Presentación do poemario
David Otero
Amigas e amigos. Antes de nada e na presentación deste libro que hoxe nos trae, quero dar unhas referencias para que se me entenda, ou no seu caso perdoe por non dar no que vostedes teñan en expectativas, que do que diga son unhas notas que expresan a miña lectura ( que sempre será unha lectura e non a lectura).Vostedes de seguro han ter a súa.
As referencias de cómo lemos neste libro, na Lectura, son as que seguen:
ler é máis que descifrar palabras,ler é un exercício do pensamento,
a lectura literal é o grao cero da lectura, ler é o paso do dicir do autor ao sentir e pensar do lector.
Non hai O LECTOR…hai un lector.A lectura vai do plural ao singular e do singular ao plural.A lectura conleva unha maneira de ser, de estar e ver as cousas.A lectura conleva vivir no territorio persoal. A lectura marca a forza das miradas.A lectura conleva unha maneira de contar.
E a iso me refiro eu no que digo. Como lector.Un lector.De momento gozando de liberdade imaxinativa. Sabedor dos sedimentos de lectura. Desta lectura. A deste libro.CEOS DE FERRO.
E así digo…
Trátase dun libro que nace da liberdade de ver, de intuir,de sentir e expresar.Un libro de experiencias. Unhas confesadas.As outras ao escoller da lectora ou do lector.Un libro que adoza a palabra nosa da Lingua e abraza a Cultura. Nada de tópicos.Nin de rutinas.Un libro de ironía como oitavo sentido. Os outros sete son de sobras coñecidos, cinco de sempre aos que engadimos os sentidos do humor, o común e o da ironía. Un libro no que o autor se mira para mirarnos e que o miremos…vendo sempre. Un libro de tres partes que resumen vida. Vida da vida.Vida da vida feita melancolía, mágoa, angustia e desasosego, determinación e plenitude, inseguridade, carencia e soidades. Un libro que busca nos recordos e nas lembranzas, nas vivencias, nas liñas que marcan momentos, tempos, antes e despois.Un libro de versos fundamentais para recuperar.Feitos poemas e feitos amor. Ai…o amor.
Laura Mintegi dinos con claridade:
“ O amor matoume, pero grazas a el estiven viva, estiven vivo, unha vez…antes de morrer”…
” pero todo comezou aquí…” ( séguenos dicindo).
“ …pensaba que o amor era liñal, que ía nunha soa dirección, de máis a menos…da mocidade á madureza….de absoluto a relativo.Soamente despois soubemos, como lle pasa ao poeta SINDO Villamayor, que o amor é retorcido, ten claros e escuros, absorbente, tacaño, xeneroso, exclusivo,envolvente. Está cheo de aristas, caras contrapostas, reaccións que se contradín…” – conclúe Laura Mintegi .
Si…Libro de amor a moitas bandas en tres interaccións de 38 poemas que se abrazan formando grupo de grupos , reflictindo o comunal do creativo en tecer de palabras feitas versos para edificar poemas como portas de liberación da casa grande do noso poeta autor de CEOS DE FERRO.
GRUPO 1. EU, NOBRE BRUTO.
“…o cuarto está ás escuras, as fotografías son tristes…” ( Leonard Cohen).
E así, en confesión, o poeta, nobre bruto, con ollos de parásito, atopa un poema para ela, unha oración, unha estampa.
- … ensíname a ser feliz…-semella rogar.
E o poeta cre no que debuxa a soños pouco redondos, abertos, pois a verdade é pequena comparada coas cousas que aínda lle quedan por facer.
El afirma que hai lugares, certamente, onde os pobres, el incluído, non poden entrar, aínda que se vaia con coroa ata as portas de Viterbo na Italia da que tanto gusta o noso poeta cantor de sombras
E o caos vaise ordeando, roto a roto, a anacos de espello a luz converxente.
Pero o verso xorde no medio de arpas sobrías e daquela o poeta manda:
-… erguede a voz que soñastes e cantade…
-…encamiñaredes o barco que vos levará á cidade…- manifesta.
Nada se move. O silencio manda. Parálise.
- Ollo para ti Xulia infeliz…
E a auga flúe.Márcanse rodeiras de non se sabe.
- “…pero déixame ser o teu xoguete novo…que hai follas que teñen a forma perfecta dun corazón…que os corazóns en contacto…non envellecen” – resumiría atinado Leonard Cohen… este grupo de oito poemas EU…NOBRE BRUTO.
GRUPO II. AS MULLERES E AS AUGAS.
“ …quero perderme entre os teus pensamentos…” ( L. Cohen)
E así no abandono…
Ti e mais eu…Ti
El e ti…Vós.
