O asociacionismo cultural homenaxea a quen fora profesor na Estrada e colaborador do activismo cultural na nosa comarca
A entrega terá lugar o sábado, 22 de Abril, en Ferrol, a súa cidade natal e onde mora desde hai anos.
Entidades convocantes de Galiza Cultura
Entidades adheridas
FRANCISCO CARLOS RODRÍGUEZ SÁNCHEZ
Ingresa na Unión do Povo Galego en 1971 (partido de que foi secretario xeral entre 1981 e 1983 e entre 2005 e 2012) e é cofundador do actual Bloque Nacionalista Galego (1982), así como da Unión de Traballadores do Ensino da Galiza (1974), integrado na actual Confederación Intersindical Galega. Entre 1993 e 1996 foi deputado, polo Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego. Desde ese ano e até 2008, no Congreso dos Deputados, onde exerceu de portavoz desta organización e gañou xusta sona entre deputadas e deputados doutros grupos polo bon facer, rigor e entrega no seu traballo político e na presentación e defensa de múltiplas iniciativas relativas á Galiza, con criterio proprio sempre, asemade, en temas da política estatal e internacional. Especial preocupación do seu labor foi a referida a bibliotecas, arquivos, monumentos ou fitos da nosa historia, como a Muralla de Lugo, os castelos do noso territorio ou o cuidado da nosa riqueza e variedade paisaxística e ambiental.
Hai varios aspectos principais que queremos salientar do seu traballo, da súa traxectoria. En primeiro lugar, a súa vontade irrenunciábel de retornar ao seu país, consagrándose de cheo a dotalo de organizacións proprias, no político, no sindical, no cultural, no pedagóxico e no xornalístico. En segundo lugar, sempre dispuxo o seu traballo ao servizo do colectivo, na ansia
por fortalecer e dar continuidade no tempo a iniciativas culturais que contribuísen ao coñecemento de nós, a unha información autocentrada, á divulgación de feitos e personalidades fundamentais da nosa historia, literatura, arte... Foi animador de grupos de teatro en todos os centros de ensino que coñeceron a súa docencia, con representación de obras de Marinhas del Valle e Manuel María, por exemplo. Tal vocación tamén se fixo presente nas asociacións culturais en que colaborou, como a Auriense, de Ourense ou, na actualidade, Medulio, de Ferrol, con dramatizacións de textos e obras de Rosalía de Castro, Curros, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María. Á súa iniciativa se debe a musicación e interpretación de poemas rosalianos por parte de Tempo Catro, grupo formado por profesores do Conservatorio de Ferrol e a cantante Begoña Lorenzo, con disco editado pola AS-PG en 2013, ano en que se celebraron os 150 de publicación de Cantares gallegos. Cinéfilo de toda a vida, publicou, sob o pseudónimo Carlos Serantes, moitas críticas de filmes no semanario A Nosa Terra.
É, de certo, o seu un labor sociocultural por excelencia, fóra e lonxe de toda promoción persoal, sempre na procura dunha socialización dos saberes e das focaxes modernas na literatura, na análise política, na información sobre a actualidade ou na investigación de figuras centrais da nosa contemporaneidade. Tal vocación traduciuse en centos e centos de actos culturais portoda a nación, sen acepción de persoas, lugares ou ambientes, sen desdeñar, aliás, unha acción específica dirixida ao mundo do ensino en todos os seus níveis. Non é mérito menor ter sido o primeiro en disertar sobre nocións relativas á lingua galega (a normalización, por exemplo, ou o conflito lingüístico), asentadas noutras áreas nacionais ou xeográficas e que se fixeron despois de uso común e xeral. A utilización, hoxe mesmo, de certas ideas de recambio referidas a Rosalía de Castro, nunha orientación de a definir conforme reclama a súa obra, están definidas e documentadas pola súa investigación e divulgación desde hai máis de trinta anos. É figura de referencia para investigadores ou escritores como Kathleen N. March, Rafael Ninyoles, Aureli Argemí ou Catherine Davies. Foi galardoado en 1993 co premio á personalidade internacional outorgado polo CIEMEN catalán.
Capítulo á parte merece a súa pioneira dedicación á sociolingüística da lingua galega, con obras fundamentais como ConíHto Hngüístico e ¡deoloxía na Galiza, de 1976, que acada sucesivas edicións con significativas engádegas, até a 5ª, publicada en 2016, obra que acompaña outros moitos estudos sobre a filosofía lingüística da Constitución española, a caracterización do conflito lingüístico galego, as limitacións e sevicias da política autonómica ou as consecuencias a imposición normativa. Dedicación que se correspondeu co efectivo uso da lingua galega no labor docente como lingua vehicular, na demostración práctica da súa validade e necesidade neste ámbito.
É o autor da primeira tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro defendida na Universidade Galega (Xaneiro de 1988). Presidido o tribunal que a xulgou por Ricardo Carvalho Calero (foi o derradeiro acto académico do insigne intelectual), os membros do mesmo coincidiron en sinalar como marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a escritora. Publicada pola AS-PG naquel mesmo ano (Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, que mereceu no ano seguinte o premio da crítica galega ao ensaio), é o ponto de chegada dunha continuada investigación sobre a autora fundacional da literatura galega, nun afán por situala na súa verdadeira función, ideoloxía e estética, e é, asemade, un ponto de partida para futuras análises e investigacións que dela se alimentaron. Vinte e tres anos despois, en 2011, no mesmo selo editor, Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. A persoa e a obra de onte a hoxe, monumental obra de máis de setecentas páxinas, en que actualiza e incorpora novas descobertas para o coñecemento cabal de personalidade e produción literaria tan relevantes como as que definen a autora maior da literatura galega. Mais o seu labor científico e divulgador coñece outros moitos fitos significativos: sobre Curros Enríquez, Cabanillas, Castelao, Ramón Vilar Ponte, Eduardo Blanco Amor, as Irmandades da Fala, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Valle Inclán..., con publicacións en libro, actas de congresos, xornadas pedagóxicas, prensa, revistas especializadas ou historias da literatura, sendo de destacar os centos de artigos —de opinión, investigación e divulgación-publicados en xornais e medios dixitais.
A súa traxectoria bibliográfica e publicística é solidaria, en fin, dun continuado e perseverante traballo de socialización cultural para todo tipo de públicos, sempre presto á colaboración coas asociacións culturais do país ao longo de todas estas décadas. Francisco Rodríguez representa, pois, o mellor da entrega paciente e persistente, sen desfalecementos e concesións á vaidade ou á promoción persoal, a unha necesidade vital para a Galiza do presente, para as galegas e os galegos de hoxe e do futuro: a necesidade de valorarmos o proprio, de responsabilizarnos dos nosos destinos, de coñecermos o noso pasado tan desfigurado ou oculto.
Na intelixencia de que a cultura non é un apósito ornamental ou prescindíbel, senón un alimento fundamental para sermos humanos plenos e para recoñecérmonos como galegas e galegos coa debida dignidade, Galiza Cultura hónrase en recoñecer na súa persoa non só un inxente traballo realizado senón un exemplo de honestidade intelectual, rigor científico e entrega a unha causa colectiva, nacional, que define igualmente o labor que caracteriza as asociacións culturais que nel e na súa obra nos identificamos.