David Otero
na luz fina dos Vagalumes
nas palabras cristaíñas da nenez e mocidade
no sentir de nós presentes
no disfrute da busca de novos momentos
tremendamente conxugamos o verbo amar
en perfectos tempos de felicidade
así con volos dous
María e Xosé
…e así compartimos
o arume arrecendente
dunha determinada flor xigante a nome propio
de setenta e cinco pétalos acariñados que tanto suman
…flor ela que nos aniña
na amical mornura
tan irmandada
como tan sentida
marabillosamente construída
…e así destas
coidando primorosamente non enrugar os tempos
sen nos dividir nas nosas esperanzas
ben notamos Pintor
como nos escribes
para que todas e todos na lectura
lle deamos voz plural á túa obra orixinal
tan abondosa de frescura
de masa nai de Lingua… forneada na Cultura
…e nela amigo Pintor…
na luz que nos convoca na beleza
tamén vai o “resío” de auga e frío
das terras bravas do medio
e das do mar
todo sen medo
…e vai tamén o colo morno de nai
co mirar atento de pai
e María sempre…!
velaí Xosé con este libro tecen para ti
os nosos corazóns
ti segue a poñerte ghuapo e de bo porte
que a música non para
nin o baile para
nin o aturuxo comunal por celebrarte tampouco para
e todo segue no teu andar de todos os días orientado
con María
tendo moito aínda volos dous… polo que soñar.