Tras licenciarse en Historia da Arte e formarse como actriz, Antía Otero centrou o seu traballo arredor da práctica escénica e da escrita. Publicou, entre outros, os seguintes poemarios: O son da xordeira, (Retro)visor (finalista nos premios AELG), O cuarto das abellas (mellor libro de poesía na II Gala do Libro Galego) e O branco non pinta!, que foi a súa primeira obra para público infantil. Os seus textos poden verse tamén en multitude de publicacións colectivas e revistas. Codirixe xunto a Dores Tembrás o proxecto editorial Apiario e coordina cursos de arte, poesía e escrita creativa.
En Barroco Antía Otero reflexiona sobre a relación entre a arte e a escrita. A autora busca no libro un vínculo entre a experiencia artística e a realidade cotiá; ao tempo que reivindica o papel da muller na arte. A colección de poemas de Barroco constrúese a partir das vivencias e das lembranzas de Antía Otero, suxeridas por obxectos íntimos e comúns, por lugares, paisaxes, sensacións, persoas…, revivindo o pasado dende o concepto do efémero. Do mesmo xeito que a arte barroca utiliza a técnica da acumulación e do claro-escuro, o libro tamén parte da acumulación de experiencias e recordos que nos constrúen como persoas e do claro-escuro dos transos vitais.