O seu libro “A gran mortaldade” fálanos do fin do mundo. Cando menos dun mundo, Cerdedo, o mundo rural, a identidade forxada pola sedimentación de séculos de experiencias compartidas. Mais lonxe de axudar a “ben morrer” como pretenden as diferentes relixións e de consolarnos coa promesa de pasar a mellor vida, nesta extrema unción coa que nos bendice o autor non hai lugar á salvación mais si á eternidade a través dun recurso que un pobo suicida foi perfeccionando a través do tempo e que hoxe supón unha das nosas maiores sinais de identidade: rirnos da morte.
Estamos diante dunha obra de arte total que desde o punto de vista literario esténdese desde a narrativa até a poesía e o ensaio, que coas súas ilustracións soborda a escrita para presentar outros produtos estéticos, mais o feito de como é maltratado todo este inxente traballo polo ex-concello ao servizo do cal se fai; representa unha performance no que participan as autoridades pertinentes co seu silencio e coa obscena dedicación a finxir estar vivos que completan o cadro total do que supón a aparición desta publicación.