Mitos, lendas e contos do Concello da Estrada
Para a AC Vagalumes é obxectivo prioritario o coñecemento e valorización do noso patrimonio, tanto material como inmaterial. A mitoloxía popular pertence ao conxunto do riquísimo patrimonio inmaterial do noso país, pero a súa vixencia e transmisión están en retroceso. O mundo labrego tradicional que a sustentaba devece e a última xeración de persoas depositarias e usuarias destes saberes está a desaparecer. Os mitos populares expresan a interpretación que a sociedade labrega tradicional fixo do pasado e da realidade en que vivía e cumpriron unha importante función de cohesión social. Polo tanto, é importante coñecelos, comprendelos e valoralos porque constitúen un elemento significativo da nosa particular concepción do mundo e explican moitas das claves da nosa identidade.
Os mouros e as mouras, os tesouros ocultos, os demos, as meigas, as visións, as ánimas en pena... constitúen unha auténtica mitoloxía popular galega, creada e transmitida polo pobo ao longo de moitas xeracións. En A Estrada encantada a autora prentende facer unha compilación, clasificación e interpretación de mitos e lendas recollidos no noso concello.
- Dende a AC Vagalumes recordamos que as persoas asistentes ao acto serán agasalladas cun exemplar do libro.