as pretéritas tradicións déixase constancia do voar de globos de aire quente como atracción nos días de festa.
No tocante aos globos voadores, durante as tarefas de edición da obra de Gómez Tato, anotei que os festivos aeróstatos se amentaban dúas veces nos relatos de Da terra meiga:
- 1.- Na narración titulada “San Bieito”, páxina 51 da nosa edición, lemos:
- 2.- Na narración titulada “O matón”, páxinas 62-3 da nosa edición, lemos:
Gómez Tato localiza o relato “San Bieito” na parroquia de Arantón, no concello coruñés de Santa Comba. Porén, mesturando lembranzas, coidamos que, para a ocasión, o autor se valeu das experiencias vividas na romaxe do San Bieito de Pardesoa (Forcarei), cuxa festividade cae no 11 de xullo. O padroeiro da parroquia de Arantón (Santa Comba) é o san Vicenzo. Malia figurar Santiago como padroeiro da parroquia de Pardesoa, é o san Bieito –ou a verbena na súa honra– os que, dende sempre, espertaron unha devoción meirande. Na comarca, o san Bieito de Pardesoa ten sona de milagreiro. Gómez Tato sitúa a narración na amálgama de dous espazos autobiográficos: as comarcas de Montes e do Xallas. Cando escribe “Salvando traballosamente a abrupta e alta montaña do Seixo”, fai referencia ao monte do Seixo, un dos cumes da Terra de Montes. De Cerdedo a Pardesoa, os romeiros atallaban polo camiño montés que atravesa as aldeas de Carballás (Cerdedo) e a Devesa de Riba (Forcarei). Cando fai referencia á rivalidade entre a mocidade da Santa Sabiña e a de Santa María de Ser, emprega localizacións combesas, mais, con certeza, rememora a fama de conflitivos que tiñan os bailes de Pardesoa a comezos do século pasado (léase, verbi gratia: La Correspondencia Gallega, 5-3-1900). Cómpre aclarar que o patrón de Ser é o san Pedro. Finalmente, a igrexa de Arantón loce muros encalados e torre-campanario, mentres que a de Pardesoa ten a pedra á vista e pendura as campás dunha espadana.
No relato “San Bieito” tamén fai acto de presenza Manuel Cerdeira, “o vello Cerdeira”, famoso gaiteiro de Cerdedo por quen Gómez Tato sentía grande admiración, póndoo no pedestal do máis grande gaiteiro da Terra de Montes.
Ao respecto do relato titulado “O matón” (alcumado Pau de Ferro), o autor sitúa a acción nun espazo ficcional delimitado polos topónimos cerdedeses Limeres (parroquia de Cerdedo) ou Folgoso (parroquia cerdedesa).
Pola súa banda, na novela O mestre de Quiroza, Xosé Varela Buela menciona os globos voadores na páxina 86 da nosa edición:
A xente comezaba a retirarse despois de presenciar os fogos artificiais e a ascensión dos globos de papel. Era xa noite, Castro invita a Leonor a bailar, lémbralle a festa do patrón e a viaxe nocturna ata Quiroza.
Nesta pasaxe do capítulo X, o autor contextualiza os amores de Castro Feixó, aspirante a crego, e a moza Leonor no lugar de Cerdedo, durante a celebración do Sagrado Corazón de Xesús, culto promovido polo presbítero Xesús Mª Campos Varela e polo notario Xesús Gómez Veiga, pai do xornalista e escritor Santiago Gómez Tato (El Correo de Galicia, 26-6-1912).
Varela Buela prefiriu empregar o locativo ficticio “Quiroza” no canto de Quireza, unha das oito parroquias do antigo concello de Cerdedo.
Fica pois acreditado que os aeróstatos de papel eran unha realidade no Cerdedo folieiro de comezos do século XX. Así e todo, o documento xornalístico que achego a seguir, amabelmente facilitado polo investigador e amigo Anxo Coia, obríganos a valorar os globos cerdedeses non como mera anécdota senón como categoría. Velaquí, íntegra, a noticia publicada no xornal Faro de Vigo o 27 de marzo de 1907:
Fiestas en Cerdedo
Las fiestas, que el día 19 del actual debían celebrarse en Cerdedo en honor del patriarca san José, han sido trasladadas para el sábado 31 y domingo de Pascua, 1º de abril.
El sábado serán anunciados los festejos a las doce de la mañana por la banda popular.
A la misma hora se elevarán seis globos de doce metros de alto por once de ancho, y multitud de fuegos voladores.
A las cuatro de la tarde comenzarán los bailes populares, amenizados por el afamado gaitero Cerdeira y la banda del pueblo.
Tambiém habrá baile en el Casino.
De diez a once de la noche se quemará bonito y variado fuego de artificio.
En este día y en el siguiente saldrán los gigantes y cabezudos.
El día 1º a las once dará principio en la parroquial la misa mayor.
Terminada ésta saldrá la procesión, en cuyo acompañamiento figurarán el clero, la banda popular, el gaitero Cerdeira y las fuerzas militares.
Si, leron vostedes ben: o sábado 30 de marzo de 1907 (Sábado Santo), as doce do día, media ducia de globos de papel de 12 metros de alto por 11 de ancho (diámetro) sucaron os ceos de Cerdedo. O Domingo de Resurrección caeu o día 31 de marzo. O redactor do xornal trabucou as datas daquela Semana Santa, non obstante, cómpre lembrar que o lanzamento dos globos se vinculaba á festividade do San Xosé (19 de marzo). Nesa altura Varela Buela tiña catorce anos e Gómez Tato andaba nos oito.
Ben seguro, os fogos artificiais elaboráranse no obradoiro da familia Varela, os célebres fogueteiros da Revolta, xa en activo en 1879. Desfilaron pola estrada xeral xigantes e cabezudos. Pastoreaba a parroquia o crego Francisco Vidán García, á sazón arcipreste de Montes. A banda de música (a Banda Popular) estaba dirixida por Constantino Paz. O gaiteiro Cerdeira (“Cerdeira o vello”), natural de Cusanca (O Irixo), mais casado e aveciñado en Cerdedo, volvía ser merecente das máis altas consideracións, polo que, atendendo ao publicado por Gómez Tato e ao reiterado na prensa da época, Manuel Cerdeira (ca. 1840-ca. 1923) era recoñecido, a comezos do século XX, como o mellor gaiteiro da Terra de Montes (léase Faro de Vigo, 1-9-2019). O soutelán Avelino Cachafeiro aínda viría ao mundo en 1899.
O célebre globo de Betanzos, ao coidado da familia Pita dende 1875, é protagonista cadaneiro da festividade do San Roque (16 de agosto). O aeróstato confeccionado polos Pita (16 cuarteiróns de papel de estraza apegados con engrudo de fariña de centeo) posúe na actualidade unhas dimensións de 25 m de alto, 16 m de diámetro e 50 m de circunferencia (120 kg de papel), investíndose uns tres meses na súa elaboración. O aire quente xerado por un lume disposto na boca do globo faino ascender.
Os globos de Cerdedo de 1907 eran, certamente, de menores proporcións ca o de Betanzos (a metade menos), mais, se tomamos os seis aeróstatos en por xunto, en detrimento do san Roque betanceiro, as contas sáenlle favorábeis ao san Xosé cerdedés.
Canto fomos e en que pouquiña cousa nos quedamos.