Ti…nós…Ti.
Que será de ti?
Nós…Ti.
Velaí un afiar de palabras e versos. A pa…que labra…A palabra. O arado sempre disposto.Movemento de respiración.Ausencia de límites.
E viste de negro, roubou…para facer xogo co acibeche.E dinlle desfalco. E rise.
E funciona o verso beat de Ginsberg na liberación sexual.
E dislle
marcha…vaite…vaite…
lévame
si…
para ser nada.
E no poeta premiado na Estrada das letras…
anúnciase no seguro da alianza, pola voz funesta, polas sombras, na rexidez, esquecendo tanto…
e escolle polo preferido.
Faino tal mariñeiro sen barco e sen mar.
Nesa fatalidade distinguida.
“…e teño un privilexio…deume o seu poema…
Un así…eu nunca o podería ter escrito…”( Joan Margarit, Premio Cervantes deste 2019)
As palabras de amor son invisibles para os ollos escurecidos que son olvidados.
Por iso o poema vai ferido.Baleirado.
Por iso é un poema sen sítio.
Cada quen de nós decide cal é o momento de non seguir querendo.
Pode que así quede melancolía, pero será incompleta.
Pode ser un amor metido en formol para que non se contamine de vida.
E o poeta volve ao outono cos ecos da voz harmónica, sempre convincente, de Dylan Thomas.
A vida lévao todo e priman as flores escuras.
E así a destaque a flor do recordo.
Do teu recordo.
“ Cando o inmóbil se pon en movemento…cando o movemento se inmobiliza…non hai movemento…nin repouso…” (Itxaro Borda)
Hai amor para todas?
Hai amor para todos?...
Consideremos nun aparte dous poemas premiados en Paradela de Lugo no Certame Manuel Orestes Rodríguez López Son dous poemas ao redor do silencio do xeo, onde se abre a mornura do sol que alumando… alimenta. Faino para que as mans se volvan como flores pousadas e as palabras se poñan de bo campar.Mesmo de luxo.
E así as preguntas indo con todo nun voo irmandado. O do paxaro supervivinte,No arrecendo do vestido negro ao armario acumulado dos defuntos.
E os ceos son de ferro.
III GRUPO: RUÍNAS.
Todas as palabras van de escuras. Avanzan con palidez asegurada, con medo tráxico.Por veces cegando cando choran.
Quen se paran por escoitar ?
A donde vai o vento, a luz…o berro?
A onde sen orde rigorosa cando as mans caen sen vida ás agachadas?
E destas recuperamos o amor xogando no desamparo de todos os obxectos.
Cortaron por fin a herba.
Agora xa non estás.
A sombra da morte aínda quente.
Agora recordo os gladiolos sobre ti.
E dou cabida ao teu cadáver.
Desta maneira e neste grupo. lugar poético, o terceiro do libro,camiñan os cans cegos, os homes virís, a xente pobre e leda…
E o poeta Angel González diría:
“ …aquí non pasou nada, pero un silencio súbito aluma o prodixio… pasou un anxo que se chamaba luz, ou lume, ou vida. E perdímolo para sempre”
E no descanso da filosofía dos días antigos, nese mediodía seco no costal das follas, alí o cadáver.
“ Pois a morte é….a luminosa tarde na ventá…con todas as túas cancións cantadas para sempre.O teu último aire segue en min, moi dentro, en suspenso. Non deixo que remate.”(Joan Margarit)
Recordarémolo sempre.
Non preguntemos que é a aventura.
Fagámola.
Pois…
“ as estrelas teñen brazos e bocas e fan grupos ao redor dun como pétalos na gorxa da rosa…” ( L Cohen)
Así os versos do SINDO a Ceos de Ferro.
Versos cheos de palabras que constrúen un mundo horizontal, aberto e disposto, feito libro para lelo.
El nada garda.
Vaiamos neste outono polo libro baleirando os armarios.
Sigamos por caixas e andeis. Entre miradas e pensamentos. De verso en verso.
Vexámolo ben antes de nos ir.
Leámolo.
Pois os poemas non poden estar en silencio.
Nunca tiremos as cartas de amor.
Nunca perdamos os poemas que son cartas escritas desde donde nin imaxinamos.
Nunca perdamos a poesía que nos fai tanta compañía para atravesar a vida.
Bicos a todas e a todos.Bicos de outono a ceos de ferro.
Bicos postos nos espazos libres que nos deixan os versos.Amor en poesía. Amor á poesía.
No MOME da Estrada a 21 do XI de MMXIX.